Vigo encabeza o incremento da incidencia da COVID, que segue alta na contorna da ría de Arousa

Cribado da COVID-19 a alumnado da Universidade de Vigo e evolución dos novos casos en Galicia CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

A situación da pandemia da Covid-19 mantense estable en Galicia, con cifras de incidencia que manteñen unha lenta tendencia de aumento pero que se manteñen en niveis reducidos, cando menos que se se comparan cos que sofren outros territorios do Estado e unha parte importante dos países do continente. A Consellería de Sanidade notifica este domingo 188 novos positivos, dos que 173 foron detectados por proba PCR nas últimas 24 horas. A taxa de positividade mantense tamén en niveis controlados, ao redor do 3%.

Vigo duplicou o seu número de casos activos no último mes

Con todo, si hai algúns concellos e comarcas nos que esta tendencia de ascenso é moito máis clara, destacando a situación que se vive en varias localidades da contorna da ría de Arousa, nas comarcas do Salnés e do Barbanza e tamén na cidade de Vigo, dende hai días a urbe con máis incidencia, que duplicou o seu número de casos activos no último mes.

Este sábado non se rexistrou ningún falecemento en Galicia por cuarto día consecutivo

Afortunadamente, os efectos máis graves da pandemia semellan ir quedando atrás e este sábado non se rexistrou ningún falecemento en Galicia por cuarto día consecutivo, un efecto do éxito do proceso de vacinación.

De igual xeito, un día máis non se rexistrou ningún novo positivo nas residencias galegas. É o décimo día consecutivo que isto sucede. E, de feito, dende o 21 de marzo, hai case un mes, houbo tan só cinco positivos nestes centros, no que a práctica totalidade do persoal e dos usuarios e usuarias recibiu as dúas doses da vacina.

Carballeda de Valdeorras, O Grove, Cualedro, Trabada, Cortegada e Lobeira mantéñense como as localidades con máis incidencia

Carballeda de Valdeorras, O Grove, Cualedro, Trabada, Cortegada e Lobeira mantéñense como as localidades con máis incidencia, todas por riba dos 500 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, un nivel ao que tamén está próximo A Pobra do Caramiñal (461). Boimorto, Meira, Padrenda, Barreiros, Catoira e Ribadumia presentan tamén incidencias por riba dos 250 casos.

Pola contra, 130 concellos non rexistraron ningún novo positivo nos últimos 14 días e 173 non tiveron novos diagnósticos de Covid-19 na última semana.

Vigo achégase aos 150 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, o que probablemente obrigaría a endurecer as restricións

Nas cidades, destaca o empeoramento da situación na cidade de Vigo, a urbe cunha maior incidencia, cada vez máis próxima aos 150 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, o que probablemente obrigaría a endurecer as restricións neste termo municipal. No resto, tan só A Coruña ten unha incidencia superior aos 100 casos por cada 100.000 habitantes, manténdose estables o resto.

Nos hospitais tamén se mantén a estabilidade, con 30 pacientes Covid-19 nas UCI e 162 noutras unidades. As cifras totais veñen experimentando un lixeiro crecemento nos últimos dez días, pero aínda moi lonxe dos niveis acadados anteriormente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.