Adega, AEMS-Ríos con Vida, Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural reclaman á Xunta a inclusión do salmón no catálogo galego de especies protexidas, e Adega alerta tamén da "situación crítica" de lamprea e anguía
As entidades ecoloxistas Adega, AEMS-Ríos con Vida, Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural veñen de solicitar á Consellería de Medio Ambiente a inclusión do salmón atlántico no Catálogo Galego de Especies Ameazadas polo seu declive nos ríos galegos. Ademais, Adega considera que están "tamén en situación crítica" a anguía e a lamprea. Un pronunciamento que chega despois de que o pasado sábado Praza.gal publicase unha ampla reportaxe sobre estas tres especies e como biólogos e cociñeiros piden a súa protección fronte a promoción que as administracións fan do seu consumo. [Lamprea, anguía, salmón: así festexamos a extinción nos ríos galegos].
As entidades salientan que as poboacións de salmón caeron "máis dun 80% desde 1970" e os ríos con poboacións reprodutoras pasaron de 20 a "menos de 8 na actualidade"
As catro entidades ecoloxistas citan na súa reclamación á Xunta diversos estudos recentes sobre o descenso continuado das poboacións de salmón en Galicia, tanto no número de capturas como na distribución dos ríos ocupados. Así, as poboacións caeron "máis dun 80% desde a década de 1970 e o número de ríos con poboacións reprodutoras pasou de máis de 20 sistemas fluviais históricos a menos de 8 na actualidade".
"Moitos ríos que antes eran salmoneiros (Eume, Tambre, Sor, etc.) perderon por completo as súas poboacións, e nos que aínda persisten, como o Ulla, apenas se contabilizan 50 individuos reprodutores (eran miles hai só unhas décadas), moi por baixo do límite para garantir a viabilidade da poboación", din as entidades. No caso do Ulla, e malia que a Xunta vén de prohibir por primeira vez para este ano a pesca do salmón en todos os ríos de Galicia, vaise facer unha excepción e vaise permitir pescar a especie coincidindo coa Festa do Salmón da Estrada.
As entidades ecoloxistas din que "para reverter esta situación, faise necesario recoñecer o estado crítico das poboacións de salmón galegas tanto pola súa reducida abundancia como pola velocidade do seu declive, e declarar a especie como en perigo de extinción para, deste xeito, desenvolver con urxencia un plano de recuperación".
Ademais deste pronunciamento conxunto das catro entidades, Adega engade que outras especies como a anguía e a lamprea están "tamén en situación crítica". Para esta entidade as dúas especies "experimentaron nas últimas décadas un declive catastrófico que, caso da anguía, sitúaa no limiar da extinción". Adega considera adecuado o anuncio do Ministerio para a Transición Ecolóxica de considerar a anguía en perigo de extinción e pide á Xunta "iniciar con urxencia os trámites para protexer e recuperar ambas especies, comezando por unha veda total, a catalogación da anguía como En perigo de extinción e extensión da protección da lamprea, agora considerada vulnerábel nas bacías cantábricas e no arco ártabro, a todos os ríos galegos".