Vai chover nas Fragas do Eume. Un dos principais inimigos das tarefas de extinción do incendio, a ausencia total de precipitacións, a sequidade do ambiente e as temperaturas elevadas vai desaparecer este martes. O meteorólogo Carlos Balseiro confirma que xa este luns as condicións do tempo melloraron notablemente e, tal e como adiantou para Praza Pública na tarde do domingo, o amainamento do vento do nordés axudou ás brigadas. Tras "algún refacho moderado" nas primeiras horas da tarde do luns, "cara á noite calmará e rolará ao norte". Isto acontece mentres a entrada de nubes desde o norte tamén facilita os labores. "Están a ser máis persistentes do agardado", polo que "están a contribuír a manter alta a humidade e baixa a temperatura. "Se os hidroavións poden traballar nestas condicións, é unha boa nova". Ademais, o mantemento da temperatura nuns 13 ou 14 graos "axudará a que non se reaviven focos de lume".
Xa de cara ao martes, explica Balseiro a Praza "chegarán algunhas nubes" e con elas "algunhas chuvias febles". Esta febleza é, a priori, o máis favorable para que as escorrentías non sexan moi destrutivas. "De cara ao mércores si que chegarán chuvias algo máis persistentes" e con intensidade feble, "que axudarán a apagar o lume que poida quedar, dar vida ás árbores e facer que a terra se molle un pouco e, no caso de que as chuvias do xoves sexan moderadas, poida filtrala ben". Ademais, o vento e as temperaturas axudarán, soplará do norte e o termómetro non subirá dos 10 graos.
Cambio a respecto da fin de semana
Este cambio meteorolóxico será substancial, xa que chega tras dous días nos que o tempo foi un dos principais aliados do lume. Balseiro explica que durante o domingo nordés, que acadou refachos de ata 30 quilómetros por hora, nun contexto no que no Eume a súa influencia e maior a causa da complexidade orográfica do lugar. "A zona ten moitos canóns e apantallamentos, polo que os cambios na dirección e na intensidade son constantes e varían en poucos metros", isto é, as lapas pódense volver contra os brigadistas en calquera momento, especialmente en zonas altas.