Regoela das xentes libres. Intrahistoria dunha das freguesías dos fuxidos

Familiares dos fuxidos © Grial

 

Texto publicado no número 241 de Grial

Situada ó norte do concello de Cabanas, a parroquia de Regoela mereceu especial atención dos investigadores da Guerra Civil e da Posguerra pola implicación dos seus habitantes na resistencia ao golpe militar do 36, cando os máis dos seus mozos se opuxeron á incorporación no exército franquista, fuxindo ás fragas. 

Situada ó norte do concello de Cabanas, nas terras do Eume, a parroquia de Regoela xa mereceu especial atención dos investigadores da Guerra Civil e da Posguerra pola implicación dos seus habitantes na resistencia ao golpe militar do 36, cando os máis dos seus mozos se opuxeron á incorporación no exército franquista, fuxindo ás fragas. 

Esta porcentaxe inusual de resistentes aos golpistas, máis o feito de que moitos deles botaran dez ou máis anos fuxidos, na guerrilla ou agochados, e a necesaria solidariedade e compromiso do conxunto da poboación da comarca que sufriu unha represión indiscriminada, chamou a atención do pioneiro nestes estudos, Bernardo Maíz e Helmut Heine. A seguir, máis de vinte historiadores e divulgadores resultaron atraídos por estas singularidades da resistencia civil lonxe das frontes bélicas. No seu conxunto, estes esforzos divulgativos ofertan unha bibliografía extraordinaria que alumea un período que sufriu especialmente pola política de amnesia que ocultou e manipulou aqueles feitos. 

Situación de Regoela, entre Xuvia, Pontedeume, Naraío e Caaveiro © Grial

Sendo que os regoelenses xa se consideraban “xentes libres” antes do 14 de abril de 1931, pode ensaiarse unha nova perspectiva que complemente o xa escrito. Ao longo dos anos cales foron as particularidades desta freguesía? Cando foi que aquel colectivo de labregos aforados comezaron a sentirse cidadáns con dereitos?

Así a todo, e sendo que os regoelenses xa se consideraban “xentes libres” antes do 14 de abril de 1931, pode ensaiarse unha nova perspectiva que complemente o xa escrito. Ao longo dos anos cales foron as particularidades desta freguesía? Cando foi que aquel colectivo de labregos aforados comezaron a sentirse cidadáns con dereitos?

 

Val interior transitado por todos

O medieval couto redondo de Regoela inicialmente citado como Sactum Vicencium de Regulella, pertencía ao Priorado de San Martiño de Xuvia, anexo do de San Salvador de Lourenzá. Como unha illa, estaba arrodeado por todas partes polas posesións dos Andrade e as de Caaveiro. A menos de nove quilómetros en liña recta do principal estaleiro do Imperio, sempre foi terra de labregos e, como tantos outros, suxeitos a vasalaxes e servidumes que mantiñan a aristócratas, fidalgos, frades e cregos. A mediados do século XVI os intermediarios que xestionaban as rendas debían entregar anualmente ao prior de Xuvia 300 azumes de viño que viñan sendo o dobre de litros. Non habendo no couto terra de viñas, os Señores de Regoela, residentes en Cabanas, procuraríano nas ribeiras do baixo Eume.

Como unha illa, estaba arrodeado por todas partes polas posesións dos Andrade e as de Caaveiro. A menos de nove quilómetros en liña recta do principal estaleiro do Imperio, sempre foi terra de labregos e, como tantos outros, suxeitos a vasalaxes e servidumes que mantiñan a aristócratas, fidalgos, frades e cregos

Dous séculos despois, entrados nos setecentos, continuaba a renda de viño invariábel nos 300 azumes. Nalgún momento os fidalgos deixaron de cumprir ese compromiso motivando que o priorado comezase un preito de reclamación no que foron citados todos os veciños como testemuñas. Nas declaracións destes, efectuadas en 1726, afirmaron que, como pago da renda, cada un entregaba un quinto do que cultivaban e un carneiro, un cabrito, un touciño, algúns deles varios carros de leña e outros azumes de manteiga, ademais de cantidades en moedas. 

