As administracións locais están a decretar na maior parte dos casos o peche de escolas infantís e tamén de bibliotecas, ximnasios e outros espazos deportivos municipais
Pouco despois das restricións e recomendacións aprobadas pola Xunta e polo Goberno central para tentar frear a propagación do coronavirus, concellos e deputacións comezaron a anunciar limitacións semellantes, que afectan ao servizos, instalacións e actividade que depende da súa xestión.
En xeral, as administracións locais están a decretar na maior parte dos casos o peche de escolas infantís e tamén de bibliotecas, ximnasios e outros espazos deportivos municipais. Ademais, practicamente todas as festas e celebracións públicas fican suspendidas, comezando polas Pepitas de Ferrol, onde tamén se valora a suspensión das procesións e demais actividades ligadas á Semana Santa.
Neste senso, Xunta de Confrarías de Lugo anunciou na tarde deste venres a decisión de "suspender todos os actos e procesións da Semana Santa 2020" por "responsabilidade" para "salvagardar a saúde" xeral ante o coronavirus. En Santiago, a Xunta de Confrarías adía os actos previstos para os días 27 e 28 e polo momento, "continúa con normalidade os preparativos" das procesións, indicou nun comunicado.
Practicamente todas as festas e celebracións públicas fican canceladas, e en Ferrol valórase a suspensión das procesións de Semana Santa, unha decisión que xa adoptou Lugo
Os comercios e instalacións privadas de todo tipo fican de momento á marxe das medidas (máis aló das restricións ligadas ao aforo). Porén, en varios lugares discotecas, bares e pubs comezaron a anunciar xa o seu peche.
A Coruña
O Concello da Coruña, a localidade galega cun maior número de persoas infectadas, anunciou esta tarde as medidas específicas que adoptará para tentar evitar a propagación da enfermidade. A alcaldesa, Inés Rey, anunciou o peche das escolas infantís, os centros cívicos e as instalacións deportivas e culturais durante 14 días a partir deste venres, entre elas as bibliotecas e museos. No referente ao transporte público, habilitarase unha entrada directa dos autobuses na estación para evitar o confinamento e que as pasaxeiras e pasaxeiros poidan adquirir o ticket xa no propio autocar.
De igual xeito, fican suspendidos concertos coma os da Orquestra Sinfónica de Galicia, o de Brothers in Band no Pazo da Ópera e os que Ara Malikian e Chayanne tiñan programados no Coliseum nas vindeiras semanas. Pola contra, os mercados municipais non cesarán a súa actividade e distribuiranse entre as praceiras e praceiros unha serie de medidas de autoprotección para que a compra-venda se realice con total seguridade.
Compostela
En Santiago, pechan as escolas infantís de xestión municipal, suspéndense as actividades organizadas nos centros socioculturais e adíase toda a programación prevista no Teatro Principal ou no Auditorio de Galicia. Neste senso, a Real Filharmonía de Galicia cancela todos os seus concertos do mes de marzo.
Máis aló das medidas municipais, en Compostela tamén pecha as súas portas a Catedral "ata novo aviso". Xa este luns os bispados de toda Galicia anunciaron unha serie de medidas. Ademais de prohibir os "abrazos" á figura do apóstolo os bispos tamén pediron evitar "contacto físico con cruces, medallas, escapularios... Que fosen bicadas por outros fieis" e "substituír" as "mostras de devoción" cara a imaxes e esculturas por "unha inclinación de cabeza".
Ferrol
Ferrol anunciou este xoves a cancelación de todas as actividades culturais, deportivas e institucionais organizadas polo Concello. Entre elas destaca o aprazamento ata o mes de setembro da Noite das Pepitas e todo o seu programa asociado; e tamén da Mostra Musical do Eixo Atlántico e do concerto de James Rhodes no Auditorio, que estaba programado para o día 21.
Sobre a Semana Santa, evento de gran tradición e asistencia de público na cidade naval, o alcalde Ángel Mato explicou que aínda que queda fóra das datas establecidas inicialmente pola Xunta (prorrogables, en todo caso), hai unha probabilidade “moi elevada” de que se cancele. O asunto foi xa tratado coas propias confrarías.
Ferrol pecha, ademais, todos os centros cívicos, bibliotecas, o Centro Cultural Torrente Ballester, o Teatro Jofre, o Auditorio de Ferrol, os locais de propiedade municipal nos que desenvolven a súa actividade entidades veciñais e os polideportivos, piscinas, campos de fútbol e calquera instalación deportiva.
