O Sergas prevé que a televisión siga sendo de pago no Hospital de Lugo outros dez anos

Accesos do HULA CC-BY-NC-SA CIG

Tras un primeiro contrato de dez anos prorrogado, a Xunta saca de novo a concurso o servizo cun prezo máximo de 6 euros ao día para a TV e 5,5 para internet, pero asume que só o 20% dos doentes o usarán

Coa chegada da pandemia da COVID-19 a Galicia, e ante as restricións de visitas nos hospitais, a Xunta deu a orde de que se deixase de cobrar para ofrecer aos doentes a posibilidade de ver a televisión nas habitacións, servizo que cada centro ofrece con sistemas e tarifas do máis variado. Pero a pandemia frea e no caso do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo o contrato que o Sergas tiña asinado cunha empresa para ofrecer televisión e internet previo pago venceu, e agora a Xunta volve sacalo a concurso coa previsión de que o servizo siga sendo de pago durante cando menos outros dez anos.

Tarifas máximas que deberá rebaixar a empresa que preste o servizo de TV e internet nos cuartos do HULA CC-BY-SA Xunta de Galicia

A finais de 2010, no marco da posta en funcionamento do novo HULA, a Xunta asinou un contrato coa empresa Coremain para a instalación e operación de pantallas individuais nas camas de ingreso que dan acceso a TV e internet previo pagamento por parte das persoas ingresadas ou das súas familias. Ese contrato venceu en 2020 e foi prorrogado un ano. Pero agora o Sergas vén de sacar novamente a concurso por outros dez anos un servizo do que di que “redunda nunha mellor estancia e confortabilidade na institución sanitaria dos doentes e familiares” pero do que argumenta que non dispón de capacidade propia para prestalo e mantelo en funcionamento.

A empresa deberá facilitar e manter 713 terminais para prestar un servizo do que o Sergas di que “redunda nunha mellor estancia e confortabilidade na institución sanitaria dos doentes e familiares”

As empresas interesadas deberán facilitar e manter 713 terminais e os dispositivos de cobro aos usuarios a través de tarxetas de prepagamento. E deberán ofrecer unhas tarifas máximas de 2,40 euros por dúas horas de televisión, 6 euros por un día ou 35,40 euros por unha semana. Ou de 2,80 euros por dúas horas de internet, 5,50 euros por un día ou 20 euros por unha semana. Ou combinacións como 10 euros por todo un día de televisión e internet ou 12 euros se ademais a televisión inclúe canais de pago. Esas son as tarifas máximas que a empresa poderá cobrar aos usuarios, e a cambio a Xunta reclama cobrar ela un canon mínimo anual de mil euros, o dobre que ata agora. A empresa que máis ou mellor rebaixe o pagamento máximo dos usuarios ou aumente o canon mínimo que cobrará a Xunta será a elixida.

Cálculos da Xunta do importe do contrato de TV e internet no HULA que estiman un uso do servizo por parte de só o 20% dos doentes que contratarían televisión durante un día por 6 euros CC-BY-SA Xunta de Galicia

As contas que fai a Xunta no concurso agora aberto estiman o valor do contrato nos seus dez anos de duración en 1,7 millóns de euros, cifra que calcula a partir dunha estimación dun uso medio do servizo por parte do 20% dos doentes hospitalizados que pagarían a cota de 6 euros diarios de televisión e cunha ocupación media de 400 camas. Aínda que os equipos instalados deben ser 713, a propia Xunta sinala que a ocupación media do hospital é do 75% e que esta baixa en verán, cando o Sergas adoita programar menos actividade sanitaria. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.