O Playa Club nega vetos por motivos racistas e di que denunciará a quen o insinuou

Discoteca Playa Club, na Coruña © Playa Club

O Playa Club, coñecido local de ocio coruñés sinalado por unha posible discriminación racial, contesta ás queixas dun pai que advertiu que a seu fillo, negro e de orixe africana, lle fora vetada a entrada na pasada fin de semana sen xustificación aparente e posiblemente por racismo. A empresa denunciará o home por un posible delito de calumnias e difamacións. 

O Playa Club nega que o veto á entrada do mozo se debise a motivacións racistas e di non poder dar explicacións "por respecto á intimidade das persoas"

Nun comunicado, a firma nega, ante as declaracións de Jorge Espada “referidas á que a discoteca impediu o acceso a unha persoa por motivos racistas”, “terminantemente” que se vetase a entrada ao local a persoa ningunha a madrugada do 10 de marzo por eses motivos.

“A empresa, por respecto á intimidade das persoas, non pode dar explicacións públicas a terceiros, como o señor Espada, respecto dos motivos polo que se impide o acceso ao local a unha persoa maior de idade e, polo tanto, titular exclusivo do seu dereito á intimidade”, di

Interior do local de ocio Playa Club, na Coruña © Playa Club

“As manifestacións realizadas polo señor Espada faltan á verdade e son gravemente lesivas para o dereito fundamental ao honor e a reputación da empresa”, explica o Playa Club, que anuncia que “acudirá axiña aos tribunais de xustiza para obter a priotección dos devanditos dereitos”. A firma considera que os xulgados son “o único foro” no que poderá “rebater axeitadamente as infundadas acusacións realizadas e, ao mesmo tempo, gardar o debido respecto á intimidade das persoas”. 

Segundo puido saber Praza.gal, o Playa Club di ter probas videográficas de que o veto ao mozo de 20 anos non foi por motivacións racistas, senón polo estado no que se atopaba. Mesmo aseguran que outro rapaz que o acompañaba, branco, tamén foi vetado. Non é esa a versión do pai, que asegura que foi seu fillo o único ao que se lle impediu a entrada do grupo e que en ningún momento os porteiros do local explicaron as razóns desa medida, máis alá de advertir de “novas normas” de acceso tras o cambio de propietarios da discoteca. 

Responsables da empresa tamén lamentan que o pai non se puxese en contacto con eles, mentres que o home pregúntase tamén porque, ante as preguntas expresadas en redes sociais e na prensa, a firma non se puxo en contacto con el para aclararlle o caso. 

A empresa denunciará o pai e di que os tribunais son “o único foro” no que poderá “rebater axeitadamente as infundadas acusacións realizadas"

O Concello da Coruña xa se puxo en contacto coa familia para determinar o alcance dos feitos e a policía local investiga o caso por se houbese algún caso de discriminación racista, que non é a primeira vez que se denuncia en discotecas da cidade

O Playa Club di que asume, “como un compromiso propio”, todas as prácticas orientadas a “lograr a igualdade entre as diversas minorías étnicas que compoñen unha sociedade multicultural e tamén multiétnica”. “Así o acreditan os feitos, tanto á hora de valorar o trato a todos os seus clientes como aos seus traballadores e aos artistas que contrata”, insiste quen asegura que “todas as persoas que deixan acceder a esta discoteca só son avaliadas en función do seu estado, práctica habitual neste tipo de establecementos para garantir a plena seguridade”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.