O número de casos positivos por coronavirus en Galicia ascendeu ata 90 este venres, primeira xornada na que, en aplicación dos novos protocolos, as confirmacións son realizadas directamente polo Servizo Galego de Saúde, sen ter que agardar pola ratificación do laboratorio central de Majadahonda (Madrid). Case a metade dos casos continúan a concentrarse na área sanitaria da Coruña (43) e polo momento, só 6 precisan atención en Unidades de Coidados Intensivos.
Case a metade dos casos continúan a concentrarse na área da Coruña, cun total de 43 nunha xornada na que se prevén novas restricións por parte dos gobernos galego e central
Segundo a información fornecida pola Consellería de Sanidade, a seguinte área sanitaria con máis casos confirmados é a de Vigo, con 15. En Ourense rexístranse 10, 9 en Pontevedra, 8 en Santiago, 4 en Lugo e un único caso en Ferrol. Alén da devandita media ducia de persoas atendidas nas UCI, a maior parte dos pacientes con infección confirmada están recibindo atención nos seus domicilios, un total de 54, mentres que outros 20 están hospitalizados en unidades ordinarias. As probas realizadas en Galicia eran ata o mediodía deste venres 784, informa Sanidade, nunha xornada na que se prevén novas medidas e restricións tanto por parte do Goberno central como da Xunta, que se reúne en Consello Extraordinario ás 18h deste venres.
Cara á preparación ao incremento de casos, a Consellería asegura estar en disposición de incrementar os postos de UCI cando sexan precisos. No eido dos materiais, o Goberno galego daba luz verde este xoves á sinatura dun convenio co Servizo Vasco de Saúde (Osakidetza) para acceder a ata 70.000 máscaras sanitarias. Forman parte dun contrato coa empresa fornecedora Nueva Sibol que o Goberno vasco asinou o pasado marzo cun total de medio millón de unidades.
"Illamento social" para frear a curva ata o pico previsto en abril
Sanidade insiste en "evitar as grandes concentracións" e, cando saian, maiores e infancia estean en espazos abertos
Estas son as cifras da expansión dunha doenza que no caso de Galicia, especificou o conselleiro de Sanidade en comparecencia ante os medios na Coruña, continúa en fase de contención. Precisamente por iso, reiterou, "é importante o illamento social", contribuíndo así a cidadanía a frear o incremento de casos na medida do posible ata acadar o pico de contaxios que, segundo calcula o Sergas, chegaría "na primeira ou segunda semana de abril", sinala Jesús Vázquez Almuíña.
Nete sentido, o conselleiro subliña que ese illamento non implica un peche "total", pero "si é moi importante tratar de evitar as grandes concentracións". Así, exemplifica, "non significa que as persoas maiores estean sen saír, pero si que saian a espazos abertos e con poucas persoas". No que atinxe á infancia, "os espazos abertos son prioritarios: mellor un parque que un centro comercial e mellor un parque con poucos nenos que con moitos".
Estas accións individuais, subliña, axudan a "conseguir un bo illamento" co que "poderemos facer que a curva da epidemia sexa máis progresiva" para garantir a asistencia sanitaria ás persoas que si a precisan . Entre apelacións á "tranquilidade" da poboación, Sanidade lembra que "en caso de que haxa síntomas", a instrución é "quedar na casa e procurar ter tratamentos habituais, con antitérmicos e medidas hixiénicas", así como "airear moito os cuartos".
Nesta liña, Sanidade reitera que o teléfono 061 debe ser utilizado unicamente para urxencias e reclama "responsabilidade" á hora de utilizar a liña de información habilitada especificamente para o coronavirus, o 900 400 116. Moita desta información xeral está dende este venres concentrada nun único sitio web do propio Sergas.