O corte ferroviario polo temporal en Vigo seguirá este venres e amplíase cara a Ourense

Tren circulando polo Eixo Atlántico CC-BY-SA Xunta

Suspendidos os trens con orixe e destino Vigo, onde tamén foi suspendido o transporte marítimo na ría, cortes en estradas por derrubamentos, avións que non puideron aterrar e máis de 200 incidencias rexistradas polo 112. Esas foron algunhas das consecuencias da borrasca Leonardo ao seu paso por Galicia, que segue a sufrir as inclemencias dos continuos temporais que desde hai semanas azoutan con forza. 

Desde o día de Reis, as borrascas Goretti, Harry, Ingrid, Joseph e Kristin bateron con virulencia no país, que nas últimas xornadas recibiu a Leonardo, que xa nas primeiras horas deste xoves obrigou a suspender os servizos ferroviarias desde e cara a Vigo ante o risco de inundacións, unha medida que seguirá vixente ata, polo menos, o mediodía deste venres 6 de febreiro. 

Estrada cortada en Pantón pola derruba de pedras e terra CC-BY-SA Deputación de Lugo

Non circularon os trens entre Vigo Urzaiz e Santiago, Vigo Guixar e Santiago, Vigo Guixar Tui nin os Vigo Guixar-Ourense, tras unha medida que afectou tamén os traxectos de servizos comerciais que conectan con Madrid no traxecto Vigo-Santiago e Vigo -Ourense. E tampouco está previsto que o fagan este venres, segundo anunciou Renfe, o que provoca que a Xunta activase reforzos de bus e criticase que a compañía ferroviaria non dese alternativas. 

Os trens con destino e orixe en Vigo non circularon este xoves e non o farán o venres, segundo anunciou Renfe, que ampliou a suspensión do servizo á ruta Ourense-O Carballiño-Santiago

De feito, Renfe ampliou para este venres o corte ferroivario á ruta Ourense-O Carballiño-Santiago. "Derivado das condicións meteorolóxicas adversas, segue activo o risco de inundacións e desprendemntos de terras no Eixo Atlántico. Mantense suspendido o servizo ferroviario con orixe e destino Vigo e amplíase a Ourense-Carballiño-Santiago. Non se establece Plan Alternativo de Transporte por estrada", comunicou Renfe a última hora da tarde deste xoves

Xa que logo, os traxectos afectados este venres serán Vigo Urzaiz –Santiago, Vigo Guixar – Santiago, Vigo Guixar – Tui, Vigo Guixar – Ourense e Ourense - Carballiño - Santiago 

Por outra banda, o transporte marítimo na ría de Vigo tamén foi suspendido polas condicións adversas no mar, cancelando os servizos entre O Morrazo (Cangas e Moaña) e a cidade olívica. 

Ademais, o forte vento obrigou a que un voo de Air Europa que cubría o traxecto entre Madrid e Vigo tivese que regresar á capital do Estado, mentres que outro que chegaba desde as Canarias foi desviado a Santiago de Compostela. 

A borrasca Leonor obrigou a suspender o transporte marítimo na ría de Vigo, devolveu un avión a Madrid e desviou outro a Santiago

A borrasca Leonor provocou, ademais, que o 112 Galicia rexistrase máis de 200 incidencias ata a última hora da tarde do xoves, a maioría na provincia de Pontevedra, a zona máis afectada.

A maioría das intervencións rexistradas débense á caída de árbores, obxectos nas vías e cables (44, 17 e 9, respectivamente), estradas alagadas ou con bolsas de auga (22), desprendementos de terra e pedras (17), inundacións en vivendas e baixos (10), fochancas (10) e derrubamentos (4).

Nalgúns casos, as condicións climáticas tamén influíron nos accidentes de tráfico rexistrados, que sumaron 41, dos cales 28 resultaron sen feridos, 11 con feridos e dous nos que as persoas implicadas necesitaron axuda dos bombeiros. En canto ao reparto de incidencias por provincias, destacan Pontevedra e Ourense, con 82 e 55 incidencias, respectivamente, e A Coruña e Lugo con 47 e 29.

Temporal en Galicia neste mes de febreiro CC-BY-SA Xunta

Na provincia de Lugo, ademais, foron varias as estradas cortadas, como o caso da LU-P-4103, ao seu paso por Pantón, logo da derruba de pedras e terra por mor das fores chuvias. A Deputación foi quen se encargou de desprazar un equipo para despexar a zona. 

Ríos en vixilancia

Na mesma provincia, hai tamén estradas cortadas en Monforte, A Pobra do Brollón e Bóveda e tramos intransitables en Navia de Suara e Muras polos danos que as precipitacións causaron nalgunhas pontes. Ademais, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pediu durante o día extremar as precaucións entre o quilómetro 536 da A-8, na Veiga de San Tomé, ao 552, no Someiro, debido ao forte vento. 

Ademais, numerosos ríos manteñen unha vixilancia especial por parte da Xunta por risco de desbordamento, unha situación que xa se deu nalgunhas zonas como en Betanzos. As crecidas inundaron as ribeiras fluviais en varios concellos, con Ribadavia e A Peroxa en nivel vermello. 

Co Plan Inungal activo en fase de preemerxencia, o foco está posto nos seguintes ríos: na provincia de Coruña: Mero (Cambre), Río Grande de Xubia (San Sadurniño), Sar (Ames), Barcés (Abegondo), Tambre (Oroso e Trazo) e Mandeo (Coirós); na de Pontevedra: Lérez (Pontevedra), Miñor (Gondomar), Maceiras (Redondela), e Gallo (Cuntis); na de Ourense: Miño (A Peroxa, Ourense, Ribadavia, Salvaterra de Miño), Avia (Ribadavia e Leiro), Arnoia (Baños de Molgas e Arnoia), Limia (Bande), Tea (Salvaterra de Miño) e Támega (Castrelo do val e Oímbra); na de Lugo: Rego do Batán (Lourenzá).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.