As 8 persoas que onte figuraban como infectadas polo virus convertéronse en 11 este xoves, despois das probas realizadas á contorna dos primeiros afectados
O brote de coronavirus coñecido nas últimas hora deste mércores na Mariña lucense sumou nas últimas horas tres novos casos. As 8 persoas que onte figuraban como infectadas polo virus convertéronse en 11 este xoves, despois das probas realizadas á contorna dos primeiros afectados. En total, nas últimas horas realizáronse 26 PCR a sospeitosos de ter contraído a enfermidade; deles, 23 deron negativo nas probas e 3 foron tests positivos.
Trátase dun brote familiar de infección por Covid-19 que se detectou na tarde do martes no concello de Xove, momento en que unha das persoas infectadas acudiu ao PAC de Burela. A partir desta confirmación, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos da persoa afectada, todos eles familiares, que acudiran a un encontro en Xove, uns días antes. Con todo, trátase dunha familia que vive repartida por varias localidades da Mariña e, de feito, algunha das persoas que deron positivo nas probas non acudira a ese encontro familiar.
Nas últimas horas realizáronse 26 PCR a sospeitosos de ter contraído a enfermidade; deles, 23 deron negativo nas probas e 3 foron tests positivos
Dos 11 casos positivos, a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio. O outro brote detectado na fin de semana no Barbanza non presentou cambios na última xornada, manténdose os nove positivos, todos eles localizados e gardando as obrigadas medidas de seguridade.
Como medida de prevención, a Deputación de Lugo suspendeu as visitas e saídas das residencias de Ribadeo e Trabada. Así mesmo, impuxo restricións nas de Pol e A Fonsagrada
Na Mariña lucense detectáronse nos últimos días outros tres casos de coronavirus. Un dos pacientes está ingresado no Hospital Público da Mariña e os outros dous permanecen en seguimento domiciliario. Non se informou de que ningún destes casos teña relación directa co foco de Xove.
En todo caso, e como medida de prevención, a Deputación de Lugo suspendeu as visitas e saídas das residencias de Ribadeo e Trabada. A decisión fíxose efectiva a primeira hora da mañá deste xoves. Tamén como medida preventiva, os centros da Fonsagrada e de Pol volven á fase 1 da desescalada, o que implica restricións no acceso de persoas alleas ao centro e protocolos de seguridade máis estritos.
En calquera caso, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, informou este xoves de que nas últimas horas non se detectaron casos de coronavirus no concello. Con todo, pediu "prudencia", porque ".ninguén pode asegurar o que vai pasar mañá".
O Ministerio informa este xoves de 7 novos casos positivos, elevando igualmente a 21 o número de casos diagnosticados en Galicia na última semana
Os novos casos detectados nos últimos días na Mariña e tamén os anteriores do Barbanza elevaron os indicadores que Ministerio de Sanidade e Sergas comunican a diario para informar da situación epidemiolóxica en Galicia. Así, o Ministerio informa este xoves de 7 novos casos positivos, elevando igualmente a 21 o número de casos diagnosticados en Galicia na última semana. É a cifra máis elevada dende que o pasado 17 de maio o Ministerio de Sanidade informou da aparición 8 novos casos en Galicia.
Medra tamén a incidencia acumulada (número de casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días), que se sitúa este xoves en 1,15 casos en Galicia, o valor máis alto dende o pasado 6 de xuño. No conxunto de España a incidencia acumulada descende lixeiramente ata os 7,74 casos.
Tamén aumenta este xoves a conta de 'casos activos' que diariamente ofrece o Sergas, que chega a 333, dos que 5 están hospitalizados e 328 atópanse nos seus domicilios
Tamén aumenta este xoves a conta de 'casos activos' que diariamente ofrece o Sergas. Faino tan só en dous, pois a pesar da aparición desta decena de positivos na Mariña, houbo outros casos que deixaron de ser considerados positivos, pasando a engrosar a estatística de 'curacións'. En total, hai nestes momentos en Galicia 333 casos activos, dos que 5 están hospitalizados e 328 atópanse nos seus domicilios, sen síntomas ou con sintomatoloxía leve.
A cifra total de 'casos resoltos' ou 'curacións' chega a 10.563 persoas. E o número total de casos en Galicia dende o inicio da epidemia elévase a 11.515.
Dos 333 casos activos existentes en Galicia, 102 son da área da Coruña, 27 da de Lugo, 22 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 135 da área de Vigo, 28 da de Santiago, e 11 da de Ferrol. A seguinte gráfica amosa como o brote de Xove elevou o indicador da área sanitaria de Lugo, que pasou de 17 a 27 casos nun día.