Os xuíces recomendan o mantemento dos intercambios semanais e as visitas de fin de semana, pero suprimindo as visitas sen pernoita no medio da semana
Hai moitos asuntos que xeran controversia en relación ao cumprimento do confinamento obrigado e as súas posibles excepcións. Un deles é o dos réximes de custodia e visitas de fillos menores durante a vixencia do estado de alarma. Este mércores a Xunta de Xuíces de Familia de Vigo adoptou un acordo sobre unha serie de criterios orientativos nesta cuestión dirixidos aos xuíces de Familia, recomendando o mantemento dos intercambios semanais e as visitas de fin de semana, pero suprimindo as visitas sen pernoita no medio da semana.
O acordo subliña que o Real Decreto 463/2020 que aplica o estado de alarma "non implica a suspensión automática das medidas sobre réximes de custodia e visitas de fillos menores, xa que a obriga xeral de cumprimento das resolucións xudiciais non vén afectada pola devandita suspensión".
Con todo, engade que "iso non significa que a execución práctica do réxime establecido non se vexa afectado", xa que "a necesidade de protexer a saúde de fillos e proxenitores" pode impoñer, segundo as circunstancias, a necesidade de modular ou modificar o réxime de custodia, visitas ou estancias e, por iso, alterar ou suspender a execución das medidas que estean acordadas ou a súa maneira de levalas a cabo.
Cando non se desenvolvan as visitas, deberá facilitarse a comunicación con aquel proxenitor co que non convivan
A Xunta de Xuíces de Familia establece unha serie de pautas de actuación. En primeiro lugar, "salvo que concorran circunstancias concretas que o desaconsellen", manter os intercambios en custodias compartidas e as visitas de fin de semana en caso de custodia individual, mais engadindo que "parece prudente suspender as visitas intersemanais en especial se son sen pernoita". O acordo subliña que as entregas e recollidas realizaranse "coa necesaria salvagarda da saúde das partes, especialmente dos menores".

Así mesmo, sinálase que cando non se leven a cabo as visitas establecidas en resolución xudicial polo motivo que sexa "deberá promoverse e facilitarse polos proxenitores a comunicación frecuente dos menores con aquel que non convivan, por medios tecnolóxicos (teléfono, videochamada…)". E aconsellan nestes casos, unha vez finalizado o estado de alarma decretado, "compensar na medida do posible os períodos de visitas non gozados".
Deberán ser os proxenitores os que acorden -polo ben superior dos menores e por riba de enfrontamentos ou intereses propios- o sistema de custodia e visitas
A Xunta de Xuíces de Familia de Vigo sinala que o acordo constitúe “simples pautas xenéricas de actuación para facilitar o entendemento entre as partes e de ningún xeito son executables nin poden prevalecer sobre os acordos dos proxenitores”.
Os xuíces tamén indican que para o desenvolvemento do sistema de custodia durante a vixencia desta excepcional situación deberán ser os proxenitores os que acorden -polo ben superior dos menores e por riba de enfrontamentos ou intereses propios- o sistema de custodia e visitas, así como as medidas e prevencións a adoptar para garantir a súa saúde e o seu dereito á relación con ambos proxenitores.