O GDR Condado Paradanta e O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega organizan o vindeiro 28 de setembro a xornada Podemos frear o despoboamento? no auditorio da Cañiza. O obxectivo é debater sobre as causas e analizar "recursos e posibilidades para o futuro". As inscricións poden facerse a través desta ligazón.
O obxectivo é debater sobre as causas e analizar "recursos e posibilidades para o futuro"
Durante a mañá, despois da apertura da xornada, terán lugar dúas conversas, nas que se convida ao público a intervir activamente. Na primeira, baixo o título de 'A aldea', participarán Elías Gómez (veciño de Rebordechán, Crecente) e Sonia Mera (farmacéutica A Cañiza). Na segunda, 'O patrimonio perdido' falará Carlos Coto, presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego. Antes do xantar haberá un tempo dedicado á aldea de Rebordechán (Concello de Crecente). Falarase de 'O traballo dos últimos 30 anos', con especial atención ao labor da Asociación Cultural Amistade. E do proxecto de 'O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega', "unha proposta para o futuro do rural en Galicia".
A mesa redonda fará dúas grandes preguntas: Que responsabilidade ten a administración? e Cal é a nosa responsabilidade como cidadáns?
Xa pola tarde celebrarase unha mesa redonda na que se falarán dos distintos factores que provocan o despoboamento, e se farán propostas para "adaptar os vellos recursos ás novas demandas", e de propostas para frear o despoboamento. Na mesa redonda participarán Carlos Morgade (Comunidade de Montes de Mourente e presidente da Iniciativa Comunales España), Tamara Balboa (presidenta de COCEDER, Confederación de Centros de Desarrollo Rural en España), Mar Pérez Fra (Doutora do Departamento de Economía Aplicada da USC), Mario Outeiro (mestre no IES Pedregal de Irimia e Ramón Lourido (xerente Abonos Lourido, de Rebordechán).
Falarase de educación, do "camiño excesivamente longo e cheo de trámites que debemos percorrer para que un proxecto no rural se convirta en realidade", do valor que "aínda gardan os nosos recursos", comezando polo patrimonio natural, cultural e etnográfico. Con dúas grandes preguntas: Que responsabilidade ten a administración? e Cal é a nosa responsabilidade como cidadáns?
"Non queremos que sexa unha xornada máis, queremos que as conclusións que saquemos entre todos cheguen o máis lonxe posible"
En paralelo á xornada presentarase unha exposición do fotógrafo Marcos Rodríguez sobre o despoboamento. E, por último, terá lugar un obradoiro para nenos de entre 6 e 11 anos. O obxectivo é "concienciar e sensibilizar sobre a importancia do medio rural".
Dende a organización salienta que "non queremos que sexa unha xornada máis, queremos que as conclusións que saquemos entre todos cheguen o máis lonxe posible". "Queremos mirar á realidade de fronte e recoller propostas viables e reais", engaden.
Hai un tempo falamos en Praza da experiencia de Rebordechán e do traballo que se está a facer alí para que a aldea puidese "ter un futuro". Na última década máis de 600 aldeas foron abandonadas en Galicia, algunhas tan icónicas coma as de Baíste e Santoalla, nas que Chano Piñeiro filmou Mamasunción e Sempre Xonxa.