Miguel Uclés é presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia. O pasado sábado desprazouse a Madrid xunto a milleiros de compañeiros de Galicia e doutros territorios para reclamar un servizo público de calidade e unha “lei marco” que regule todos os profesionais do Estado. A xornada reivindicativa acabou mal para este traballador do parque vigués, que foi agredido por un grupo fascista entre insultos e berros como “puto independentista”.
Miguel Uclés foi abordado e golpeado por un grupo fascista ao ser confundido cun independentista catalán: "Estaban axustizándome en público"
Confundido cun manifestante a prol da independencia de Catalunya, conta agora que o dano "foi máis moral que físico". Miguel Uclés camiñaba cara ao coche para gardar as bandeiras usadas na mobilización da praza de Neptuno, onde o esperaban os seus compañeiros, cando foi abordado polas costas. Moi preto de Cibeles, foi rodeado por cinco persoas que comezaron a insultalo. Unha delas bateu nel varias veces, mentres o bombeiro preguntáballe que facía e advertíalle de que se estaba a trabucar, que el era galego.
"Levaba unha camiseta que pon Vigo sen bombeiros e unha bandeira de Galicia. De súpeto, comezan a insultarme e logo a golpearme, a dicirme cousas que nunha sociedade libre ninguén ten dereito a dicir", conta Uclés, bombeiro que exerce como delegado sindical da CIG no parque de Vigo e que hai dous anos relataba en primeira persoa o drama vivido na zona cero da destrutora vaga de incendios do outono. Agora relata unha agresión "sorprendente": "Estaban axustizándome en público".
Para Uclés, o máis "frustrante" foi a actitude dos viandantes. "Estaba no medio da rúa, no centro de Madrid, con centos de persoas camiñando e pasando por alí, e non é que non parasen ou me defendesen, é que nin observaban. Esa sensación de invisibilidade foi o peor", conta o bombeiro, que ao repoñerse da agresión e recuperar os lentes foi detrás dos culpables para intentar denunciar ao momento e intentar atopar un policía.
O bombeiro asegura que o "frustrante" foi comprobar a actitude dos viandantes: "Ninguén facía nada; foi peor esa sensación de invisibilidade que a dor"
"A xente camiñaba sen parar; eu ía comentando que me acababan de agredir e ninguén facía nada... Mesmo houbo quen se me encarou para dicirme que se cadra aínda levaba algún golpe máis", lembra quen di que foi peor "a sensación de invisibilidade, a apatía da xente e a impotencia que a dor".
Uclés asegura que non busca "alarmismo, nin moito menos", pero si que se pregunta "cara a onde estamos indo como sociedade". "Por unha banda estannos dando unha dose brutal de odio e pola outra hai unha caparuza de apatía que é brutal", insiste quen agradece a "morea" de apoios que está recibindo.
A agresión foi abortada ao descubriren os agresores que non era catalán nin independentista. E se o fose? "Se vou pacificamente, cunha camiseta ou bandeira que expresa algo no que creo, pero non fago dano a ninguén nin falto ao respecto... Cal sería o problema?", pregúntase. "Todo é lícito se respectas uns valores fundamentais nun Estado de dereito, todo o mundo ten dereito a expresarse", di.
Porque Miguel Uclés, está convencido de que tería moitos máis problemas se responde á agresión para se defender. "Daquela si que sería etiquetado pola camiseta que levaba, pero se cadra ninguén lle diría nada a quen, sen símbolo ningún, empezou a bater en min", reflexiona. "Se chego a ir cunha camiseta con insultos en inglés e berrando cunha cervexa na man, aínda me aplauden", ironiza quen non presentou denuncia pero que medita facelo nos vindeiros días.