Hai dous anos e medio Feijóo prometeu instalar o servizo na Cidade da Cultura pero agora o goberno de Rueda xustifica no "equilibrio territorial" e a "descentralización" a decisión de emprazalo no parque tecnolóxico de San Cibrao das Viñas
O 11 de marzo de 2021, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta daquel día, o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba que o seu goberno tería "en marcha este ano a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia na Cidade da Cultura" cunhas obras que custarían 3,2 millóns de euros. Dous anos e medio máis tarde, o pasado xoves o actual presidente, Alfonso Rueda, anunciaba a contratación das obras, pero o centro xa non estará en Santiago senón no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, e "suporá un investimento de máis de 6 millóns de euros".

Ante a disparidade de emprazamentos, custe e demora do proxecto Praza.gal preguntou ao Goberno galego e a súa resposta é que "a decisión de instalar" en Ourense o centro antes anunciado para Santiago "enmárcase nunha política de equilibrio territorial e de descentralización".
O centro chegou a figurar nos orzamentos oficiais da Cidade da Cultura con data de remate en 2024, pero agora a Xunta di que a súa estimación para as obras é "empezalas a principios do 2024"
Segundo os datos divulgados pola Xunta tras o anuncio de Feijóo de 2021, o centro de ciberseguridade instalaríase "nun edificio de 1.500 metros cadrados que se construirá aproveitando a estrutura existente do Xardín do Teatro da Cidade da Cultura". Sería un centro para prestar servizos nese eido tanto ás administracións públicas galegas como á cidadanía e empresas que se emprazaría a carón da sede central do órgano do que dependería, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), instalada tamén no Gaiás.
A actuación mesmo chegou a figurar nos orzamentos oficiais da Cidade da Cultura, de xeito que nos de 2022, cando as obras xa terían que estar en marcha desde o ano anterior, segundo o anunciado por Feijóo, sinalábase que ese sería o ano de inicio do proxecto e que remataría en 2024. O custo ratificábase en 3,2 millóns de euros, a metade a investir nese mesmo 2022.

Pero o pasado xoves, sen citar en ningún momento ningunha mudanza do proxecto, Rueda anunciaba en persoa que o centro estará finalmente en Ourense e que aínda agora se iniciará a contratación das obras. E as características agora divulgadas pola Xunta difiren, de xeito que o centro "suporá un investimento de máis de 6 millóns de euros", o dobre do anunciado antes, e terá unha "superficie útil de máis de 2.100 metros cadrados". Malia que as obras tiñan que estar en marcha en 2021, agora o Goberno galego espera "empezalas a principios do 2024" co obxectivo de "poder poñer en marcha o novo centro no ano 2025".
A Xunta asegura que os novos prazos para a construción do centro "non afectan nin comprometen a ciberseguridade en Galicia"
Preguntada por estas mudanzas a Consellería de Facenda, da que depende agora a Amtega, salienta a "política de equilibrio territorial e de descentralización" da Xunta. Segundo di, "esta decisión tamén está aliñada co obxectivo transversal da Estratexia Galicia Dixitial 2030 de especialización dixital do territorio". "A Xunta aposta por aproveitar as potencialidades de cada territorio e alentar a creación, atracción e retención de talento dixital no entorno de espazos de concentración de coñecemento", engade, como toda explicación das mudanzas do proxecto.
A Xunta tamén asegura que "os prazos para a construción [do centro] non afectan nin comprometen a ciberseguridade en Galicia".

A finais de 2021 Feijóo anunciou a súa duplicación por seguridade, cun segundo centro de procesamento de datos a instalar no polígono da Sionlla, uns cinco quilómetros ao norte do monte Gaiás. Tería un custo duns 20 millóns de euros e estaría rematado, segundo Feijóo, a finais deste ano ou comezos de 2024.
Coas preguntas sobre o traslado do centro de ciberseguridade, Praza.gal tamén preguntou pola xestión dese segundo centro de datos de respaldo na Sionlla e cando estará rematado. Nada contestou a Xunta ao respecto.
Xunto coa promesa do centro de ciberseguridade para a Cidade da Cultura, os gobernos de Feijóo viñan traballando na creación dun segundo centro de procesamento de datos da Xunta tamén en Santiago. O centro principal foi instalado hai unha década na Cidade da Cultura tras agrupar servizos ata daquela dispersos por distintos edificios administrativos.