O desenlace do preito non debeu ir ben para os intermediarios pois vinte e seis anos despois, cando escribentes e funcionarios acudiron a Regoela, en maio de 1752, para efectuar os interrogatorios do catastro do Marqués de la Ensenada, os tratos xa eran directos entre os veciños e o priorado.

 

O catastro e os contratos por nove anos

Nos diferentes libros catastrais, consultables en Galiciana, podemos recoller unha morea de datos da xestión do couto e da economía das familias aforadas. O conxunto do territorio da freguesía sumaba 1.800 ferrados (equivalente cada un a 548 metros cadrados). A meirande parte desa superficie, o 87 por cento, estaba a monte. Desta porcentaxe, a monte aberto de toxeiras e pasto case a metade, un 35 por cento a monte pechado, onde non entraba a luz e, finalmente, 290 ferrados considerados monte inútil por natureza. Para leiras quedaba o 11 por cento do total, uns 200 ferrados a centeo, millo e algo de trigo. O 2 por cento restante para prados de regadío e algo máis de medio ferrado de horta para cada lugar, sempre compartido por dous aforados. 

Preitos dos regoelenses contra o Priorado de Xuvia no seculo XVIII © Grial

A freguesía estaba dividida en sete lugares, cada lugar contaba cunha ou dúas casas co seu faiado. Onde había unha única construción estaba dividida interiormente en dúas partes que contaban con lareira e forno, sendo respectivamente habitada cada metade por unha familia. A superficie habitable por fogar ía de vinte e cinco a corenta e catro metros cadrados máis outro tanto de faiado. 

Noutros lugares había dúas casas máis pequenas, moi semellantes entre si. Entre trinta e tres e corenta e un metros cadrados para cada arrendado. Restaba outra casa grande que posiblemente fose habitada nalgún período polos fidalgos e señores do couto, dado que ese lugar era coñecido como Pazo. Na época do Catastro era compartida por dúas familias labregas. Cada lugar, ademais de dúas vivendas, contaba con eira, fonte, horta, alpendres, cortes, facenda labrada, montesía, prado, pastos para o gando e dereito de uso dun dos catro muíños con corrientes e molientes que aproveitaban os caudais próximos. Un deles moía todo o ano, o resto durante oito meses.

Ademais, os veciños tiñan dereito a explotar en conxunto os montes pechados de Punxeiro. Os medios lugares eran aforados co compromiso de asumir, co seu veciño de lugar, “ambos xuntos mancomunadamente a conservación das casas ben habitables, executando pola súa conta as reparacións que necesiten e farán a facenda pechada, cultivada e beneficiada de maneira que todo vaia en aumento e non en diminución”. 

A distribución de superficies e as posibilidades de explotación de cada lugar non eran equivalentes, tampouco as rendas. Había lugares mellor dotados pero, como mínimo, o peor deles debía permitir a supervivencia dos aforados e que tivesen posibilidade de cumprir co abono das rendas. 

Tanto os montes como as leiras, hortas e prados estaban divididos en primeira, segunda e terceira calidade, respondendo consecuentemente á produtividade dos mesmos. A gandería era importante e no catastro quedou recollida polo miúdo. En Regoela, a cabana media que tiña cada familia era: dous bois, tres ou catro vacas, de dúas a catro tenreiras ou xovencos, de dez a vinte ovellas ou cabras, dous ou tres porcos e, non todos, algunha mula, egua ou poldro. Os máis especializados eran Juan López con tres bois, Pedro Fernández con seis tenreiras e xovencos e catro porcos, Joseph Prego con corenta e oito ovellas e Andrés Barcia con dez equinos. 

Non había clérigos nin pobres. Un dos veciños exercía de barbeiro e algúns tiñan colmeas. Desaparecida a figura do fidalgo intermediario, os décimos e ofrendas correspondentes ao cura de Sillobre eran: dous ferrados de trigo, cincuenta de centeo, trinta de millo, dous cordeiros, catro libras de la e trinta e catro reais de vellón. Correspondéndolle ao arcediago de Nendos un ferrado de centeo por cada labrego. 

