Unha pita do monte, extinguida en Galicia, vista a só 15 quilómetros de Piornedo

Unha femia de pita do monte © SEO

A xornada electoral do pasado domingo deixou algunhas sorpresas en varias localidades, pero poucas como a que se viviu en Candín (León), unha pequena vila a só 12 quilómetros da fronteira con Galicia. Alí, ás portas do colexio electoral puido verse dende a primeira hora da mañá unha femia de pita do monte, adulta e de bo tamaño. O animal está extinguido en Galicia dende hai case quince anos (o derradeiro exemplar documentado foi visto en 2005) e o mesmo sucede na parte leonesa dos Ancares.

Por iso a súa presenza chamou a atención de moitas as persoas que se foron achegando a votar, que tiraron varias fotografías do paxaro, recollidas polo xornal La Nueva Crónica. Unha das testemuñas sinala que o animal "subía e baixaba da árbore, logo entrou dentro do recinto e parecía moi tranquila. Despois si se asustou un pouco cando se xuntou un pouco de xente para vela, moitos fixéronlle fotos, era unha imaxe preciosa vela por alí”. Finalmente, a pita do monte foi recollida por un axente medioambiental para que lle fose colocado un chip de seguimento.

O exemplar cazado por Fraga que se pode ver no albergue dos Ancares. Dominio Público Praza Pública

Houbo un tempo, non hai moito, en que a pita do monte era o símbolo dos Ancares e aínda se poden ver algunhas imaxes deste fermoso animal nalgunha web turística. Porén, a ave está ausente destas montañas dende hai tempo e a súa presenza na parte central e oriental de Asturias é tamén moi escasa, reducíndose a súa poboación en toda a Cordilleira Cantábrica nun 70% dende os anos 80.

A súa caza foi prohibida en 1979 e a partir de 1986 foi catalogada como especie protexida, pero acabou desaparecendo de Galicia por múltiples causas que afectaron ao seu hábitat. Houbo plans para reintroducila nos Ancares galegos, entre eles o plan Life da Unión Europea comezou a aplicarse no ano 2010 en Castela-León, Asturias, Cantabria e Galicia, pero a Xunta retirouse en 2013 por mor da aplicación de recortes. A Galicia correspondíalle un investimento de 612.180 euros, dos que a Xunta tiña que achegar a metade.

Nos Ancares consérvase, si, dous exemplares disecados no albergue da Campa de Fieiró, en Cervantes. Un deles foi cazado por Manuel Fraga nos anos setenta. Sobre a pita do monte Fraga dixo que era "o tiro máis prestixioso, que xustifica todos os desprazamentos” e nunha entrevista publicada por El Mundo en 2007 relataba que "matei o último antes de que o declararan especie protexida. O peor é que tamén protexeron os animais que lles pisan os ovos. Son tan parvos que os deixan no chan". "Así que había más pitas do monte na serra cando se podía cazar", concluía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.