A alta tecnoloxía non avanza en Galicia

Alberto Núñez Feijoo, nun momento da súa mensaxe de fin de ano © Xunta

"Que inventen eles!". Á hora de falar dos recortes nos investimentos en I+D ou das dificultades dun país para que se desenvolvan os seus sectores tecnolóxicos e baseados no coñecemento adóitase botar man desta castiza frase de Miguel de Unamuno. O discurso oficial é sempre moi distinto, dende as institucións predícase coa importancia clave do I+D+i e das producións baseadas na alta tecnoloxía. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo gravou hai un par de meses o seu discurso de fin de ano dende o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, no Porriño, como un símbolo dun "futuro prometedor", dixo. Iso si, na súa intervención houbo pouco espazo para lembrar a crise da ciencia en Galicia ou que a I+D galega perdeu o 19% do seu persoal investigador dende 2010, uns 1.300 investigadores e investigadoras menos.

Os recortes e a crise non só afectan aos grupos de investigación universitarios, traballen en colaboración con empresas externas ou non, senón que tamén está deixando pegada nos sectores produtivos cunha gran compoñente de tecnoloxía. Aqueles, adóitase repetir, que poden xerar maior valor engadido e que poderían ser a base dunha economía galega diferente e máis competitiva. O INE vén de publicar os seus Indicadores de Alta Tecnoloxía correspondentes ao ano 2013, que amosan unha tímida recuperación no conxunto de España, pero que tamén revelan un estancamento xeral en Galicia, con caídas nos capítulos de persoal e de gastos internos no sector de alta tecnoloxía. Ademais, a cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta segue descendendo e supón apenas unha cuarta parte dos datos de 2009.

A cifra de negocio das manufacturas de alta tecnoloxía en Galicia pasou de superar o millón de euros en 2009 a ficar en 276 mil en 2013, acumulando catro anos de caídas

De feito, esta cifra de negocio total das manufacturas de alta tecnoloxía pasou de superar o millón de euros en 2009 a ficar en 276 mil en 2013, acumulando catro anos de caídas. A cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía media-alta mantense estancado dende ese ano 2009, cando superaba os oito millóns de euros, sendo hoxe algo superior aos 7,6 millóns, cun incremento -iso si- dende os datos de 2012. 

No conxunto do Estado, os sectores que empregan alta tecnoloxía pasaron dende unha cifra de negocio de 25,3 millóns de euros ata os actuais 24,1 millóns, crecendo dende os 22,7 millóns de 2012. Os sectores baseados en tecnoloxías media-altas incrementaron a súa produción dende os 116,8 millóns de 2009 ata os actuais 126,1 millóns.

  2009 2010 2011 2012 2013
Persoal en I+D 2.063 2.144 2.179 2.277 2.171
Gastos internos no sector de alta tecnoloxía  139.829 134.319 132.071 131.038 119.609
Cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta  1.016.516 461.203 368.150 317.961 276.710
Cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía media-alta 8.055.870 8.021.168 7.825.328 6.769.389 7.625.740

Indicadores do sector da alta tecnoloxía en Galicia. Fonte: INE

Alberto Núñez Feijoo, nun momento da súa mensaxe de fin de ano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.