O PP de Moaña súmase á protesta contra a "política sanitaria de recortes da Xunta"

Mobilización da Mesa da Sanidade de Moaña, en Vigo © Concello de Moaña

O Partido Popular apoiou en Moaña unha moción de rexeitamento da “política sanitaria de recortes e desmantelamento da sanidade pública galega levada a cabo polos gobernos do PP na Xunta de Galicia”. As protestas e a indignación pola deterioración do sistema público de saúde no país levou o grupo municipal da formación conservadora nesta localidade a dar o seu voto a favor ao texto no pleno da Corporación. 

A saturación no PAC de Moaña, os excesos de xornada no persoal sanitario para poder dar un servizo mínimo á cidadanía e as eivas na atención levaron o pleno municipal a aprobar unha moción da Mesa Local de Sanidade que acusa tamén o Executivo galego do PP de “ocasionar graves deficiencias no dereito á atención sanitaria da veciñanza como servizo público fundamental”

O PP de Moaña apoiou unha moción que rexeita a “política sanitaria de recortes e desmantelamento da sanidade pública" e que acusa o PP de "ocasionar graves deficiencias no dereito á atención sanitaria"

A moción insta a Consellería de Sanidade a “solventar de forma inmediata os problemas ocasionados pola súa política de recortes e cubrir todos os servizos” que o Concello reclama para dar unha axeitada atención. Así, o pleno reclama dobre equipo médico durante as fins de semana no PAC, tres pediatras (dous en quenda de mañá e un de tarde) e dous fisioterapeutas, así como “garantir as substitucións” entre o resto de profesionais. 

Ao tempo, a moción tamén “apoia a convocatoria de manifestación pola defensa da sanidade públicagalega contra a política de recortes e a privatización imposta polo PP á fronte da Xunta de Galicia que se celebrará o vindeiro 10 de febreiro en Compostela”. Ademais, pide trasladar os acordos aos grupos do Parlamento, á Valedora do Pobo e á Consellería de Sanidade. 

"O PP vota a favor aquí e logo tomba todo no Parlamento de Galicia", advirte a alcaldesa da localidade, Leticia Santos, do BNG, que reprocha a "dobre moral" do Partido Popular, capaz de "apoiar acordos moi duro co seu partido" no pleno municipal de Moaña para logo "ir en contra do aprobado" noutras cámaras. "Tamén o fixo con outras peticións da Corporación", lembra. 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou precisamente este pasado venres Moaña, onde destacou que “Feijóo está só na súa defensa da privatización, os recortes e a deterioración da sanidade pública”, pois “o clamor” da cidadanía que rexeita estas políticas e que está enchendo as rúas en sucesivas manifestacións “está chegando ao PP”.

Destacou así o feito de que os concelleiros do PP da localidade apoiasen o xoves unha moción en defensa da sanidade pública no pleno municipal. 

“Feijóo empeza a ver que a marea de mobilizacións en defensa da sanidade pública chega aos cadros políticos do PP en toda Galicia”, di Gonzalo Caballero

“Feijóo empeza a ver que a marea de mobilizacións en defensa da sanidade pública chega aos cadros políticos do PP en toda Galicia”, insistiu Gonzalo Caballero, consciente de que o malestar da cidadanía galega “xa é imparable”. “A situación é tan grave que o PP xa está vendo como se descompón o seu apoio interno ás súas políticas”, incidiu o máximo dirixente do PSdeG: “Os cargos públicos estanse rebotando contra Feijóo e o seu conselleiro de Sanidade, porque ven que as súas políticas son un desastre e unha falacia”.

No caso concreto de Moaña, Gonzalo Caballero indicou que a mobilización social “freou o intento do PP de recortar a quenda de tarde en Atención Primaria”, mentres o PAC acumula “problemas graves” e o mesmo ocorre nos servizos de pediatría ou fisioterapia.

Niso afondou Marta Freire, tenente de alcalde de Moaña, quen detallou que os pediatras, que deberan atender 800 cartillas, están atendendo a 1.500, o que os sitúa “moi por riba da ratio recomendada polo propio Sergas”; mentres o fisioterapeuta atende el só a 18.000 pacientes.

Ademais, segundo Freire, o servizo de pediatría non existe na quenda de tarde, o que “imposibilita a conciliación” e o PAC estase “desmantelando a pasos axigantados”. Nel traballan un só médico e unha enfermeira e non hai reforzos na fin de semana, de xeito que “queda desatendido”, como explicou a tenente de alcalde, no caso de que os profesionais teñan que saír a unha urxencia ou a prestar atención domiciliaria. “Xa houbo un caso de falecemento nun PAC desatendido e non queremos iso para a nosa veciñanza”, concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.