O número de interrupcións voluntarias do embarazo entre as menores de 20 anos en Galicia pasou de 294 a 382, un incremento do 30%.
O Ministerio de Sanidade deu a coñecer este mércores o informe definitivo sobre as interrupcións voluntarias do embarazo (IVE) correspondentes ao ano 2024, unha estatística que en Galicia presenta un incremento do 18,7%, pasando de 3.075 a 3.650 intervencións, a cifra máis elevada dende o 2011.
Un dos datos que máis chama a atención nos indicadores coñecidos este mércores é o aumento dos abortos en mozas menores de 20 anos, que pasaron de 294 a 382, un incremento do 30%. As interrupcións voluntarias do embarazo en menores de 20 anos representaron o pasado ano en Galicia o 10,5% do total, a porcentaxe máis elevada dende o ano 2013.
As interrupcións do embarazo en menores de 20 anos representaron o pasado ano en Galicia o 10,5% do total, a porcentaxe máis elevada dende o ano 2013
O aumento rexistrado no último ano en Galicia é superior á media do conxunto de España, onde o número de abortos medrou un 2,98%. Entre as menores de 20 anos o incremento en todo o Estado foi do 6,99%, tamén por riba da media xeral pero lonxe do incremento que se produciu en Galicia.
Na inmensa maioría dos casos (o 78,4%) a interrupción tivo lugar dentro das oito primeiras semanas de embarazo e só no 4,3% dos casos foi máis aló da semana 15. No 94,5% dos casos o aborto chegou a petición da muller e só no 5,5% foi por anomalías graves no feto ou risco para a vida da embarazada. Os métodos famacolóxicos (Mifepristona) foron maioritarios, empregándose en máis do 70% dos casos, fronte aos medios cirúrxicos (dilatación e evacuación ou aspiración), que non chegaron ao 30%.
A ministra Mónica García fixo fincapé na importante proporción de casos nos que as mulleres que escolleron interromper o seu embarazo non empregaran ningún tipo de anticonceptivo (49%). En Galicia esta porcentaxe é máis baixa (34%) pero tamén presenta datos elevados
Na presentación dos datos, este mércores, a ministra de Sanidade, Mónica García, fixo fincapé na importante proporción de casos nos que as mulleres que escolleron interromper o seu embarazo non empregaran ningún tipo de anticonceptivo, un 49% do total.
García sinalou que este dato "sinala a necesidade de reforzar as políticas públicas de educación afectivo-sexual e garantir a accesibilidade aos distintos métodos de anticoncepción, como estratexia clave para a prevención de embarazos no desexados".
En Galicia esta porcentaxe é máis baixa (34%) pero tamén presenta datos elevados, aínda que leva anos en descenso. O mesmo sucede entre as menores de 20 anos que decidiron interromper o seu embarazo: un 28,8% non empregaron ningún tipo de protección, unha porcentaxe que cae dende o 37% do pasado ano e o 48% que chegou a acadar.
En todo caso, cómpre destacar que Galicia segue a ser unha das comunidades autónoma cun menor número de abortos en relación á súa poboación feminina en idade de concibir, con 8,78 IVE por cada mil de mulleres entre 15 e 44 anos. A taxa, aínda que leva varios anos en ascenso, está lonxe da media española (12,36) e dos datos de Cataluña, Madrid, Baleares e Asturias, que encabezan a lista.
A maior parte dos abortos practicados o pasado ano en Galicia leváronse a cabo en hospitais públicos, un 77%. A porcentaxe contrasta cos datos do conxunto do Estado, xa que o 79% das interrupcións fixéronse en centros privados
A maior parte dos abortos practicados o pasado ano en Galicia leváronse a cabo en hospitais públicos, un 77%. A porcentaxe contrasta cos datos do conxunto do Estado, xa que o 79% das interrupcións fixéronse en centros privados. Galicia é, despois de Cantabria, a comunidade autónoma na que unha maior proporción de intervencións tiveron lugar en centros públicos, unha realidade moi distinta á de Estremadura, Castela-A Mancha, Asturias, Aragón, Andalucía, Comunidade Valenciana ou País Vasco, onde máis do 90% foi en centros privados.