A Audiencia Nacional obriga a demoler un encoro no Eo fronte ao argumento de Enel de que "a natureza tivo un século para adaptarse"

Encoro de Pé da viña, no río Eo entre Trabada e Asturias © Concello de Trabada

Tras extinguirse a concesión, de 1907, o Estado ditou que o río debe volver ao estado natural polo efecto negativo da presa para a migración de salmóns ou lampreas, a empresa rexeitou facelo e agora a xustiza imponllo

A Audiencia Nacional vén de emitir unha sentenza na que ratifica a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica que en xuño de 2019 declarou extinguido o prazo concesional para obter enerxía hidroeléctrica do encoro de Pé da viña, construído hai un século no río Eo, entre o concello lucense de Trabada e o asturiano de San Tirso de Abres. A resolución, avalada agora pola xustiza, obriga á derradeira concesionaria, Enel Green Power España, que a obtivo ao adquirir Endesa, a demoler o encoro e restaurar a paisaxe da contorna. 

Tanto o ministerio como a Xunta salientaron durante o proceso administrativo de extinción da concesión o obstáculo que a presa supón para a migración de especies como o salmón ou a lamprea. Porén, a empresa argumentou no proceso xudicial, segundo reflicte agora a sentenza, que “a natureza tivo máis dun século para adaptarse a ela” e que “os trastornos provocados pola demolición causarían máis mal que ben”. A Audiencia Nacional, pola contra, conclúe que por parte das administracións “quedaron acreditados os motivos de protección medioambiental que aconsellan a demolición das instalacións e a súa adecuación paisaxística”.

O encoro nunha imaxe da asociación Ríos con Vida, que vén reclamando desde hai anos a súa desaparición © Ríos con Vida

O encoro de Pé da viña é froito dunha concesión outorgada en 1907 para o aproveitamento para a produción de enerxía eléctrica de 3.500 litros de auga por segundo. A concesión, cuxas condicións foron variando co tempo, acabou, a través de Endesa, en mans de Enel, autorizada a empregar ata 6.000 litros por segundo ata mediados da pasada década. Rematado ese prazo, a Confederación Hidrográfica do Norte iniciou a comezos de 2016 o expediente de extinción, que tería que reiniciar novamente a finais de 2017 tras pasar máis de 18 meses do primeiro trámite sen chegar a ditar a súa resolución final.

A empresa argumentou que “os trastornos acarreados pola demolición causarían máis mal que ben”, pero o tribunal salienta que só puxo o foco nos efectos inmediatos das obras, non nos "beneficios ambientais vinculados de maneira directa, e a longo prazo, á desaparición”

Unha vez obtido o ditame favorable do Consejo de Estado e con informes no mesmo sentido da Xunta, do Principado de Asturias e da propia confederación hidrográfica, a decisión final do ministerio de xuño de 2019 foi considerar rematada a concesión e reclamar a Enel a demolición de todas as instalacións. Fronte a esa resolución a empresa recorreu ante a xustiza argumentando que a demolición non era viable nin legal nin ambientalmente. 

Segundo os argumentos de Enel, estábanlle a fixar de xeito retroactivo unha condición, a de demoler o encoro ao rematar o prazo, que non figuraba na concesión orixinal de 1907. Ademais, amparada en peritaxes solicitadas por ela mesma, argumentou que as instalacións están en tan bo estado “que permitiría a continuidade da explotación” mesmo “a longo prazo”. E que as obras de demolición terían impacto negativo sobre a natureza, non só durante a súa execución senón tamén pola desaparición das comunidades vexetais e animais asociadas á auga alí encorada. “Trátase dunha presa que ten máis de 100 anos, polo que a natureza tivo máis dun século para adaptarse a ela”, di a sentenza que argumentou a empresa no proceso xudicial, no que tamén defendeu que “os trastornos acarreados pola demolición causarían máis mal que ben”.

Imaxe do encoro, que malia a súa escada para peixes supón un obstáculo para varias especies © Ríos con Vida

Segundo a sentenza, mesmo se argumentou que a canle de derivación da auga do encoro para a produción de enerxía “parece actuar como límite da expansión de poboacións de eucalipto presentes na zona”. Incluso a nivel patrimonial a empresa esgrimiu que a demolición suporía a desaparición da “primeira explotación que transformou enerxía hidráulica en eléctrica na comarca”.

A Xunta defendeu que o encoro "altera de maneira determinante boa parte dos valores ecolóxicos” do río Eo

Pola contra, a Audiencia Nacional rexeita todos os argumentos da empresa. A sentenza comeza negando a suposta retroactividade da orde de demolición, e salienta que cada vez que a concesión foi mudando de mans a nova concesionaria foi asumindo a nova lexislación vixente en cada momento, non a de 1907. Que a concesión de hai un século establecese que o encoro e o resto de instalacións construídas reverterían no Estado ao seu remate sen que a concesionaria tivese que demolelas non implica que a lexislación non mudase e actualmente, como vén avalando o Tribunal Supremo, a administración poida impoñer outras condicións para o remate das concesións.

Canto aos argumentos ambientais, a Audiencia Nacional xulga máis adecuados os das administracións (Xunta, Principado e Estado) que os das peritaxes de parte encargadas pola empresa. A sentenza dá especial valor aos informes da Xunta, “con gran detalle e exhaustividade”, que sinalaron que o encoro “altera de maneira determinante boa parte dos valores ecolóxicos” do río. O informe galego sinala que o encoro supón o límite de distribución da lamprea no Eo, que polas súas condicións é un río adecuado para a súa reprodución augas arriba. Tamén que, malia as escadas para peixes habilitadas no encoro, este ten “efectos significativos negativos na baixada de xuvenís de anguía, salmón, troita e reo”. A sentenza recolle igualmente diversas eivas detectadas nunha visita de inspección realizada pola confederación hidrográfica.

Argumentos en defensa da demolición do encoro empregados pola Xunta e recollidos pola sentenza da Audiencia Nacional CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia Nacional tamén salienta que a empresa centrou os seus argumentos ambientais nos danos que suporá a demolición do encoro “durante o período das obras de desmantelamento, analizándose en menor medida os beneficios ambientais vinculados de maneira directa, e a longo prazo, á desaparición” do mesmo, “que é o que corresponde analizar a efectos de xustificar ou non dito desmantelamento”.

Con todos eses argumentos a favor e en contra, a Audiencia Nacional conclúe ratificando a decisión do ministerio de que Enel deberá demoler á súa conta o encoro e recuperar paisaxísticamente a contorna. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.