A autoestrada AP-53 que une Compostela e o Alto de Santo Domingo (Dozón) ten algunhas das peaxes máis elevadas do Estado. O treito entre Santiago e Lalín (55 quilómetros) ten un prezo de seis euros e tan só o percorrido entre Silleda e Lalín (13 quilómetros) custa 2,45 euros. Porén, a moitos e moitas usuarias desta autoestrada estívoselles cobrando unha cantidade aínda maior, cando menos neste treito entre Lalín e Silleda ou entre o Alto de Santo Domingo e Lalín.
A moitos e moitas usuarias desta autoestrada estívoselles cobrando 3,60 euros por ese traxecto, 1,15 euros máis do debido
Así o denunciou este luns o voceiro socialista no Concello de Lalín e tenente de Alcalde, Nicolás González Casares, que publicou un vídeo en Facebook que confirmaba que ao seu vehículo se lle estaba a cobrar 3,60 euros por ese traxecto, 1,15 euros máis do debido. González Casares explica no vídeo que non era a primeira vez que iso lle sucedía. No momento en que se pon en contacto a través do interfono co persoal da autoestrada (nese lugar todas as cabinas son automáticas) este automaticamente detecta o erro e pasa a cobrarlle o prezo real.
A denuncia do edil foi recollida de inmediato pola Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que a través de twitter afirmou que a Xunta comprobara "a veracidade das denuncias" e esixiulle ao Ministerio de Fomento e á Delegación do Goberno que actuasen "con urxencia para pórlle fin aos sobreprezos que se están a cobrar na autoestrada Santiago-Lalín". Instou tamén a que a concesionaria "devolva o que corresponda e se dean explicacións".
Descoñécese o número total de usuarios e usuarias afectadas
A Delegación do Goberno reaccionou a primeira hora desta mañá ás denuncias. Inspectores de estradas do Ministerio de Fomento puxéronse en contacto coa concesionaria da autoestrada e persoáronse nas peaxes afectadas. Alí comprobaron que houbera un problema técnico nas cámaras de recoñecemento de matrícula, que está en proceso de solución. A concesionaria afirmou, ademais, que as persoas que reclamaran o cobro indebido xa se lles reintegraron os cartos pagados de máis e que así o farán con todas as reclamacións que reciban. Descoñécese o número total de usuarios e usuarias afectadas.
Críticas aos erros provocados polas cabinas automáticas
Na súa denuncia, Nicolás González Casares salienta que “desde Lalín a Silleda xa estamos soportando a ratio de prezo por Km máis alta de España pero o que está sucedendo agora é un abuso brutal por parte da concesionaria". O edil do PSdeG-PSOE afirma “que a concesionaria sabe de seguro deste problema e moito me temo que non fixeran nada por arranxalo”. “Se foi unha avería que a arranxen coa maior brevidade e que devolvan os cartos a todos os que pagaron esta sobrepeaxe que poden ser miles”, engade.
"Cando se produciu a substitución de persoas por máquinas na peaxe de Silleda, xa advertiramos dos riscos de que se producisen estas situacións"
González Casares di que "cando se produciu a substitución de persoas por máquinas na peaxe de Silleda, xa advertiramos dos riscos de que se producisen estas situacións, polo que ademais de destruir emprego están tamén aumentando os seus beneficios dun xeito vergoñento".
Ao igual que noutras autoestradas, a AP-53 comezou hai anos a retirar o seu persoal das cabinas de peaxe, de xeito que en moitos lugares só existe a posibilidade de empregar cabinas automáticas. Esta política foi xa criticada no seu inicio, en 2013. Dende entón nesta peaxe de Silleda a única posibilidade de recibir colaboración dun empregado pasa por un sistema de interfono, que comunica o condutor ou condutora cun encargado cun encargado ou encargada en Compostela.
A autoestrada AP-53 está xestionada por Autopista Central Gallega (ACEGA), propiedade de Global Vía e Itínere de xeito maioritario. A súa concesión rematará no ano 2074.