A Consellería de Educación nomeou nova directora no Colexio de Infantil e Primaria (CEIP) Luís Seoane de Canide, en Oleiros. En contra da opinión e indignación da comunidade educativa, a profesora que ocupaba ata agora o posto, María Ruiz, foi substituída logo dun suceso cun dos alumnos do centro. A Xunta xustifica a mudanza na "perda de confianza" logo da súa demora en comunicar que un cativo de só catro anos non baixara do autobús escolar e quedara máis de catro horas no vehículo, xa estacionado nunha nave ao finalizar a ruta.
Un neno de 4 anos quedou máis de catro horas dentro dun autobús escolar; a directora do centro asegura que a Consellería obrigouna a dimitir
A polémica ergueuse cando a Consellería advertiu, tras o suceso, que a directora presentara a súa dimisión, que fora aceptada. María Ruiz, pola súa banda, manifestou que fora obrigada a dimitir, entre o apoio de compañeiros, persoal e nais e pais do alumnado. De feito, a súa marcha provocou a renuncia do resto da directiva do CEIP Luís Seoane e mobilizacións que continuarán este venres ante o colexio. Agora, é a Xunta de Persoal Docente quen pide a marcha do xefe territorial de Educación na Coruña e acusa a Inspección Educativa de "coacción" á dimitida.
Así, os membros do claustro e o persoal non docente do centro rexeitaron nun comunicado a "dimisión obrigada da directora" e advertiron de que o rapaz que acabou varias horas no autobús escolar "non chegou a poñer un pé no recinto, polo que se considerou que a familia non o enviara ao colexio".
O equipo directivo apoiou a directora e marchou canda ela, mentres que a ANPA, o claustro e o persoal non docente amosáronlle o seu apoio
Ademais, acusan a Xefatura Territorial de "obrigar a dimitir" á directora, nunha actuación ante a que manifestan a súa "repulsa e malestar". Por iso, solicitan que se "anule" esa "dimisión obrigada" e defenden a súa "actuación responsable e impecable". "As responsabilidades deben recaer noutros axentes externos ao centro", di o comunicado, que pide que a resolución do caso sexa "entre a Administración e a empresa contratada e non parte dun xuízo popular no que se incite a cortar cabezas".
Tamén a ANPA do centro amosou o seu "total apoio e solidariedade" ao equipo directivo e acusou de "falta de profesionalidade" á Inspección Educativa, tras lembrar que no colexio a administrativa está de baixa desde o pasado 14 de setembro, polo que a dirección tivo que asumir outras tarefas
A Xunta de Persoal Docente solicita o cesamento do xefe territorial de Educación e unha investigación sobre as presuntas coaccións da inspectora á directora
Agora, é a Xunta de Persoal Docente da Coruña, o máximo órgano de representación do profesorado do ensino público na provincia, quen aprobou por unanimidade solicitar o cesamento do xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e "que se abra a correspondente investigación sobre a actuación da inspectora do centro, Berta Estrada Arias, no referido ás presuntas coaccións sobre a directora". Acúsana de esixir a súa dimisión tras o "lamentable erro da empresa de transporte escolar ao esquecer un alumno no autobús durante toda a mañá do día 29 de setembro". Ademais, a entidade reclama a "restitución" do equipo directivo no seu posto.