O primeiro río ao que un concello lle recoñece os seus dereitos como elemento natural en todo o Estado. É o que o vindeiro venres 15 de decembro se ratificará en Outes para o río Tins, ao abeiro da iniciativa ReNatur Outes, un proxecto de recuperación, renaturalización e integración desta corrente fluvial ao seu paso polo núcleo urbano do municipio.
O proxecto está subvencionado cun millón de euros pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco dos fondos Next Generation e nel participan as tres universidades públicas galegas, o Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia e norte de Portugal, a Fundación Montescola e o Concello de Outes, administración que lidera a iniciativa.
Outes será o primeiro Concello en recoñecer os dereitos dun río, o Tins, dentro dun proxecto de para a súa recuperación, renaturalización e integración ao seu paso polo núcleo urbano
Logo dun ano de traballo, o vindeiro 15 de decembro, no Centro Social da Terra de Outes, celebrarase o Foro río Tins, actividade aberta a todo o público e onde veciñanza e tecido asociativo participará nas estratexias de conservación e mellora deste espazo fluvial.
Todo no marco do debate para a Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá, que se encadra dentro das experiencias internacionais de recoñecemento dos dereitos da natureza coas que se establecen dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas. Na actualidade, xa son máis de 30 os países nos que se adoptaran instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a determinados cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o río Buriganga en Bangladesh ou o río Atrato en Colombia.
O vindeiro 15 de decembro debaterase con cidadanía e tecido asociativo a 'Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá'
"O río Tins será o primeiro río de todo o Estado ao que se lle recoñecen os seus dereitos, logo de que en 2022 se recoñecese a lagoa do Mar Menor como un ecosistema suxeito de dereitos", tal e como destaca o proxecto Renatur Outes.
Desta forma, e tamén por primeira vez, un Concello recoñecerá os dereitos dun elemento natural, dotándoo dunha carta "no que se recoñecen desde o dereito a non ser contaminado ou danado por actividades humanas ata o dereito á protección e conservación". A proposta de declaración tamén recolle os compromisos da veciñanza das ribeiras do Tins, así como das súas institucións, incluíndo os de "actuar en caso de calquera violación dos dereitos do río e a participar na súa conservación e mellora".
A declaración debaterase para a súa versión final, dando conta ese día 15 das achegas realizadas nas semanas previas pola comunidade educativa, colectivos locais e persoas a título individual. De feito, a proposta do texto está aberta a comentarios tanto desde a web do proxecto como fisicamente na Casa do Concello.
A declaración recoñece desde "o dereito a non ser contaminado ou danado por actividades humanas ata o dereito á protección e conservación"
Os obxectivos do proxecto Renatur Outes son a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, a limpeza de residuos da contorna fluvial e a sensibilización medioambiental, isto último mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes ao longo de toda a vida do proxecto mediante a celebración de sesións de gobernanza. "Desde xeito, non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, senón tamén xerar un compromiso social máis aló da propia vida do proxecto para manter vivo o seu legado", din os impulsores da iniciativa.
O río Tins é un río da vertente atlántica, duns 12 quilómetros de longo, que nace en Mazaricos e recolle as augas da Serra de Outes e dos montes da zona ata desembocar na ría de Muros e Noia.