O Hospital Montecelo pecha a UCI para facer obras en plena pandemia

O hospital de Montecelo, dende Santa María CC-BY-SA juantiagués

A UCI do Hospital Montecelo de Pontevedra foi pechada o pasado mércores 22 de abril, en plena pandemia, para facer obras. A Unidade de Coidados Intensivos, con dez camas, mantense fóra de servizo logo da orde da dirección do centro, que ordenou baleirar o espazo e trasladar a reanimación os dous enfermos de coronavirus que estaban ingresados. 

Persoal da UCI denuncia unha medida que "non respecta as normas do plan de continxencia fronte ao coronavirus do Sergas"

Así o denunciou persoal da unidade. que amosou a súa "indignación" ante unha decisión que a xerencia do hospital xustificoulles na dimunición do número de ingresos de pacientes críticos pola Covid-19 e na suposta idoneidade do momento para realizar as obras de mantemento. "Estas políticas de uso tomadas polo órgano de administración hospitalario non respectan as normas do plan específico de contixencia fronte ao coronavirus redactado polo Sergas para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés", asegura a entidade que defende os intereses da enfermería precaria en Galicia. 

O conselleiro de Sanidade, visitando o hospital de Montecelo © Xunta

Segundo explica persoal de enfermería do centro nun comunicado, a falta deste tipo de instalacións provocou a modificación doutras unidades análogas dentro do propio complexo hospitalario, a creación de novas unidades de similares características dentro do centro ou o traslado de pacientes a outras unidades de UCI de xestión privada como as do Hospital Quirón, que serían "mostras significativas da saturación dos hospitais pertencentes á área sanitaria".

"O Hospital Montecelo ten na actualidade con pacientes en estado crítico, que precisan atención intensiva, trasladados á unidade non organizada para iso"

"O Hospital Montecelo ten na actualidade con pacientes en estado crítico, que precisan atención intensiva, trasladados á unidade non organizada para iso", denuncian. 

As obras da UCI pretenden a construción de dous boxes de illamento, o pintado do espazo e a renovación da iluminación e a limpeza das instalacións e dos condutos. Non hai data de remate aínda que a dirección espera que axiña acaben uns traballos que provocaron o enfado de persoal médico do hospital. 

Segundo persoal do hospital, a decisión produciu "unha enorme indignación e descontento entre as enfermeiras da unidade", as primeiras profesionais en recibir aos pacientes covid críticos, tendo así, que aprender a correcta utilización e retirada dos EPIS. Tras a primeira onda de ingresos, os seguintes en recibir pacientes críticos, foron o persoal de URPA e REA progresivamente, os cales buscaron apoio e información no devandito persoal.

"Despois de todo o esforzo, tanto físico como psicolóxico, o persoal de enfermería de coidados intensivos, sentese desamparado e á espera de que a dirección decida onde deben traballar os seguintes días, ata a nova reapertura do seu servizo habitual, que non ten data programada", denuncia o comunicado. 

Precisamente, no Consello da Xunta deste pasado venres aprobouse tramitar a contratación da primeira fase da ampliación do Hospital Montecelo, á que prevé destinar ata 115 millóns de euros. O Consello xa abordara esta mesma obra en novembro do ano pasado, daquela como informe antes do envío dun anuncio previo ao Diario Oficial da Unión Europea. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.