O número de persoas hospitalizadas polo coronavirus en Galicia chega a 194, 28 delas en UCI

CC-BY-NC-SA Praza Pública

As cifras de persoas infectadas polo Covid-19 continúan a súa escalada en Galicia e en todo o Estado. Os últimos datos que vén de facilitar a Consellería de Sanidade, sitúan o número total de casos positivos nos 721, fronte aos 568 do día anterior, mantendo unha suba do 27%, moi semellante á do xoves.

O número total de casos positivos nos 721, fronte aos 568 do día anterior, mantendo unha suba do 27%, moi semellante á do xoves

Nas últimas horas producíronse tres novos falecementos, sumando un total de 12 mortes. Trátase dunha dunha muller de 68 anos e dous varóns de 93 e 74 anos que estaban ingresados no CHUAC da Coruña e tiñan patoloxías previas en todos os casos. Ademais, houbo unha nova alta, chegando a un total de 6.

No conxunto do Estado, o número de positivos polo Covid-19 achégase aos 25.000, con case cinco mil novos casos rexistrados este venres. O número de falecementos sitúase nos 1.326, 324 máis que onte. Madrid, con case 9.000 casos, e Cataluña con máis de 4.000, son as comunidades con máis persoas infectadas; Euskadi, Navarra e A Rioxa son os territorios, xunto con Madrid, con máis positivos por habitante. A Comunidade de Madrid, que suma 804 mortes, está a experimentar unha grave situación de saturación nos seus hospitais, con 767 persoas enfermas de coronavirus na UCI.

Nas últimas horas producíronse tres novos falecementos, sumando un total de 12 mortes

Con todo, dende hai días as autoridades sanitarias veñen subliñando que os indicadores máis importantes aos que hai que emprestar atención son os de persoas ingresadas nos hospitais, sobre todo as que se atopan na UCI. Isto é así pola introdución de novas probas para analizar a presenza do virus en persoas que non presentan síntomas, o que nos vindeiros días vai elevar notablemente o número de casos. E, sobre todo, porque a clave nestes momentos é asegurar o correcto funcionamento do sistema sanitario, polo que cómpre evitar a saturación dos centros hospitalarios, e nomeadamente as UCI.

Neste senso, dos 721 casos totais confirmados en Galicia, a maior parte presentan síntomas leves e atópanse en illamento nos seus domicilios (527). O número de persoas en UCI aumentou nas últimas horas, chegando a 28 (eran 19 o venres). E tamén o fixeron as persoas ingresadas en unidades hospitalarias convencionais, que pasaron de 137 a 166. En total, hai 194 pacientes con coronavirus nos hospitais galegos.

O número de persoas en UCI aumentou nas últimas horas, chegando a 28 (eran 19 o venres). E tamén o fixeron as persoas ingresadas en unidades hospitalarias convencionais, que pasaron de 137 a 166

O número de infectados en UCI son o 3,88% do total. E o número total de persoas hospitalizadas chega ao 26,9%, porcentaxes moi semellantes ás do día anterior. Galicia dispón de 274 camas de UCI

Este venres, Alberto Núñez Feijóo destacou que Galicia aínda se atopa na segunda das catro fases previstas na loita contra o virus (a contención reforzada) e que está preparada para facer fronte á terceira fase, de mitigación. O presidente da Xunta subliñou, con todo que "o peor do pico asistencial aínda non chegou, opeor aínda está por chegar".

 

Casos por área sanitaria

Por áreas sanitarias, hai 195 casos na Coruña (eran 152 este venres), 54 na de Lugo (eran 46), 74 na de Ourense (eran 63), 112 na de Pontevedra (eran 83), 152 na área de Vigo (eran 108), 108 na de Santiago (eran 94), e 26 na de Ferrol (eran 21). Nas últimas 24 horas ás áreas que máis incrementaron o seu número de positivos foron A Coruña, Vigo e Pontevedra, as tres que presentan máis casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.