"Feijóo recomendou chamar ao 112 para calquera cousa e colapsou a coordinación dos incendios"

Comparecencia conxunta de representantes do 112, bombeiros, brigadistas e axentes forestais CC-BY-SA Praza Pública

Representantes do centro de emerxencias, bombeiros, brigadistas e axentes forestais comparecen conxuntamente para relatar o “caos” vivido o domingo, do que culpan ao Goberno galego

O domingo pola tarde Feijóo recomendou á cidadanía que para calquera cousa chamasen ao 112 en vez de potenciar os teléfonos específicos; chamábase ao 112 incluso para preguntar polo estado das estradas”, o que colapsou un centro de emerxencias e suposta coordinación no que durante as horas máis complicadas da crise “nunca traballaron máis de 14 persoas atendendo os teléfonos”. Quen así se pronuncia é Susana Camba, membro do comité de empresa da central de emerxencias do 112, que este venres compareceu en Santiago acompañada de representantes dos bombeiros, brigadistas e axentes forestais para relatar o “caos total” vivido o domingo, do que coinciden en culpar ao Goberno galego.

Camba, do 112, estivo acompañada na súa comparecencia, por Miguel Uclés, presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia e vicepresidente da coordinadora estatal; Josafat Puente, presidente do comité da empresa pública Seaga en Pontevedra; Rafael Cudeiro, axente forestal membro da asociación Aprafoga que os agrupa; e Gustavo Tubío, membro da Plataforma de Bombeiros Públicos. Tras eles, dúas ducias de membros deses e outros colectivos que nos últimos días viñeron criticando a xestión da crise por parte do Goberno galego e que agora decidiron facelo conxuntamente.

A representante dos traballadores da central de emerxencias do 112 lamentou que alí “viviuse un colapso que se vía vir” e que afectou á coordinación dos diversos corposo e organismos implicados na loita contra o lume e a protección cidadá. Camba relatou que, malia preverse o que podía pasar, o domingo pola mañá só había sete persoas atendendo chamadas no 112, cifra que pola tarde foi reforzada “pero nunca máis de 14 persoas”. O servizo viuse incapaz non só de atender todas as chamadas por diversos tipos de emerxencias que realizaba a cidadanía senón tamén de atender as que realizaban os diversos organismos que actuaban sobre o terreo. “Non se habilitou unha liña específica para comunicarse como si ten o 061” de emerxencias sanitarias, salientou Camba.

O persoal do 112 lamenta un "colapso que se vía vir"; no inicio da xornada atendían o servizo 7 persoas e durante a tarde, "nunca máis de 14"

A representante dos traballadores do 112 foi especialmente crítica coa recomendación lanzada polo propio presidente galego de que a cidadanía chamase a ese número para “calquera cousa” en vez de potenciar teléfonos específicos como o 085, dedicado aos lumes forestais. “Outra cousa é que logo o 085 nos chame a nós para coordinar con outros dispositivos”, explicou. “O 112 é un organismo coordinador e nesta vaga de incendios non o puidemos facer, vendeuse que o centro está integrado pero non o está”, concluíu Camba.

Por parte dos bombeiros, Uclés quixo agradecer á cidadanía a colaboración. “Fixemos o que puidemos e como puidemos, quixemos facer máis e non se nos permitiu”, dixo, salientando que a resposta máis repetida que se daba desde a Xunta aos ofrecementos formulados durante a tarde do domingo por parte dos diversos parques de bombeiros era que non facían falta. Uclés foi crítico coa falta de canles de comunicación que permitan coordinar mellor aos diversos corpos implicados na loita contra o lume en vez de que cada un teña a súa propia rede interna. “A rede que usamos foi o WhatSapp”, exemplificou.

Os bombeiros alertan da falta de canles de comunicación entre todos o servizos do dispositivo contra o lume: "Usamos o WhatsApp"

Por parte dos axentes forestais, Rafael Cudeiro salientou que boa parte dos incendios rexistrados nesta vaga debéronse ás “partículas incandescentes desprazadas polo vento a centos de metros”. Tamén el criticou a falta de comunicación entre corpos: “non nos escoitamos uns aos outros, ten que haber un mando único e unha única canle de comunicación”, dixo. E ratificou a crítica de Camba: “O 112 colapsou, todo o mundo chamou alí e non ao 085”. Sobre o seu propio corpo, salientou que levan tempo pedindo a presenza de representantes na sala de coordinación do 112 pero a Xunta rexéitao.

Polos brigadistas, Josafat Puente salientou como os bombeiros están especializados nos incendios urbanos e eles nos montes, pero a crise da pasada fin de semana fixo que tivesen que actuar nos ámbitos inversos sen que ninguén os coordinase. Sobre as afirmacións da Xunta a respecto de que se volveran mobilizar todos os efectivos dispoñibles antes de que comezase a vaga de incendios, Puente puxo como exemplo que “o sábado e o domingo en Ourense non había ninguén de Seaga”, mentres que en Pontevedra só actuaron 40 brigadistas, “dos cales 12 eran voluntarios”, dos 125 que podían facelo.

"Os traballadores públicos non gañamos máis por que haxa máis lume, as empresas privadas si"

Puente tamén criticou o interese “dalgúns políticos e medios de comunicación” por presentar aos propios brigadistas como os que plantan o lume, a raíz da detención dun en Lobios xusto antes desta vaga de incendios. “Teño que lamentar a morte de dous compañeiros en 2010 e iso non se pode tolerar”, dixo, para engadir máis tarde que mentres “os traballadores públicos non gañamos máis por que haxa máis lume, as empresas privadas si”. O brigadista tamén se amosou crítico coa intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), da que dixo que “só actúa desde as entradas, non entra no monte”, para reclamar que sexan corpos especializados e públicos os que fagan fronte aos incendios priorizando as tarefas de prevención durante todo o ano.

Gustavo Tubío, da Plataforma de Bombeiros Públicos, esgrimiu unha información de Praza.gal para cargar contra o director xeral Tomás Fernández-Couto como máximo responsable de incumprir nas dúas últimas décadas o Plan Forestal de Galicia por destinar máis fondos á loita contra o lume que á ordenación dos montes. “Se destinas tantos cartos á extinción é que xa esperas que arda o monte”, sentenciou. Tubío tamén criticou que a falta de coordinación dos diversos corpos de emerxencia xa quedou patente durante o accidente de tren de Angrois ou no incendio da conserveira Fandicosta en Moaña, e que o Goberno galego nada fixo para mellorala.

Todos os que interviron coincidiron en criticar a falta de coordinación e o intento do Goberno galego de “botar balóns fora” e culpar a supostas tramas incendiarias que nunca se demostraron. A comparecencia conxunta concluíuna Uclés: “Xa que non hai coordinación nos gobernos, nós si que nos unimos”, dixo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.