Hai 35 anos comezou a viaxe dun navegante que, como se dun poema de Manuel Antonio se tratase, cada vez vai ficando máis só. A nave Voyager 1, un cubo de catro metros de longo e máis de 800 quilogramos, desatracou das costas da Terra un 5 de setembro de 1977 para explorar os planetas exteriores do Sistema Solar e chegar máis alá.
Esta sonda e a súa xemelga, a Voyager 2, achegaron datos fundamentais para comprender a atmosfera de Xúpiter, os aneis de Saturno e Urano, ou as características das lúas destes astros. Para avanzar, as naves impulsáronse grazas aos campos gravitatorios dos distintos astros até poñer rumbo ao cuadrante estantío das estrelas.
As dúas sondas Voyager axudaron a coñecer mellor planetas como Xúpiter e Saturno.
Cando a Voyager 1 xa se atopaba alén de Plutón, o día de San Valentín de 1990, o director da misión, o científico e divulgador Carl Sagan, pediu que a nave ollara cara atrás para tirar unha fotografía do que deixaba atrás. Unha imaxe na que a Terra é simplemente "un punto azul pálido", como a describiu o propio Sagan. Un grao de area flotando na inmensidade do espazo.
Hoxe a Voyager atópase a máis de 18.000 millóns de quilómetros do seu punto de partida. Nun lugar onde a luz do sol tarda 33 horas en chegar, fronte aos 8 minutos nos que chega á Terra. A sonda navega entra as nubes de plasma e vento solar coas que a estrela non crea áxiles cadros sen marco, senón a chamada heliosfera, o campo que rodea o Sistema Solar.
Pouco a pouco, o navegante vai cruzando as distintas zonas deste mar de vento. A Nasa calcula que a Voyager cruzou en 2004 a "onda de choque", o lugar onde o vento solar reduce a súa velocidade de xeito brusco, para entrar na heliofunda, a capa máis exterior antes da fronteira co espazo interestelar.
A fronteira do Sistema Solar semella estar máis lonxe do que se pensaba.
Porén, este territorio inexplorado ás veces procura sorpresas que obrigan aos científicos a cambiar todos os seus cálculos e incluso as súas teorías. No ano 2010 descubriu unha zona de transición inesperada, onde o plasma non modifica a súa traxectoria como se agardaba desde a Terra.
Os ventos desta particular roseta non se orientan cara o esquecemento, senón que manteñen a dirección, polo que un grupo de científicos publicou esta semana en Nature un estudo no que indican que a fronteira do Sistema Solar pode estar máis lonxe do que se pensaba previamente.
Estea onde estea o límite exacto da heliosfera, cada vez hai máis sinais de que a Voyager 1 estase a achegar ao espazo interestelar, pois cada vez son máis fortes os sinais que detectan raios de gran enerxía procedentes de fóra do Sistema Solar.
A Voyager 1 enviará información polo menos até 2025.
Uns sinais que seguirá a enviar polo menos até o ano 2025. A partir dese momento comezará a esgotarse o combustíbel que alimenta os aparellos do Voyager 1 e lle permite envialos á Terra.
A partir dese momento, o Voyager continuará navegando, ficando cada vez máis só, convertido no cadaleito do disco dourado que leva imaxes e sons deste Planeta para quen se cruce con el. Unha mensaxe ideada por Carl Sagan para amosar a outros seres a diversidade da vida e a pluralidade cultural da Terra.
O Voyager seguirá a súa viaxe camiño da constelación de Andrómeda, se cadra como derradeiro vestixio da humanidade, atravesando o universo do mesmo xeito que Manuel Antonio pecha De catro a catro: pra sempre / coma un morto / co peso eterno de tódolos adeuses.