Só catro países da UE superan a fenda de xénero que sofren as mulleres galegas

Forte, rebelde, líder. Imaxe tirada en Compostela o pasado 8 de marzo CC-BY-NC-SA Forte, rebelde, líder. Imaxe tirada en Compostela o pasado 8 de marzo

A Comisión Europea vén de publicar un informe que compara a fenda de xénero existente en cada un dos territorios que compoñen a UE, analizando un gran número de variables, que van dende o emprego e o salario á seguridade, as desigualdades presentes na sanidade ou no ensino, pasando polo acceso a posicións de poder e toma de decisión.

O informe chama atanción sobre as importantes fendas de xénero existentes en todos os territorios da UE, pero con grandes diferenzas entre unhas e outras rexións

Para facelo, os autores e autoras do informe, H. Norlén, E. Papadimitriou e L. Dijkstra. debullan numerosos parámetros e indicadores e con eles compoñen dous índices, un referido directamente á desigualdade (Índice de Desvantaxe), é dicir, ás diferenzas que nun territorio concreto teñen con respecto aos homes. E outro referido aos éxitos (Índice de Logros), é dicir, ao nivel (económico, educativo, de seguridade, de poder...) acadado polas mulleres desa rexión independentemente dos obstáculos e fendas existentes.

Entre as conclusións xerais ás que chega o informe destaca a de que, en xeral, canto máis desenvolvido é un territorio, menor é a desigualdade de xénero. De feito, Suecia, Dinamarca ou Holanda, países cos maiores niveis de renda da UE, son os que presentan as menores fendas de xénero, dentro deles, son as súas rexións máis ricas as máis igualitarias. Pola contra, Romanía, Bulgaria, Grecia, Croacia ou Hungría son os países con maiores desigualdades entre homes e mulleres.

Conclúe que canto máis desenvolvido é un territorio, menor é a desigualdade de xénero. E que a presenza das mulleres en posicións de poder é moito maior

A segunda constatación, ligada á primeira, é que nos países menos desenvolvidos economicamente a presenza das mulleres en posicións de poder é moito menor. O informe conclúe que cando as mulleres acceden a cargos de responsabilidade a calidade do goberno mellora para toda a cidadanía.

O documento tamén conclúe, á vista da comparación do datos estatísticos de todos os países membros, o notable efecto que para a redución da fenda laboral de xénero ten o desenvolvemento dunha estrutura forte de atención á crianza. De igual xeito, salienta a importancia do acceso das mulleres ás carreiras profesionais de ciencia e tecnoloxía, subliñando que existe unha relación directamente proporcional entre as maiores porcentaxes de mulleres nestes campos e a igualdade xeral acadada na sociedade.

O informe analiza con detemento a situación da muller en 270 rexións dos 28 estados membros. Todos os parámetros están contidos en dous índices que permiten trazar unha foto fixa para cada rexión. 

No Índice de Desvantaxe, Galicia só é superada por Malta, Romanía, Grecia e Italia, os catro países máis desiguais da UE

No Índice de Desvantaxe Galicia sitúanse entre os territorios cunha fenda de xenero maior. O valor que recibe (0,26 puntos) está moi por riba do que ten o Estado Español (0,18) e só é superado polo de Malta, Romanía, Grecia e Italia, os catro países máis desiguais da UE. Dentro de España, a fenda de xénero de Galicia é moi superior á da Comunidade de Madrid e Illas Baleares (0,15), e ás de Cataluña e Comunidade Valenciana (0,17). Galicia presenta datos semellantes aos de Estremadura, Castela-León ou Asturias.

O Índice está composto por sete parámetros. Nalgúns, a posición de Galicia é algo máis favorable. Por exemplo, no referido ao traballo e diñeiro (acceso a emprego e fenda salarial), a situación de Galicia é mellor que a do conxunto do Estado Español, aínda que por riba da media da UE. E no acceso a posicións de poder, Galicia e o Estado Español presentan uns indicadores de desigualdade moi reducidos (posiblemente debido á composición case paritaria dos Parlamentos).

Os datos galegos son especialmente malos en cando á seguridade das mulleres e no uso do tempo

Porén, os datos galegos son especialmente malos en cando á seguridade das mulleres (relacionado coa posibilidade das mulleres de camiñar soas pola rúa sen medo), un indicador no que a situación de Galicia só é peor en Portugal, Holanda, Chipre e Malta. E tamén no ámbito da saúde.

Con todo, o indicador no que os datos galegos destacan polo seu carácter negativo é o do tempo, que se refire á capacidade das mulleres para desenvolver actividades máis aló do traballo remunerado e dos labores de coidados: dende o ocio á súa participación en entidades sociais. O indicador amosa unha enorme desigualdade entre a capacidade que mulleres e homes teñen para isto en Galicia e en boa parte do Estado Español, moi superior á existente no resto da UE.

Índice de Logros

O informe complétase cun segundo indicador, o de logros, que en lugar de comparar a situación de mulleres e homes nun mesmo territorio, o que fai é comparar a situación das mulleres nun territorio en relación coa que presenta o xénero feminino nas restantes rexións da UE.

As mulleres galegas, a pesar de contar con obstáculos de partida importantes, son quen de acadar posicións avanzadas en relación coas que se dan no resto do continente

Neste caso,  a situación relativa das mulleres é algo mellor, situándose nun espazo medio, mellorada polos datos de 11 países e superando os indicadores doutros 17, entre eles o propio Estado Español, con cifras moi semellantes ás galegas. A lectura que se pode facer disto é que as mulleres galegas, a pesar de contar con obstáculos de partida moi importantes, sobre todo no que se refire ao uso do tempo, son quen de acadar posicións relativamente avanzadas en relación coas que se dan no resto do continente.

De novo, o Índice está composto por sete parámetros, acadando Galicia bos indicadores no referido ao acceso a postos de responsabilidade e sáude. Na parte negativa aparece sobre todo o acceso ao emprego e a desigualdade salarial. Neste caso Galicia (e España) ocupan os derradeiros lugares entre os 28 países da UE, superando unicamente a Eslovaquia, Bulgaria, Malta, Romanía, Croacia, Italia e Grecia.

O mapa amosa coas cores máis escuras os territorios máis desiguais e coas máis claras os máis igualitarios © Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.