O TSXG reitera a obriga do hotel instalado na Illa Pancha de permitir en todo momento o acceso a este espazo natural

Porta de acceso a Illa Pancha © Illa Pancha non se toca

A pequena Illa Pancha, de apenas unha hectárea de extensión, está situada no litoral norte do Concello de Ribadeo, separada apenas uns metros da costa. Nun dos seus extremos funciona un faro inaugurado en 1983, que substituíu ao que viña funcionando dende 1859 e que nese momento ficou sen uso, ata que en 2014 se iniciou o proceso para darlle unha función turística e hostaleira, unha operación que contou cunha forte oposición veciñal.

No 2015 a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao outorgou a Eirobra A Mariña SL unha concesión para iniciar unha actividade "de hotel e cafetería" no edificio do antigo faro

No ano 2015 a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, en calidade de titular do dominio público marítimo da Illa Pancha, outorgou a Eirobra A Mariña SL unha concesión para iniciar unha actividade "de hotel e cafetería" no faro, unha concesión administrativa exclusivamente para este edificio e anexos. 

Colectivos como Por Nuestro Faro denunciaron nese momento que a illa estaba catalogada como Zona 2, Área de Conservación, dentro do Plan Director da Rede Natura 2000, áreas que a priori non están autorizadas para uso turístico. A denuncia mesmo chegou ao Parlamento europeo, pero malia todo en abril de 2017 o vello faro iniciou a súa actividade como apartamentos turísticos con dúas habitacións. Ademais, en agosto do ano 2021 a empresa hostaleira abriu tamén unha cafetería con terraza.

Illa Pancha, en Ribadeo CC-BY-NC-ND P.Sole

A licenza de apertura concedida polo Concello de Ribadeo estaba condicionada a que a porta de acceso á illa se mantivese aberta ao público en xeral. Porén, os administradores do hotel incumpriron esta condición dende o primeiro momento

A licenza de apertura do establecemento hoteleiro concedida polo Concello de Ribadeo estaba condicionada a que a porta de acceso á illa se mantivese aberta ao público en xeral. Porén, os administradores do hotel incumpriron esta condición dende o primeiro momento, mantendo a porta (e polo tanto o conxunto da illa) pechada de forma intermitente. No ano 2019 o Concello de Ribadeo notificou á empresa concesionaria, Eirobra A Mariña SL, a obrigatoriedade de manter aberta ao público, unha obriga que a empresa recorreu xudicialmente. 

Finalmente, en abril do pasado ano 2021 o xulgado número 2 de Lugo ditou sentenza, deixando clara a obriga de manter aberta a porta, un ditame que foi recorrido pola concesionaria e que agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) reafirma nunha nova sentenza que, ademais, obriga á empresa a pagar as costas do xuízo.

O TSXG subliña que "o acceso libre e público ata a porta do establecemento ha de existir" e lembra que "nos atopamos ante unha actividade cuxo exercicio controla o Concello por ser da súa competencia"

O TSXG, que lembra que "nos atopamos ante unha actividade cuxo exercicio controla o Concello por ser da súa competencia", subliña que "o acceso ha de ser libre nas condicións establecidas polas leis, polo que o acceso libre e público ata a porta do establecemento ha de existir".

O Concello de Ribadeo sempre defendeu que "tendo en conta que se outorgou a concesión administrativa exclusivamente para o edificio e anexo con destino a hotel/apartamentos turísticos semella que o uso xeral do resto da Illa Pancha non pode ser para o uso exclusivo dos usuarios do establecemento de hostalaría alí instalado, senón que deberá existir un uso público xeral". Un informe emitido polo Goberno local lembraba ademais que "tampouco parece apropiado que pola existencia dunha instalación fixa no lugar (faro de axuda á navegación marítima) se restrinxa ao uso público xeral o resto da illa”.

Imaxe aérea de Illa Pancha CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

"A sentenza agora coñecida só vén ratificar e confirmar que as denuncias da Asociación Por Nuestro Faro sempre se axustaron a dereito e sempre defenderon os intereses colectivos dos ribadenses", destaca a entidade

Porén, dende a Asociación Por Nuestro Faro criticouse en varias ocasión ao Concello de Ribadeo polo que consideran unha actitude excesivamente permisiva co reiterado incumprimento da concesión a cargo de Eirobra A Mariña. "Ao longo deste proceso o noso colectivo ten esixido ao Concello repetidamente que aplique neste caso a lexislación sobre incumprimento de licenzas sen máis dilacións, non só pola perda de dereitos dos veciños e visitantes senón -o que é moito mais grave- polos riscos de seguridade derivados do peche permanente do acceso a un servizo público", sinala a entidade.

"Ao longo deste proceso o noso colectivo ten esixido ao Concello repetidamente que aplique neste caso a lexislación sobre incumprimento de licenzas sen máis dilacións", critica a asociación

O colectivo afirma que "a sentenza agora coñecida só vén ratificar e confirmar que as denuncias da Asociación Por Nuestro Faro sempre se axustaron a dereito e sempre defenderon os intereses colectivos dos ribadenses". Sinala, ademais, que "o concello non fixo mais que dilatar as decisións e agochar información para facilitar a privatización da Illa Pancha e impedir que os veciños e veciñas poidan desfrutar do seu dereito legal a entrar nese espazo cando lles pete". E, finalmente, esixe "unha vez máis que se cumpra a lei", preguntando "por que se mantén unha actividade que incumpre as condicións da licenza despois de catro anos e medio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.