Os novos casos de COVID repuntan en Galicia, que aumenta tamén as hospitalizacións en UCI

Cribado da COVID en Muxía o 12 de febreiro de 2021 © Concello de Muxía

Menos ingresados por COVID en Galicia, pero máis pacientes nas UCI, tras o incremento en cinco do número de doentes nestas unidades de coidados intensivos, ata alcanzar un total de 78 en todo o país. Así, a cifra total de persoas hospitalizadas por coronavirus queda en 323 segundo os datos facilitados polo Sergas este sábado, sete menos en total que as que había unha xornada antes.  

O número de persoas hospitalizadas por COVID baixa pero aumenta as que están na UCI; os brotes en Silleda e Ferrol inflúen no importante aumento de casos novos

Ademais, Sanidade suma tamén ao seu cómputo un total de 277 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres, 12 de marzo. Deles, 195 son diagnósticos mediante probas PCR. As cifras supoñen un incremento de máis dun cento con respecto aos 167 do día anterior e de máis do triplo respecto do inicio da semana. 

Con este incremento de casos novos, a media diaria na última semana aumenta de 127 a 133. Desde o pasado 19 de febreiro non se notificaban tantos positivos nun sábado

En todo caso, a repunta está vinculada a dous importantes brotes detectados: un nunha residencia de anciáns en Silleda e outro nun colexio en Ferrol. No caso do centro de maiores, son arredor dunha trintena os positivos entre persoas vacinadas e inmunizadas e que permanecen asintomáticas. 

En canto ao centro educativo de Ferrol, foron detectados 23 positivos entre o alumnado, pertencente ao concello ferrolán pero tamén aos de Narón, Neda e Fene, segundo asegurou a xefa territorial de Sanidade na Coruña, Cristina Pérez, que advirte que todos os afectados están "illados" e os seus contactos "corentenados". 

En calquera caso, todas as áreas sanitarias sufriron un lixeiro incremento na detección de casos, destacando a de Santiago-Barbanza --onde se inclúe Silleda, sede da residencia afectada polo gromo--, ao sumar 97 infeccións. Na área da Coruña-Cee notificáronse outros 70, polos 34 na de Vigo, 24 na de Ferrol e tamén na de Lugo, 17 na de Pontevedra e 11 na de Ourense. 

Ademais, o Sergas notificou na noite do pasado venres unha nova morte, polo que o número de persoas falecidas en Galicia con coronavirus elévase a 2.290, 21 delas esta mesma semana. 

En canto á taxa de positividade, mantense en Galicia claramente por baixo do 5%, o limiar que a OMS fixa para dar por controlada a pandemia, aínda que sufriu un pequeno incremento ata superar o 3% no conxunto do país. 

O que continúa á baixa e o número de casos activos en Galicia, que se sitúa agora en 2.854, case 80 menos que na xornada anterior. O descenso é xeral en case todas as áreas sanitarias agás nas de Santiago-Barbanza, Lugo e Ferrol. 

Por outra banda, eson xa 132 os concellos que non rexistraron caso ningún de coronavirus nos últimos 14 días e un total de 166 os que tampouco os detectaron nos últimos sete. 

Nun total de 166 concellos non se detectou ningún caso de COVID nos últimos sete días

Ademais, e en canto á taxa de incidencia acumulada (IA) da COVID a 14 días (por cada 100.000 habitantes), só os muncipios de Paradela e Vilardevós sitúanse por riba dos 500 casos, mentres que outros nove concellos están entre os 250 e os 500. Entre eles, Soutomaior e Silleda, este último cunhas cifras claramente influenciadas polo brote na residencia de maiores. 

No que respecto aos concellos máis poboados de Galicia, Arteixo é nesta altura o que ten unha IA máis elevada, con 247. 

A Coruña segue destacando como a cidade con peores cifras, pero a incidencia acumulada baixa dez puntos e rolda os 200

Por cidades, A Coruña segue destacando coas peores cifras, cunha incidencia acumulada moito maior ao do resto de urbes, aínda que nos datos deste sábado baixa dez puntos, de 211 a 201. 

Pola contra, é Ferrol a que rexistra unha repunta importante na IA, ao pasar de 85 a 111 tras o gromo rexistrada nun centro de ensino. 

No resto de urbes a IA a catorce días mantense por baixo de 100, destacando Lugo, que baixa mesmo de 40 e que se mantén como a urbe con mellores datos de toda Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.