Noutro temporal en novembro, pero 17 anos despois, Galicia volveu ollar o mar coa lembranza da pantasma do Prestige moi presente. O quimiqueiro Blue Star encallou na noite deste venres na costa de Ares, logo de impactar na zona das Mirandas e preto das praias da Barrosa e da Canteira, tras ser arrastrado polo forte vento ao sufrir unha avaría cando saía do fondeadoiro onde se estivera resgardando.
Alí segue o buque, máis de 24 horas despois, logo que fracasasen varios intentos para o sacar e remolcar, o primeiro na pleamar das 13.30 e outro xa de madrugada, arredor das 2, con máis efectivos incorporados. Outro previsto para as 14 horas deste domingo foi finalmente suspendido logo de que Salvamento Marítimo anunciase que a compañía SMIT tomaba o mando das operacións de refrote, contratada polo armador da embarcación, e que presentará "con urxencia" un plan de salvamento ante Capitanía Marítima.
O buque, de 128 metros de eslora, navegaba sen carga. A tripulación mantense a bordo a espera de que o barco poida ser remolcado tras ser imposible na noite
A tripulación do buque, de 128 metros de eslora, atópase a salvo, e na pasada noite era rescatada polo helicóptero Helimer 401, de Salvamento Marítimo. Tampouco hai danos medioambientais, pero preocupan as dificultades para retirar o buque. No intento de remolque do sábado racharon os catro cabos. No da madrugada, a situación tamén se complicou ao romper a estacha malia que se empregou un sistema de cable de remolque reforzado e se incorporou o remolcador Ibaizabal xunto ao Don Inda.
Segundo fontes que participan na operación de rescate, a situación do barco non é polo de agora perigosa, pero a dificultade para desencallalo podería complicala este domingo. O mal tempo previsto para esta xornada complicara moito máis o operativo e tamén o risco co combustible de autoconsumo que a embarcación leva a bordo. Salvamento Marítimo trasladou tamén dous buzos ao Blue Star de madrugada.
O barco quimiqueiro non levaba carga, senón que precisamente navegaba desde Bilbao cara á Coruña para cargar algún produto químico. O Blue Star ten bandeira de Malta e foi construído en 2011. Ningún dos seus tanques foi afectado e, polo momento, non hai contaminación ningunha na zona. Os seus 16 tripulantes atópanse en perfectas condicións.
O buque sufriu unha avaría que o deixou a mercé do forte temporal no mar cando saída do fondeadoiro de Ares cara á Coruña
Foi pasada a media noite do venres ao sábado cando empezaron a saltar as primeiras alarmas. As embarcacións de rescate María Pita, Hocho e Salvamar Betelgeuse foron as primeiras en acudir á zona, a onde chegaron logo os remolcadores Ría de Vigo e Don India.
O barco tivo un problema --un incendio na zona da cheminea-- cando intentaba saír do fondeadoiro de Ares para tomar práctico e entrar na Coruña. Ao intentar sufocalo, unha avaría na sala de máquinas provocou que quedase a mercé do mar e fose arrastrado polo vento e as ondas cara á costa, onde quedou enganchado entre as rochas, coa hélice ben atascada.
Nun primeiro momento, a posibilidade era a de evacuar a tripulación en helicóptero, pero non foi posible polas fortes ondas e os importantes refachos de vento. As condicións do mar obrigaron mesmo a afastarse aos remolcadores que acudiran a axudar o buque. Con todo, e coa chegada dunha maior calma, os 16 tripulantes quedaron no barco e a maioría deles atopábanse en cuberta xa ao mencer.
O intento por remolcar o barco ás 2 da madrugada tamén fracasou, polo que se repetirá a operación ás 14 horas deste domingo
Arredor das 13 horas do sábado comezaron os primeiros traballos para intentar desembarrancar o buque. A operación é complexa e racharon catro cabos dos remolcadores, que lograran unirse ao buque grazas ao helicóptero Helimer.
O novo intento sobre as 2 da madrugada, na nova pleamar, foi tamén infrutuoso e contábase con volver intentalo ás 2 da tarde, cando a marea volvese estar alta. Finalmente, o operativo foi suspendido á espera de que SMIT, compañía que se puxo ao mando do intento de remolque, presente un plan de salvamento ante Capitanía Marítima. Esta compañía, de importante prestixio nestas operacións, intentou tamén o rescate do Prestige hai agora 17 anos.
Aínda que os tanques do Blue Star están baleiros, a Xunta despregou xa en fase de alerta o Plan de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) para responder en caso dalgunha vertedura polo combustible ou restos que puidese haber no barco.
O delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, aclarou que no plan que presente SMIT esíxese que calquera fórmula para o remolque sexa precedida do "baleirado do combustible", que é a "prioridade", polo que o intento de rescate da embarcación non se poderá levar a cabo sen antes extraer o devandito combustible. "Calquera decisión que se tome pasa por esa retirada previamente", dixo en declaracións á Radio Galega.
O alcalde de Ares, Julio Iglesias, xa manifestou a súa preocupación pola dificultade de sacar o buque de entre as rochas e lembra que ten "unhas 100 toneladas de combustible" que, destaca, non é pouca cantidade. Así, o rexedor avoga por que, "de durar esta situación días", se intente "baleirar o combustible do barco". "O tempo muda e aquí o venres houbo ondas de entre 6 e 8 metros", lembra.