O Sergas detecta 236 positivos da COVID nunha xornada marcada polo baixo número de probas polo Nadal

CC-BY-SA Foto: CHUO | Montaxe: Praza Pública

A importante baixada no número de probas PCR explica o aumento da taxa de positividade e o descenso na detección de novos casos

Á espera dos efectos que as festas teñan, a incidencia do coronavirus en Galicia segue asentada nos últimos días, cun aumento considerable da positividade e un descenso da detención de casos vinculado ao baixo número de probas PCR realizadas por mor do Nadal. 

Galicia detectou entre as 18 horas do venres e as 18 horas do sábado pasado 236 casos novos de coronavirus. Son case 150 menos que na xornada anterior, pero nunha xornada na que o número de probas descendeu moi considerablemente tras varios días --o 23 e o 24-- alcanzando cifras récord. 

Desta vez, das 18 horas do día 25 ás 18 horas do 26 fixéronse 2.853 PCR, pero durante o propio día 26, ata as 18 horas, foron apenas 1.427 PCR, logo de xornadas como a do 23 na que se superaran as 10.600 probas en só 24 horas. 

A presión hospitalaria aumenta, cun total de 336 persoas ingresadas, oito máis, 58 delas en camas UCI

É esta baixada unha das claves que explica o incremento da taxa de positividade, que agora se sitúa no conxunto de Galicia no 8,4%, tres puntos por riba do limiar do 5% que marca a OMS para ter a epidemia baixo control. 

Con todo, a taxa de positividade media a sete días mantense aínda por baixo dese limiar tanto en Galicia como en todas as áreas sanitarias agás na de Pontevedra e Santiago. 

Así, na actualidade en Galicia hai 5.609 persoas diagnosticadas de COVID, 107 menos que na xornada anterior. No entanto, aumenta a presión hospitalaria, cun total de 336 ingresados, oito máis, con 58 deles en camas UCI, tres máis que no anterior reconto. 

Por áreas sanitarias, todas reduciron os casos activos, pero preocupa a situación da de Santiago-Barbanza, que segue evolucionando mal en canto á incidencia malia o estancamento ou mesmo baixada dos casos dos últimos días na cidade compostelá. 

Do total de casos activos de coronavirus en Galicia, 873 son da área da Coruña, 374 da de Lugo, 540 da de Ourense, 896 da de Pontevedra, 1.226 da área de Vigo, 1.352 da de Santiago, e 348 da de Ferrol.

En canto ao número de falecidos, son xa 1.369 en Galicia desde o inicio da pandemia logo de que a Xunta comunicase seis falecementos máis este pasado sábado. Do total de persoas que perderon a vida durante estes últimos meses pola doenza, 672 vivían en residencias de maiores. 

Na actualidade, é a residencia DomusVi de Vimianzo a máis afectada de Galicia pola pandemia ao sumar este domingo dez novos casos de coronavirus entre as persoas usuarias, elevando o total de infectadas neste centro ata as 35. 

Por concellos, a área da Costa da Morte e do Barbanza segue a ser a máis afectada polo coronavirus nestas datas, destacando a incidencia acumulada a 14 días en Mazaricos, Vimianzo ou Fisterra, con máis de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, unhas cifras que tamén se superan na Illa de Arousa, Sarreaus ou Xove. 

O comité clínico reúnese este luns para decidir sobre se aumenta ou mantén as restricións vixentes de cara a fin de ano

Será este luns 28 cando o comité clínico que asesora á Xunta se volva reunir para analizar a incidencia da COVID logo das primeiras celebracións de Nadal e despois de que a Xunta decidise erguer os peches perimetrais e permitir os desprazamentos para as ceas e comidas do 24 e 25. 

Tras esta xuntanza, o Goberno galego deberá decidir se aumenta as restricións, insiste en permitir as viaxes durante a cea de fin de ano e a comida de aninovo ou se mantén os peches perimetrais dalgunhas vilas e cidades. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.