En canto ás rendas, canon e pensión a pagar ao Priorado estaban establecidas dende o preito de 1726 en cartos por lugar. No catastro fixeron as contas que valoraban en reais de vellón a produtividade de cada unha das partidas que compoñían os lugares, segundo a súa calidade. Así, os veciños dos lugares que dispoñían de máis e mellores casas, leiras, montes, prados e hortas pagaban ata douscentos cincuenta e cinco reais e os que menos quedaban en noventa e nove. Ademais, por razón de vasalaxe e todos por igual, cada labrego debía pagar trinta e catro marabedís. 

Romaría en Regoela © Grial

Esta defensa e interese de pagar en cartos demostra que os regoelenses manexaban efectivo por conseguir colocar os seus excedentes nos mercados, aproveitando a proximidade da capital do departamento marítimo que naqueles tempos era a cidade máis habitada e cosmopolita da Galiza

O ano seguinte da realización do catastro e a proposta do prior de Xuvia, redactáronse novos contratos de arrendamento respectando as rendas pero limitando o seu prazo a nove anos. O pago debía realizarse na casa prioral o día de San Martiño, “acabados seus froitos, collidos e alzados, a pesar de que sucedera, o que Deus non permita, calquera caso fortuíto que esterilizara a colleita”. O límite temporal obrigábaos a que fenecidos os nove anos, “eles ou os seus herdeiros deixarán libremente o casal, casas e bens, con todos os melloramentos que neles houberan feito sen por razón de elo pedir cousa algunha, por constarlles van aliviados na pensión anual”. 

Os regoelenses aceptaron a proposta e gozando da posesión “queda e pacífica, edificaron varias casas e desmontaron terras incultas beneficiándoas cas maiores fatigas” pero, transcorridas tres quendas, en 1783 o prior de Xuvia “a forza de violencias, ameazas de cárcere, mandando facer cadeas e nomeando xuíz externo con alabardero e soldado”, obrigoulles a outorgar novos arrendos esixíndolles conducisen ata o embarcadoiro de Neda, un cuarto do froito das leiras, un quinto dos novos rompementos de montes e un cuarto da leña cortada. De negárense, debían desaloxar os lugares. Opuxéronse os labregos nun longo preito aceptando pagar unha pensión moderada en cartos, pero non en froitos. Tras tres peritaxes, sentenciouse que o priorado “non desafiuce nin moleste ós veciños e acepte o pago en diñeiro”. 

Vitoria parcial dos aforados que, se ben seguiron pagando en moedas, tiveron que aceptar un aumento do 50 por cento no importe anual. Esta defensa e interese de pagar en cartos demostra que os regoelenses manexaban efectivo por conseguir colocar os seus excedentes nos mercados, aproveitando a proximidade da capital do departamento marítimo que naqueles tempos era a cidade máis habitada e cosmopolita da Galiza. Ferrol, xunto ao Arsenal, as súas diversas factorías e á frota de navíos demandaban gando, madeira de construción, leña e carbón vexetal para fornos, ferreiros e consumo doméstico ademais de casca de carballo para os curtidoiros e mangos para todo tipo de ferramentas. Sen dúbida, a autosuficiencia económica deulles azos para soster ese preito de dez anos contra o priorado.

Nas mans de Juana de Vega 

No século XIX a situación mudaría cando o Estado liberal suprimiu mosteiros e priorados, procedendo á puxa pública dos seus bens. Así, no ano 1841 celebrouse unha poxa para adxudicar o cobro dos cartos e quintos do producido nese ano polos lugares de Regoela

No século XIX a situación mudaría cando o Estado liberal suprimiu mosteiros e priorados, procedendo á puxa pública dos seus bens. En tanto por ausencia de ofertas o traspaso da propiedade non se producía, a Comisión Provincial de Rentas y Arbitrios chamábase a percibir aquelas porcentaxes sobre os froitos que antes enriquecían aos rendistas. Así, no ano 1841 celebrouse unha poxa para adxudicar o cobro dos cartos e quintos do producido nese ano polos lugares de Regoela. 

Juan Freire, veciño da mesma freguesía, gañou coa oferta catro mil reais. Actuaba Juan Freire como home de palla dalgún rico? Posiblemente fose así, pois eses dereitos pasaron posteriormente á viúva de Espoz y Mina, a coruñesa Juana de Vega, que naqueles anos estaba no Pazo Real de Madrid como “aya y camarera mayor” de Isabel II, aínda menor de idade. Posto de máxima confianza que lle encargara o xeneral Espartero, rexente e grande animador das desamortizacións. No seu testamento de 1869, a dama do liberalismo coruñés relacionaba esas rendas dos lugares de Regoela que destinaba ó mantemento dunha escola de párvulos pobres na Coruña que non chegou a construírse.

