Paulo Carril recunca como secretario xeral da CIG con 508 votos a favor, 30 en branco e 3 nulos
O IX Congreso da Confederación Intersindical Galega (CIG) renova a confianza en Paulo Carril como secretario xeral con 508 votos a favor, 30 en branco e 3 nulos. Baixo o lema A Forza da Nosa Clase. Traballo. Dereitos. Soberanía, a CIG elixiu este sábado a nova executiva confederal e a comisión de garantías.
A CIG afrontou este congreso como a primeira forza sindical en Galicia, cun 31,05% de representación (5.131 delegadas e delegados) e un "crecemento afiliativo histórico", superando as 86.000 persoas afiliadas, como salientou Carril na súa intervención.
As e os congresistas debateron e aprobaron os relatorios de acción sindical (427 votos a favor) e de organización (378 votos a favor), os documentos que recollen as liñas de traballo que guiarán a acción da CIG nos vindeiros catro anos.
"A CIG é unha ferramenta de transformación social, comprometida coa emancipación de clase e a soberanía nacional. Non nos limitamos a xestionar a realidade, aspiramos á súa transformación revolucionaria", asegurou Paulo Carril no seu discurso de clausura do congreso, no que chamou á mobilización.
Carril animou ás afiliadas e afiliados da CIG a "ter máis atrevemento e decisión na acción sindical, con propostas concretas na negociación colectiva e nas empresas, para confrontar as múltiples e variadas caras que hoxe ten a precariedade, a pobreza laboral, a explotación da xente nova que se incorpora ao traballo, para responder ao desemprego, ás desigualdades, á exclusión social, como tamén aos abusos e ao trato inhumano á poboación migrante".
"O tempo que tardamos en mobilizarnos é o tempo que perdemos en gañar dereitos"
Citando a Castelao, Paulo Carril dixo que "a loita nobre e leal das ideas é o que asegura o progreso". O secretario xeral da CIG aposta por un "sindicalismo de confrontación", promovendo o conflito e a folga como ferramentas para conquistar dereitos. "O tempo que tardamos en mobilizarnos é o tempo que perdemos en gañar dereitos", aseverou.
Trazando un contexto de crise do capitalismo neoliberal, coa incidencia do cambio climático e a ofensiva imperialista liderada polos Estados Unidos, coa complicidade da Unión Europea, Carril denunciou o xenocidio do pobo palestino por parte de Israel como exemplo da "maquinaria de agresións e crimes contra a humanidade" que promove "guerras, bloqueos e sancións" para "manter a dominación colonial".
Paulo Carril sinalou o Goberno de Rueda na Xunta como "complemento perfecto" das políticas neoliberais estatais, que "afondan na dependencia económica e política de Galiza" e criticou a súa negativa a impulsar un concerto económico "que permita controlar os recursos galegos, a privatización de servizos públicos e a ofensiva colonial que condena Galiza a ser un territorio de sacrificio, subministrador de recursos minerais, enerxía e auga".
"Vivimos un espolio que destrúe terras, montes e o mar, ameazando sectores produtivos clave e xerando un dano social e ambiental irreversible", advertiu, recoñecendo o impacto das mobilizacións contra proxectos como Altri ou a mina de Touro-O Pino.
A CIG comprometeuse a "redobrar esforzos" para construír un Marco Galego de Relacións Laborais
Neste congreso, a CIG comprometeuse a "redobrar esforzos" para construír un Marco Galego de Relacións Laborais, con plenas competencias lexislativas, e un modelo galego de negociación colectiva que combata a precariedade e a pobreza laboral.
O reelixido secretario xeral defendeu a necesidade de contar con políticas públicas "que prioricen as maiorías sociais, poñendo os recursos galegos ao servizo do emprego digno, da diversificación produtiva e do equilibrio territorial, para frear a emigración e a desertización social".
No marco do IX Congreso da central sindical tamén participaron delegacións internacionais, que interviron na xornada que tivo lugar este sábado en Compostela. Foron, entre outros, Garbiñe Aramburu, coordenadora xeral de Langile Abertzaleen Batzordeak (LAB); Filipe Manuel Marques Pereira, da dirección da Confederaçao Geral de Trabalhadores de Portugal (CGTP-IN); Sergi Perelló, secretario xeral da Intersindical-Confederación Sindical de Cataluña (I-CSC); Mitxel Lakuntza, secretario xeral de Eusko Langileen Alkartasuna (ELA); Maaina Fiha Salma Elrguibi, da Unión Xeral de Traballadores/as de Saguia El Hamra e Río de Oro, do Sáhara Occidental (UGTSARIO); e Soussan Taisser Abdel Salam, secretaria xeral da Unión Nacional de Xerusalén de Traballadores/as Palestinos/as e vicepresidenta da Federación Sindical Mundial (FSM).