Unha sentenza confirma a obriga de ter un certificado negativo de delitos sexuais para realizar prácticas de enfermaría

Persoal de enfermaría © Sergas

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou unha sentenza que confirma a obrigatoriedade de que o alumnado de enfermería presente un certificado negativo de delitos sexuais para comezar as prácticas clínicas obrigatorias. O ditame confirma o emitido polo Xulgado do contencioso-administrativo nº 2 da Coruña, que avalou a decisión adoptada previamente pola Universidade da Coruña.

A un alumno da Escola de Enfermaría da UDC foille negada a posibilidade de realizar prácticas en centros sanitarios ao non presentar o certificado. O home fora condenado por un delito sexual cando tiña 14 anos

O proceso xudicial foi iniciado no ano 2018 por un alumno da Escola de Enfermaría da UDC, a quen lle fora negada a posibilidade de realizar as prácticas en centros sanitarios ao non presentar o devandito certificado. O home, de 24 anos nese momento, fora condenado a unha pena de dous anos de liberdade vixiada cando tiña 14 anos pola comisión dun delito contra a liberdade sexual. Porén, o estudante recorreu a decisión da universidade, alegando que supoñía unha medida “restritiva" dos seus dereitos individuais, en concreto do seu "dereito á educación", pois a realización das prácticas é imprescindible para completar o grao que estaba a cursar. 

Alumnado de Enfermaría realiza tests serolóxicos no campus universitario de Ferrol © UDC

O tribunal rexeita o argumento de que esa esixencia restrinxa o dereito á educación do recorrente. “Non se lle impide a realización de estudos de calquera tipo, o que sucede é que se o ensino, na súa fase práctica, entraña a realización de actividades que impliquen contacto habitual con menores, debe presentar o certificado negativo, que está fundado noutro mandato constitucional: o da protección dos menores”, salienta a sentenza.

A lei restrinxe o acceso e exercicio ás profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con menores ás persoas condenadas por delitos sexuais

A Lei de Protección do Menor, modificada en 2015, sinala que "será requisito para o acceso e exercicio ás profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con menores o non ter sido condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual".

Ademais, o ditame lembra que a imposibilidade de realizar as prácticas (e polo tanto de completar os estudos de Enfermaría) non é permanente, senón que "ten sinalado un termo final, que para o demandante é cando faga 28 anos". No caso dos delitos sexuais cometidos cando unha persoa é menor de idade, as inscricións contidas no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais cancélanse de oficio dez anos despois de que o condenado chegue á maioría de idade. O tribunal destaca que "non lle falta moito tempo para poder obtelo se se ten en conta que tiña 25 anos en marzo de 2019, cando planteou a demanda." 

Así mesmo, a sentenza descarta que a norma se aplicase retroactivamente, pois aínda que o alumno comezou os seus estudos de enfermería en 2014 e a norma entrou en vigor en 2015, a universidade lle esixiu o certificado en 2018, cando ía comezar as prácticas.

A petición do certificado está xustificada porque un enfermeiro pode ter “un contacto físico directo e estreito con menores no exercicio do seu labor profesional ou nas prácticas clínicas dos estudos”

Finalmente, o TSXG explica que a petición do certificado está xustificada porque un enfermeiro pode ter “un contacto físico directo e estreito con menores no exercicio do seu labor profesional ou nas prácticas clínicas dos estudos”, á vez que indica que é “habitual a presenza de menores en calquera centro sanitario, e iso á marxe de que hai determinados centros en que esa presenza se incrementa e nos que a posibilidade de contacto é aínda maior, como sucede no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña ou nos servizos de pediatría de calquera centro sanitario”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.