Eses dereitos pasaron posteriormente á viúva de Espoz y Mina, a coruñesa Juana de Vega. No seu testamento de 1869, a dama do liberalismo coruñés relacionaba esas rendas dos lugares de Regoela que destinaba ó mantemento dunha escola de párvulos pobres na Coruña que non chegou a construírse

Daquela, a fundación que xestionou con acerto a parte principal do seu legado coa Escola Teórico Práctica de Agricultura de San Pedro de Nós, debeu aceptar unha redención dos foros a metálico, pactando coa veciñanza un prezo que os liberou definitivamente desas vasalaxes, facéndoos donos do seu. Circunstancia que tardaría décadas en producirse en varias das freguesías veciñas. Quedando lembranza oral dos regoelenses, xa xentes libres, vendo os aforados doutros moitos lugares seguir levando os froitos e produtos cos que pagaban as rendas. Aquelas lentas ringleiras de carros ata a casa dos amos das terras. Imaxe de anacrónicas servidumes, un veciño tras doutro, citados colectivamente tal día a tal hora. 

Mozos de Regoela de troula © Grial

Finalizando o século XIX Regoela, pola súa orientación gandeira e proximidade ós peiraos de Ferrol e da Coruña, debeu beneficiarse das exportacións de gando embarcado vivo para Gran Bretaña

Finalizando o século XIX Regoela, pola súa orientación gandeira e proximidade ós peiraos de Ferrol e da Coruña, debeu beneficiarse das exportacións de gando embarcado vivo para Gran Bretaña, despois substituídas polas remesas por ferrocarril cara a Madrid e Barcelona. Para servir de canle a esas vendas en Regoela celebrábase 
cada día 25 de mes a feira de San Marcos. 

Nos primeiros censos do século XX e comparando co recollido no Catastro de cento cincuenta anos antes, a freguesía duplicara o número de casas, agora todas con dous pisos, o número de familias e o número de nacementos por ano. Algo para destacar tamén deses censos é a disparidade entre o número de homes residentes de feito e de dereito. É dicir, aqueles censados en Regoela pero ausentes cando o reconto. Resultando que o 28,2 por cento (30,4 por cento para o conxunto do concello de Cabanas) debían estar traballando fóra. Diferenza inapreciable no caso das mulleres, aquelas viúvas de vivos que dicía Rosalía. Entre eles moitos emigraron a América, volvendo con novas ideas que non tardaron en espallar. A cabalo de 1900 podemos dicir que os regoelenses autopercibíanse como cidadáns con dereitos. 

 

Ventos laicos e solidarios 

As comarcas da antiga provincia de Betanzos axiña se colocaron na vangarda dos novos ventos sociais que cuestionaban o bipartidismo caciquil, teimando abrírense paso para participar na devecida modernización do país

Así como as conquistas políticas dos revolucionarios de 1868 foron paso adiante, paso atrás, procurando lento acomodo nas páxinas oficiais da Gaceta de Madrid, foi filtrando na sociedade a idea de que cidadáns eran todos, polo feito de dispoñer dunha serie de dereitos amparados polas leis pero, no cotián, o mesto tecido dos fíos caciquís condicionaban esas liberdades de asociación, xuntanza, sufraxio, folga, opinión e imprenta, culto…, limitándoas a seren exercidas só polas elites sociais, económicas e políticas, as chamadas forzas vivas que acollían “todo canto significa e vale no distrito”, en visual expresión xornalística da época, que, de golpe, destinaba ao contedor do insignificante a todos os demais. 

Agás illados casos, os labregos, mariñeiros, obreiros, profesionais e asalariados galegos tiveron que agardar ata o século XX para constituír asociacións, candidaturas electorais, semanarios, sindicatos e acordar cambios de relixión. As comarcas da antiga provincia de Betanzos axiña se colocaron na vangarda dos novos ventos sociais que cuestionaban o bipartidismo caciquil, teimando abrírense paso para participar na devecida modernización do país. 

