O bispado de Mondoñedo "afasta" un crego das súas funcións por acoso sexual a un menor

Vista da Catedral de Mondoñedo © Bispado de Mondoñedo

O Bispado de Mondoñedo-Ferrol ten aberta dende o pasado setembro unha investigación pola "denuncia dun episodio de acoso" de tipo sexual por parte dun crego a un menor de idade acontecido hai dous anos, cando o denunciante tiña 17. A autoridade eclesiástica mindoniense confirmou este 27 de novembro a información adiantada polo xornal La Voz de Galicia nun comunicado oficial no que asegura que o sacerdote sinalado foi "afastado das súas funcións públicas" mentres o proceso polos presuntos tocamentos está en marcha.

A denuncia foi formulada "a finais do pasado mes de agosto" perante o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras, que ordenou a "inmediata" apertura dunha investigación que segue en marcha

Segundo o Bispado, a denuncia foi formulada "a finais do pasado mes de agosto" ante o bispo, Luis Ángel de las Heras, que ordenou a "inmediata" apertura dunha investigación interna "seguindo os actuais protocolos da Igrexa e axustados á lexislación civil vixente". O delegado instrutor do caso, agrega, comunicou ao mozo afectado a activación da investigación, que xa ofreceu formalmente o seu testemuño, algo que tamén fixo o seu pai. 

Ao tempo, detalla, o Bispado resolveu a "medida cautelar" de "afastar" o crego denunciado "dentro do respecto á presunción de inocencia". "A data de hoxe -agrega- o Bispado só ten constancia desta denuncia" contra este sacerdote, que segundo fontes consultadas por Praza.gal ostentou cargos de responsabilidade no pasado noutra diocese galega e dende a denuncia foi recluído na súa vivenda. Trátase, segundo detallou o denunciante á axencia Europa Press, do antigo deán da Catedral de Santiago, que abandonou o cargo tras o escándalo do roubo do Códice Calixtino.

Celebración litúrxica na Catedral de Mondoñedo © Bispado de Mondoñedo

Fontes consultadas por Praza.gal afirman que o crego sinalado tivo cargos de responsabilidade noutra diocese galega no pasado

Tras transcender esta nova o bispo mindoniense asegura que "para nós a primeira preocupación son as vítimas de calquera abuso de poder, de conciencia e sexual" e "por suposto, subscribimos a condena de toda conduta inapropiada". Neste sentido, De las Heras cita o papa Francisco para subliñar o acatamento da instrución vaticana de "pedir perdón ás vítimas que sufriron e sofren a consecuencia de condutas indebidas e inaceptables.

Cómpre, segundo o bispo de Mondoñedo, salientar "o noso compromiso coas vítimas" e "a colaboación coa xustiza civil", así como "a prevención de calqura acción que vaia contra a dignidade dun ser humano". "Confiamos -conclúe- en que toda a sociedade se comprometa igualmente coas vítimas" para "xerar espazos seguros en calquera dos ámbitos nos que, lamentablement, se poidan dar tales feitos execrables". O denunciante, segundo a diocese de Mondoñedo-Ferrol, está a ser "informado de cada paso dado no procedemento", que segue aberto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.