Lugo
En Lugo, o Concello suspendeu todas as súas actividades a partir do sábado e pechou aquelas dependencias que non son de atención directa ao usuario, entre elas todas as instalacións culturais, deportivas, sociais, garderías, ociotecas, a Escola Municipal de Música ou a Casa da Xuventude. Ademais, co fin de evitar aglomeracións, activará a cita previa en todos os servizos e pide á veciñanza que acudan só en caso de estrita necesidade e que as consultas sexan telefónicas.
En canto á Praza de Abastos e o Mercado Municipal, serán os placeiros os que decidan se abren os seus postos. Finalmente, o Concello tamén manterá a organización das vodas, aínda que estas se celebrarán unicamente nas dependencias da Casa do Concello e só poderán acompañar aos contraentes testemuñas e familiares directos.
Pontevedra
Na cidade de Pontevedra, unha das medidas de maior importancia é a suspensión do Salón do Libro, que se estaba desenvolvendo dende o pasado 6 de marzo e cuxa programación chegaba ata o día 28. Pechan ademais todas as instalacións municipais, como o Teatro Principal, o Pazo da Cultura, centros deportivos de xestión municipal ou locais sociais.
Vigo
Na cidade olívica, ademais da maior énfase na limpeza e desinfección, do peche de instalacións municipais e da suspensión de todas as actividades xestionadas polo Concello, o Goberno local anuniciou a adopción de medidas complementarias. Por exemplo, desde Benestar Social vaise realizar unha chamada diaria a todos os usuarios para coñecer posibles situacións de risco.
Ademais, no ámbito do transporte, os e as taxistas de Vigo puxeron en marcha medidas específicas, como a limpeza de todos os elementos de contacto logo de servizo, o uso de xel desinfectante por parte dos condutores, incentivar pagos con tarxeta, que o cliente se sente sempre atrás ou que sexan os propios taxistas os que abran e pechen as portas do vehículo.
Ourense
Na cidade das Burgas, o Goberno local anunciou a cancelación de todas as actividades de cursos e actividades organizadas polo Concello na que participen grupos de persoas. Tamén se decretou a suspensión das festas de San Lázaro e o peche de termas e pozas, valorando o baleirado das que teñen libre acceso, para así impedir o seu uso.
As restricións están sendo adoptadas por todo tipo de concellos, dende as cidades e as grandes vilas ata as localidades de menor dimensión. Na Mariña lucense, concellos como Viveiro, Mondoñedo, Foz ou Xove decretaron o peche de bibliotecas, escolas infantís, campos de fútbol, polideportivos e outras instalacións municipais.
O mesmo fixeron na provincia de Pontevedra lugares como A Estrada, Silleda, Nigrán, Ponteareas, Cangas, Moaña ou Tui, concellos onde só se mantén aberto ao público o rexistro municipal. Suspendéronse ademais festas coma a de Raxó (Poio), a Festa dos Callos (Silleda) ou o Enterro do Salmón (A Estrada). E igualmente localidades como Padrón, Ordes, Arzúa ou Melide decretaron o peche de escolas infantís, bibliotecas ou espazos deportivos, así como a suspensión das feiras e festas previstas para os vindeiros días.
En Camariñas o Concello cancelou a Mostra do Encaixe e en Pontecesutes adiouse a Festa da Lamprea Na Ribeira Sacra, onde varias localidades están celebrando as súas festas e feiras do viño, os concellos están optando pola súa suspensión ou aprazamento. É o caso de Sober ou Quiroga.
Bares e discotecas
Aínda que non se estableceron restricións para os locais de hostalería e ocio, varios establecementos comezan a anunciar o seu peche
Aínda que non se estableceron restricións para os locais de hostalería e ocio, varios establecementos comezan a anunciar o seu peche. Así, na Coruña o Grupo Pelícano, que xestiona a discoteca do mesmo nome, a Moom, o Playa Club, a Sala Inn-Club; os pubs Amura, Andén, Brit, Dux, My e Pier e o restaurante Atlántico 57, anunciou o peche de todos os seus locais para colaborar no freo á enfermidade.
De igual xeito, en Pontevedra anunciaron o seu peche temporal as salas Karma, Jackson e El Pequeño, a Discoteca La Luna e os pubs Fetiche, Aranda e Banana. En Sanxenxo fixo o mesmo o Buddha Sanxenxo.