En Ares comezaron as grandes obras das sociedades de instrución que, xuntando a xenerosidade e amor polo común dos emigrantes, conseguiron erguer e dotar unha abraiante rede de escolas laicas, das que debían saír formados os novos cidadáns. Unha destas sociedades foi La Luz de América de Cabanas, que construíu unha magnífica escola que actualmente é a Casa de Cultura do concello. En Betanzos comezaron as asociacións agrarias que ateigaron cos seus seguidores o mitin Solidario de Betanzos de 1907, convencendo os labregos de que pagaba a pena intentar autoorganizarse. Como o lume na herba seca, as asociacións solidarias espalláronse por todas as comarcas, concellos e freguesías. En 1908 foi creada La Concordia de Cabanas. 

Capela evanxélica de Soaserra © Grial

Un dos líderes solidarios era Baltasar Arnoso Villar, regoelense, retornado de Cuba, que foi alcalde de Fene pola candidatura agraria

Un dos líderes solidarios era Baltasar Arnoso Villar, regoelense, retornado de Cuba, que foi alcalde de Fene pola candidatura agraria. Único da freguesía que deixou algo por escrito, precisamente nun dos semanarios locais nados nesta onda de usufruto de dereitos. Nas páxinas de La Voz de Fene, abertas á participación da veciñanza, Baltasar, home de mundo, antigo práctico do porto da Habana, cidadán que non toleraba abusos, denunciou en varias ocasións as prácticas antidemocráticas do concello de Cabanas, onde caciques mínimos tiñan a súa cova, realizando plenos sen necesidade de convocar a oposición, pechándolles as portas e negándose a presentar as contas. 

Daquelas asociacións agrarias que chegaron a constituír en 1910 a primeira Federación de Galicia, queda hoxe algunha documentación conservada no Arquivo do Reino de Galicia. Sábese que presentaron candidaturas vitoriosas en ducias de concellos e que fixeron fuxir do distrito electoral de Pontedeume ao poderoso marqués de Figueroa, exministro enfeudado durante vinte anos. Afortunadamente, eses documentos permiten reconstruír o ideario daqueles solidarios do rural galego, labregos defensores do interese común que valoraban a unión como o principal argumento, procurando na cooperación entre iguais facerse cun espazo económico nos novos mercados, onde a emigración fora unha opción e non a única saída. 

A influencia do alcalde Baltasar e do seu compañeiro, veciño e primeiro tenente alcalde, José Meizoso Seco, do lugar de Belelle, deixaron memoria entre as familias regoelenses. Máis novos que os citados tamén son lembrados polas súas ideas sociais e vivencias cosmopolitas outros dous retornados, un dos EUA e outro de Cuba: Pascual Carballo da Caneta de Irís e casado en Regoela e Manuel López Ardao nado en 1900 no Sumeiro. 

 

Relacións cos cregos 

Unha chea de veciños, en desacordos co cura, foron chamar polo predicador protestante que despois de misionar en Sudáfrica establecera a igrexa evanxélica en Ares. Ao converterse á nova relixión quedaban a salvo das esixencias do crego. O primeiro que facían os protestantes era poñer escola para alfabetizar os seus fieis, de xeito que puidesen ler a Biblia

Falecido Baltasar en 1924, os mozos tomaron as súas primeiras iniciativas. O 22 de novembro de 1926 faleceu Anastasia, moza de 23 anos. Chamado o cura de Sillobre para celebrar as exequias de entierro y honras presentouse con outros catro. Todos eles, finalizada a sepultura eclesiástica e segundo o costume, agardaban ser agasallados co xantar. Os mozos dixéronlles que pediran cartos polo servizo, pero que de xantar non lles daban, que non estaban para festas. Contrariado o cura ameazou con pechar a igrexa (San Vicenzo de Regoela era anexa de Santa Mariña de Sillobre), manténdose os mozos na súa. 

Como os vellos do lugar non conseguiron interceder e que entrasen en razón uns e outros, a freguesía quedou sen misas. Daquela os crentes tiñan que desprazarse fóra, ben a Sillobre ou a Santa Olaia de Soaserra. Nesta última serían moi ben recibidos pois estaban experimentando unha escisión importante. 

