A Xunta dedica 20 millóns a un novo centro informático de datos que duplique por seguridade o que xa ten no Gaiás

Centro de proceso de datos da Xunta na Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

Comezará a funcionar en 2024 no polígono compostelán da Sionlla ante a imposibilidade de ampliar os sistemas de apoio que continuaban na sede central de San Caetano

Tras poñer en funcionamento hai menos dunha década nos sotos da Cidade da Cultura o centro informático de datos de toda a Xunta, no que se agruparon servizos ata daquela dispersos por diversos edificios, o Goberno galego construirá agora un segundo centro similar que duplique por seguridade o primeiro. Segundo anunciou este xoves o presidente Feijóo, ese segundo centro de datos de apoio instalarase no compostelán polígono da Sionlla, uns cinco quilómetros ao norte do Gaiás, cun investimento de preto de 20 millóns de euros.

Equipos informáticos da Xunta no centro de datos da Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo Feijóo, o obxectivo do investimento é “blindar a seguridade e uso crecente dos servizos dixitais da Xunta”. A Xunta cifra en 2.500 os servidores informáticos existentes actualmente na Cidade da Cultura cunha capacidade de 13 petabytes. O presidente indicou que na sede central da Xunta en San Caetano segue existindo unha infraestrutura de apoio que “non é posible ampliar máis” polas súas necesidades de subministro enerxético e refrixeración.

O obxectivo do novo centro de apoio no polígono da Sionlla é que garanta unha dispoñibilidade do 99,9%, o que o presidente traduciu como “que non teña interrupcións superiores a 53 minutos ao ano”. Segundo as previsións de Feijóo, a Xunta encargará agora o deseño do proxecto coa intención de licitar a obra dentro dun ano e que poida estar finalizada a finais de 2023 ou comezos de 2024.

Ademais do centro de datos do Gaiás, os sistemas de apoio actuais en San Caetano e o segundo centro de datos na Sionlla, a Xunta prevé tamén a construción na mesma Cidade da Cultura por 3,2 millóns de euros dun centro de ciberseguridade que lle dea servizo a ela mesma e a outras administracións e empresas galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.