No ano 2008 erixiuse na aldea de Ventoselo, no concello ourensán de San Amaro, un tempo budista que nos últimos anos se converteu nun dos máis importantes da Península Ibérica. O complexo monástico Chu Sup Tsang (fonte inesgotable de sabedoría) ocupa un terreo de 30.000 metros cadrados no que se ergue unha antiga casa tipicamente galega que xa foi adquirindo algúns elementos estéticos propios da rexión tibetana e que pode acoller unhas 60 persoas a xeito de hospedaxe. Ademais, o mosteiro dispón dunha gompa ou sala de meditación.
O investimento total ascende a 1,5 millóns de euros e está pendente da súa definitiva autorización por parte da Xunta
Dende o ano 2009 o mosteiro acolle a celebración de retiros espirituais e cursos, un Programa de Estudios Budistas coordinado polo lama Gueshe Tenzing Tamding, director do centro, que tamén se despraza a outras localidades para impartir charlas e conferencias.
Dende entón é cada vez máis habitual a presenza dos monxes budistas en San Amaro, que conta con pouco máis de mil habitantes. Así mesmo, é cada vez máis importante para a localidade a chegada das numerosas persoas que participan nas actividades do mosteiro durante practicamente todo o ano, que proceden de todo o Estado español, pero tamén doutros países de Europa e América.
O alcalde destaca que San Amaro "é xa un referente por contar con este Mosteiro Chu Sup Tsang–Universidade Budista, un dos máis importantes de España e de Europa"
O complexo segue medrando e está a piques de ser aprobada a construción dun gran templo con capacidade para 500 persoas, unha nova gompa que terá dous andares, unha biblioteca que conterá unha colección de textos de todas as relixións e filosofías, unha estupa (edificio dedicado ao culto) de 17 metros de altura e unhas novas 30 casas de retiro e dormitorios para acoller a 70 persoas máis.
O investimento total ascende a 1,5 millóns de euros e está pendente da súa definitiva autorización por parte da Xunta de Galicia, que podería producirse en breve.
O alcalde de San Amaro, Rubén Gómez, xunto con outros membros do Grupo de Goberno, visitaron este domingo o Monasterio Chu Sup Tsang, onde coñeceron o Venerable Gueshe Tenzing Tamding. O rexedor salienta que “é o proxecto de máis envergadura realizado no noso Concello" e lembrou que San Amaro "é xa un referente por contar con este Mosteiro Chu Sup Tsang–Universidade Budista, un dos máis importantes de España e de Europa, e este investimento será un novo revulsivo para atraer visitantes ao noso Concello”. O proxecto de ampliación do complexo foi xa aprobado polo pleno e dende o Concello asegúrase que a licencia de construción se concederá con rapidez.
O obxectivo do centro é converterse no primeiro mosteiro universitario budista de España
O novo templo acollerá unha estatua de Buda Shakyamuni chegada desde Asia a Chu Sup Tsang en 2014, con case 3 metros de altura e 350 quilos de peso nestes momentos, en que permanece oca. Tras o seu futuro enchido con "millóns de mantras" escritos en pequenas tiras de papel, e diferentes reliquias e obxectos sacros, segundo establece a práctica da tradición budista, chegará a pesar máis de 900 quilos
O obxectivo do centro é converterse no primeiro Mosteiro Universitario budista de España para "expandir o Darma de Buda en occidente de maneira estable, creando un lugar no que calquera persoa interesada poida mergullarse nas preciosas ensinanzas de Buda".
O mosteiro procura o "florecemento e a preservación da filosofía, cultura e relixión budista tibetana en España e no resto do mundo, que fomenta o respecto aos dereitos humanos e o respecto á tolerancia entre todos os pobos e relixións", destaca a Fundación, que conta cunha vintena de centros no Estado español (entre eles, na Coruña e Vigo) e con grupos colaboradores noutros lugares, como Ferrol, Ponteareas ou Lugo.