Unha chea de veciños, tamén en desacordos co cura, foron chamar polo predicador protestante que despois de misionar en Sudáfrica establecera a igrexa evanxélica en Ares. Ao converterse á nova relixión quedaban a salvo das esixencias do crego. O primeiro que facían os protestantes era poñer escola para alfabetizar os seus fieis, de xeito que puidesen ler a Biblia. Outro beneficio moi valorado naqueles tempos de infradotación escolar. Estar enfrontado a un cura intolerante podía supoñer serios problemas pois eran os mellores coñecedores das prácticas e opinións dos veciños do rural. De feito, durante a Guerra Civil, un informe negativo dun cura era unha acusación moi difícil de sortear; querendo mal a alguén sentenciaban a calquera. Tamén os houbo bos, como don Baldomero da Capela, aínda lembrado por defender a todos e cada un dos seus veciños, chegando a mediar a favor de varios dos regoelenses fuxidos. 

Guerrilleiros en Regoela © Grial

Profuguismo masivo

Entre 1900 e 1930, período máximo da emigración americana, máis do 50 por cento dos mozos da antiga provincia de Betanzos non acudiron á cita anual de recrutamento, polo que foron declarados prófugos, chegando a picos do 70 por cento (a media no Estado era o 17 por cento)

Entre os puntos que levo tocado, hainos moi particulares de Regoela e outros máis xerais nos que poden identificarse outras freguesías. A este último pertence o profuguismo, unha práctica estendida por toda Galiza. Viña de décadas atrás, pero entre 1900 e 1930, período máximo da emigración americana, máis do 50 por cento dos mozos da antiga provincia de Betanzos non acudiron á cita anual de recrutamento, polo que foron declarados prófugos, chegando a picos do 70 por cento (a media no Estado era o 17 por cento). 

Dado que era unha alternativa asumida socialmente e co apoio familiar, milleiros de adolescentes emigraban 
prematuramente antes de cumpriren os dezaseis anos, para non quedaren suxeitos á lexislación militar. Por antimilitarismo ou simple instinto de supervivencia eles non querían participar na Guerra de Marrocos. O problema era que, se retornaban eran prendidos, multados e castigados nos peores destinos. Debían agardar vinte anos no estranxeiro para quedaren exentos de responsabilidade. 

Ante esa realidade, os ministerios de Guerra e Mariña, sen rebaixar as ameazas, daban solucións e acordaban cada dous anos de media, conceder un indulto a aqueles prófugos que pagaban a redención a metálico, de 1.500 a 2.000 pesetas daqueles tempos. Cantidade imposible para un labrego, pero non tanto para un emigrante un tanto afortunado. Eses cartos incrementaban o orzamento da propia guerra africana. 

Durante a Ditadura de Primo de Rivera, perfeccionaron o sistema de recadación aceptando entregas parciais nos consulados a cambio de permisos temporais de regreso. Con estes inmediatos e numerosos precedentes coñecidos por todos, non acudir á citación de recrutamento e fuxir ás fragas, era unha opción a ter en conta por aqueles mozos que non aceptaban participar no exército franquista.

Fuxidos e familiares © Grial

Coñecemento da fraga e nexos familiares

Moitos mozos asumiron un ideario de respecto dos dereitos cidadáns nunha República laica nada nas urnas. Por ese motivo, unha vez confirmado o Golpe de Estado do 18 de xullo, procuraron directrices nas corporacións municipais da Fronte Popular. Unha delas a de Cabanas

Unha vez propietarios do seu e procurando a autosuficiencia de cada casa, os regoelenses incorporaron ó seu capital algúns ferrados de soutos nas Fragas do Eume pois o consumo de castañas formaba parte da alimentación, conservándose varios meses afumadas. 

A actividade dos fragueiros era constante para manter os soutos limpos e produtivos, recollendo leña, casca de carballo e sanguiño serrando boas madeiras, vigas para as casas, facendo carbón vexetal, seleccionando cabos de ferramentas, pastando gando, apañando froitas, uvas viogheiras, hedras para as vacas, vimbios para os paxes e plantas medicinais. Só os amos podían escudir os castiñeiros con varas, pero calquera podía ir ao souleto polas castañas caídas. 

