O Comité Intercentros lamenta que tres semanas despois do ataque e malia solicitar unha xuntanza urxente o ente público limitouse a enviar dous comunicados con "informacións vagas sobre as actuacións postas en marcha"
O Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) reclama á dirección do ente público "información concreta e fluída" sobre a afectación do ataque informático sufrido o pasado 25 de xullo e a posible filtración de datos persoais das traballadoras.
A representación legal das traballadoras critica que "tres semanas despois do ataque e malia ter solicitado unha xuntanza urxente para aclarar o acontecido, a CRTVG se limitou a enviar dous comunicados nos que se dan informacións vagas sobre as actuacións postas en marcha e sen ningunha información clara sobre os datos que poidan estar comprometidos".
"Nun contexto de crise e alarma como o actual, dada a caída dos sistemas de produción audiovisual e de xestión e de filtrados de datos, este órgano considera que a comunicación coa representación das traballadoras debera ser directa e constante, indicando as persoas responsables da protección de datos e da xestión da crise, para poder obter información actualizada que acalme as inquedanzas do persoal", di o comité.
"Aínda sendo conscientes das investigacións que poidan estar en marcha e puideran verse influídas, a CRTVG tén a obriga de comunicarlle ás afectadas e tamén á súa representación, en que situación se atopan", reclaman
Ante esta situación, o Comité Intercentros reitera "a necesidade urxente dunha xuntanza" coa dirección de recursos humanos e todos aqueles implicados na xestión do ataque co obxectivo de aclarar o alcance.