O Vaticano arquiva a investigación contra un crego galego por abuso sexual a un menor

Celebración litúrxica na Catedral de Mondoñedo © Bispado de Mondoñedo

O pasado mes de setembro o Bispado de Mondoñedo-Ferrol abriu unha investigación por un suposto caso de abuso sexual por parte dun crego a un menor de idade. Tratábase do antigo deán da Catedral de Santiago, que abandonara o cargo tras o escándalo do roubo do Códice Calixtino. Nese momento o Bispado afastárao "das súas funcións públicas" mentres o proceso polos presuntos tocamentos estaba en marcha.

O Vaticano non atopou "indicios suficientes para iniciar ningún proceso administrativo ou xudicial" na causa

Agora o Vaticano vén de arquivar a investigación do caso despois de non atopar "indicios suficientes para iniciar ningún proceso administrativo ou xudicial" na causa, solicitando ademais que se revoguen as medidas cautelares adoptadas.

O Bispado de Mondoñedo-Ferrol subliña o seu "máximo interese e firme compromiso na erradicación eficaz de calquera abuso de poder, de conciencia e sexual no seo da Igrexa", engadindo que traballa "coa máxima transparencia en toda investigación e desde a colaboración coas autoridades xudiciais". A investigación iniciada en setembro pechouse o pasado mes de febreiro, momento no que o Bispado elevou as dilixencias realizadas ante a Congregación para a Doutrina da Fe do Vaticano, instancia competente neste caso.

Catedral de Mondoñedo © Bispado de Mondoñedo

A denuncia, referida a feitos que supostamente tiveran lugar en 2016, cando o menor contaba con 17 anos, foi formulada a finais do pasado mes de agosto perante o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras, que ordenou a "inmediata" apertura dunha investigación. 

A denuncia, referida a feitos que supostamente tiveran lugar en 2016, cando o menor contaba con 17 anos, foi formulada a finais do pasado mes de agosto

O bispo mindoniense asegurou nese momento que "para nós a primeira preocupación son as vítimas de calquera abuso de poder, de conciencia e sexual" e que "por suposto, subscribimos a condena de toda conduta inapropiada". De las Heras citaba ao papa Francisco para subliñar o acatamento da instrución vaticana de "pedir perdón ás vítimas que sufriron e sofren a consecuencia de condutas indebidas e inaceptables".

Nun comunicado publicado este venres o Bispado de Mondoñedo-Ferrol manifesta "a nosa vontade de acoller, escoitar e acompañar a calquera vítima que o solicite, así como a nosa intención de redobrar os esforzos en materia de prevención en aras a crear espazos seguros na diocese de Mondoñedo-Ferrol para os menores e adultos vulnerables". "Todo iso sen menoscabo da presunción de inocencia de que goza toda persoa investigada até a resolución da denuncia", engade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.