As fragas, un labirinto para o forasteiro, eran perfectamente coñecidas pola veciñanza de toda a contorna. As posibilidades de atoparse cun parente eran moi altas dadas a escasa mobilidade xeográfica da poboación local naqueles tempos. Segundo os libros parroquiais sabemos que o 94 por cento dos pais/nais e avós/ás dos nenos/as nados en Regoela entre 1853 e 1923, eran orixinarios da propia Regoela ou dalgunha das sete freguesías veciñas (Viladonelle, Cabalar, As Neves, Soaserra, Salto, Magalofes e Sillobre). 

Olimpia Barcia e a súa sobriña Libertad, nunha entrevista recente © Lucía Dancausa

Matanza 

A constatación de que os líderes locais máis destacados estaban sendo presos e paseados, substituídos nos concellos por colaboracionistas e delatores, motivou que os representantes elixidos se agachasen ou fuxisen. O alcalde de Cabanas e todos os concelleiros da Fronte Popular foron perseguidos e os máis deles asasinados

Chegada a Segunda República, tras do fracaso consecutivo dos partidos caciquís, da ditadura e da monarquía, algúns regoelenses participaron nas diferentes alternativas políticas. Moitos mozos asumiron un ideario de respecto dos dereitos cidadáns nunha República laica nada nas urnas. Por ese motivo, unha vez confirmado o Golpe de Estado do 18 de xullo, procuraron directrices nas corporacións municipais da Fronte Popular. Unha delas a de Cabanas. 

Pola súa banda, os golpistas non perderon o tempo. Bombardeado e asaltado o goberno civil da capital o día 20, axiña aproveitaron os seus arquivos para relacionar, nunha listaxe de trinta e cinco páxinas, os nomes dos dirixentes das asociacións agrarias, obreiras e de asalariados da provincia. A constatación de que os líderes locais máis destacados estaban sendo presos e paseados, substituídos nos concellos por colaboracionistas e delatores, motivou que os representantes elixidos se agachasen ou fuxisen. O alcalde de Cabanas e todos os concelleiros da Fronte Popular foron perseguidos e os máis deles asasinados.

Para os mozos de Regoela que non querían participar no ataque á legalidade constitucional, quedábanlles as fragas. A poboación dispersa, o coñecemento do medio, contar coa solidariedade inquebrantable das familias e veciños, a tradición profuguista… indicaba ese camiño; pero aínda lles faltaba sufrir unha das máis brutais demostracións da política de terror planificado pola Delegación de Orden Público. 

Na tardiña do 5 de setembro de 1936 un grupo de cinco regoelenses entre dezanove e trinta e un anos máis outro de Ferrol, estando a cuberto da choiva nun alpendre do lugar dos Xicos, foron rodeados por unha partida de falanxistas armados. Un tentou fuxir porque xa avisara que a el non o collían vivo. Matárono dun disparo nas costas. Atados os demais, ían polos carreiros cara á única estrada da freguesía. Aproveitando o fusco, dous deles conseguen fuxir, tras cortar a corda cunha pequena navalla que levaban achantada. Un terceiro, tamén libre, non foi quen de deixar o seu irmán atado enfrontándose a aqueles matóns. Reducido a culatazos, chegan á estrada. Ordenan a unha camioneta que os leve ó cemiterio de Sillobre. O chofer, anos despois, dixo que un ía desfeito, con todas as costelas rotas. 

Igrexa parroquial de San Vicente de Regoela CC-BY-SA Xosé Antonio

No cemiterio que tamén vale de miradoiro, na parte alta da freguesía, foron torturados os tres ata deixalos que non se coñecían. Terror planificado, os seus berros interminábeis servían como aviso aos navegantes para toda a veciñanza de Sillobre e Fene ata chegar á ría. Ninguén, independentemente da idade e antecedentes, estaba a salvo da impune actuación das bandas paramilitares ó servizo do Nuevo Estado

Para os mozos de Regoela que non querían participar no ataque á legalidade constitucional, quedábanlles as fragas. A poboación dispersa, o coñecemento do medio, contar coa solidariedade inquebrantable das familias e veciños, a tradición profuguista… indicaba ese camiño

Finiquitados dereitos e liberdades, o párroco Antonio Martínez escribiu no libro de defuncións os apuntes correspondentes. Deuse sepultura ó cadáver de tal, filiación, idade, fillo de, “falecido o mesmo día no cemiterio de Sillobre, non recibiu os sacramentos, e o asino”. Os seus nomes eran Arturo e Juan José Pereira López e Jesús María Bouza Pereira. 

