O accidente laboral nun grave incendio en Ferrol agudiza o debate sobre a escaseza de bombeiros

Parque de bombeiros en Ferrol CC-BY-SA Concello de Ferrol

O grave incendio rexistrado na madrugada do pasado xoves no barrio de Recimil, en Ferrol, volveu reabrir o debate entre bombeiros e goberno local pola escaseza de efectivos no servizo de emerxencias. O lume provocou o ingreso en estado grave de catro persoas, entre elas un menor de tres anos, ademais dun accidente para un bombeiro que sufriu a amputación dunha perna, o que causou impacto e indignación entre estes profesionais. 

Un grave incendio en Recimil provocou o ingreso en estado grave de catro persoas e un accidente que causou a amputación da perna dun bombeiro

Con máis de vinte anos de antigüidade no corpo e 48 anos de idade, o bombeiro afectado sufriu o sinistro nun momento de máxima tensión, cando unha muller e o pequeno asomaban á fiestra do último piso do edificio ante a imposibilidade de escapar das lapas e con traza de se arroxar. 

Ao despregaren a autoescaleira, e logo de evacuar o menor e a muller, a perna do bombeiro quedou atrapada entre os chanzos do aparello provocándolle lesións irreversibles. Foi un labor de extinción complexo por mor dos fortes refachos de vento e nel participaron servizos de extinción de Ferrol e Narón, ademais de tres patrullas da policía local e outras tres da nacional. 

O alcalde de Ferrol, Rey Varela, en rolda de prensa tras o incendio en Recimil CC-BY-SA Concello de Ferrol

O corpo de bombeiros de Ferrol, nunha mensaxe difundida en redes ao pouco tempo do incendio, advertiu de que o ocorrido era "un desastre anunciado". Así, denunciaron que na quenda desa noite só había tres bombeiros operativos e un telefonista cando os informes de prevención indican un mínimo de sete persoas por garda. 

Os bombeiros de Ferrol din que o accidente foi "un desastre anunciado" e atribúeno á falta de persoal: só había tres efectivos para a quenda de noite

"Chégase a esta situación por falta de medios persoais", asegurando que con máis efectivos o sinistro puido evitarse. "Se fósemos sete, habería dúas persoas na cesta e non unha soa", indicaron tras lembrar que levan máis de dous meses denunciando a situación, unha escaseza de recursos e medios que foi xa alertada noutros parques galegos durante os últimos anos. 

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asegurou que se despregaron "todos os efectivos que estaban a disposición para atender esta emerxencia" e que os bombeiros mobilizados (oito contando os de Narón) eran un número "razoable segundo criterios técnicos". Tamén desvinculou o sinistro do conflito laboral que existe no corpo. 

Compañeiros do bombeiro feridos pediron explicacións ao alcalde, que accedeu a reunirse con eles

Pero os compañeiros do bombeiro ferido —uns 25— decidiron acudir ao consistorio a pedir explicacións ao alcalde, que accedeu a unha reunión con eles logo da rolda de prensa onde deu detalles do incendio. A indignación é palpable nuns traballadores que levan tempo advertindo da escaseza de efectivos e da sobrecarga de traballo. De feito, alertaron de que os tres compañeiros que actuaron no incendio de Recimil sumaban quince intervencións nun só día. 

A oposición municipal (PSdeG, BNG e Ferrol en Común) amosaron o seu apoio ás vítimas do incendio, tal e como fixera antes o alcalde e mais o goberno municipal, e pediron que se clarexen as circunstancias do ocorrido, non só do incendio, senón das condicións da intervención dos bombeiros e do accidente laboral. 

Parque de bombeiros en Ferrol, con pintadas denunciando a escaseza de medios, nunha foto de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

Xa este venres, a CIG no Concello de Ferrol adiantou que solicitará a intervención da Inspección de Traballo para que investigue o accidente e se depuren responsabilidades. A central, ante a "gravidade" dos feitos, reclama a dimisión do alcalde, das concelleiras de Recusos Humanos e de Seguridade, e do persoal directivo e responsábel, do coordinador xeral e do xefe de boebeiros e solicita "que a investigación pase ao servizo de prevención municipal, participar na investigación e acceso ao informe técnico completo".

A CIG pide a dimisión do alcalde e asegura que non se impartiu formación no uso do novo camión escaleira usado no operativo que acabou no sinistro

A CIG denuncia que "non existen instrucións de traballo nin avaliación de riscos segundo os diversos tipos de intervención: incendio, gas, materias perigosas, etc". "Hai incumprimentos de prevención de riscos laborais nos procedementos en situación de carencia de operativos nas diferentes quendas que xa foran comunicadas á Inspección de Traballo", di o sindicato, que alerta de que "non se impartiu formación no uso do novo camión escaleira que se utilizou no sinistro da madrugada deste xoves".

"Que se depuren responsabilidades e se corrixan, dunha vez, todas as eivas en materia de prevención e falta de persoal neste servizo", reclama a CIG. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.