No último apunte do ano, xa en decembro, o crego lembrouse do asasinado en Regoela, que fora enterrado polos veciños catro meses antes, sen presenza de cura. Utilizando a fórmula habitual remata “nada se lle fixo do que manda o Ritual Romano, e o asino”. O seu nome Baltasar López Ardao. Nos seguintes dez anos os fuxidos de Regoela, máis os de Soaserra, a freguesía irmá, e tantos outros que procuraron sobrevivir nas fragas, foron protexidos e informados por familiares e veciños. 

Na tardiña do 5 de setembro de 1936 un grupo de cinco regoelenses entre dezanove e trinta e un anos máis outro de Ferrol, estando a cuberto da choiva nun alpendre do lugar dos Xicos, foron rodeados por unha partida de falanxistas armados

Coma se vivisen nun pais ocupado, sen ningunha protección legal, rapaces e homes, rapazas e mulleres, vellas e vellos soportaron malleiras, detencións arbitrarias e prisións, deportacións, traballos forzados, visitas semanais obrigatorias ós cuarteis, precintado de hórreos, multas, insultos, ameazas e desprezo. Todo isto acumulado ás serias carencias dos anos da fame da posguerra. Tempos de requisas e mercado negro, cando para moitos non había que comer nin que vestir. Volvéndose a sementar o liño e a reutilizar os teares. 

Ademais, para os familiares dos fuxidos aínda lles quedaban outras. Nas constantes roldas da Garda Civil, darlles de comer e leito coas mellores sabas, ao tempo que rexistraban a casa outra vez. E mesmo saber descubrir os falsos guerrilleiros que lles pedían comida para despois denuncialos por dárllela. 

Pero Regoela das xentes libres saíu adiante e a memoria oral transmitida polos superviventes resulta determinante en moitos dos traballos xa publicados ós que remito o lector interesado. Sobre Regoela, fuxidos e guerrilla nas Fragas do Eume escribiron dende diferentes perspectivas, polo menos un traballo: Barrera Beitia, E.; Cabana Iglesia, A.; Caneiro Rey, J; Diéguez Cequiel, U. B.; Domínguez Ferro, M.; Fernández Fernández, E.; Fernández Rifón, A.; Freire Vilariño, I.; González López, D.; Grandío Seoane, E; Heine, H.; Lamela García, Luís; Máiz Vázquez, B.; Marco, A.; Martínez, Lupe; Otero Roberes, C.; Pereira, Dionisio.; Pereira Martínez, C.; Rodríguez Vázquez, M. A.; Rubia, Xoan; Sobrino Ceballos, J.; Suárez Martínez, X. M.; Valdivieso Mateo, M. e Vázquez Arias, J. C., entre outros. 

Coma se vivisen nun pais ocupado, sen ningunha protección legal, rapaces e homes, rapazas e mulleres, vellas e vellos soportaron malleiras, detencións arbitrarias e prisións, deportacións, traballos forzados, visitas semanais obrigatorias ós cuarteis, precintado de hórreos, multas, insultos, ameazas e desprezo

Esta pesquisa foi orientada no esencial por Juan Permuy Alvariño, sabio, profesor de matemáticas, obreiro do metal, correo de fuxidos e, por riba de todo, fachendoso fillo do país que, mentres puido, levoume da súa man amiga. Ademais, dende 2002, tiven ocasión de entrevistar e gravar a 176 veciños nados na comarca nas primeiras décadas do século XX. 

Entre esas achegas destacan as de Olimpia Barcia Fernández, que con cento un anos é memoria viva daquela xeración excepcional, e da súa sobriña Libertad, respectivamente irmá e filla de Amador, aquel regoelense que conseguiu sobrevivir cortando a corda. Exemplo de mozo fuxido que feito bravo tornou en guerrilleiro. En 1946, con outros compañeiros, embarcou clandestinamente nun pesqueiro cara a Francia. Oito anos despois, tras casar por poderes, puido reunificar a familia en Dijon-Borgoña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.