A evolución da costa galega contada nun fío de twitter ou teses explicadas en tres minutos, premios da USC á divulgación

Foto de familia dos premiados e premiadas nos certames ‘Teses en tres minutos’ e ‘A túa tese de doutoramento nun fío de Twitter’ © USC

O obxectivo era promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e divulgación científica entre o estudantado que traballa nas súas teses de doutoramento ou que vén de defender os seus traballos de posgrao

A USC puxo en marcha a través da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) os certames ‘Teses en tres minutos’ e ‘A túa tese de doutoramento nun fío de Twitter’. O obxectivo era promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e divulgación científica entre o estudantado que traballa nas súas teses de doutoramento ou que vén de defender os seus traballos de posgrao.

Un total de 21 persoas enviaron os seus chíos para participar en ‘A túa tese de doutoramento nun fío de Twitter’, certame impulsado por Crue Universidades Españolas e a Rede Divulga, seguindo o ronsel aberto pola iniciativa #HiloTesis. Finalmente, o fío gañador foi o de Alejandro Gómez Pazo (@lex_gom), xeógrafo e doutor pola USC, que estudou a evolución da costa galega na súa tese de doutoramento.

O xurado destacou que o chío deste xeólogo consegue “enganchar dende o principio, expoñendo as conclusións relacionándoas directamente coa súa importancia local”

O xurado destacou que o chío deste xeólogo consegue “enganchar dende o principio, expoñendo as conclusións relacionándoas directamente coa súa importancia local”. Engaden que a construción do fío é correcta, “utilizando unha linguaxe desenfadada e o humor para conectar co público”. Por outra banda, o xurado destaca do traballo de Gómez Pazo que “achega máis riqueza ao fío o emprego de gifs con elementos da cultura popular (The Rock, Forest Gump, La Vida Moderna...), fotos reais da metodoloxía empregada, e unha ligazón final para saber máis” do seu traballo.

Unha vintena de alumnos e alumnas enviaron vídeos para participar no certame ‘Teses en tres minutos’, que busca promover as habilidades de comunicación académica e presentación

Pola súa banda, unha vintena de alumnos e alumnas enviaron vídeos para participar no certame ‘Teses en tres minutos’, que busca promover as habilidades de comunicación académica, de presentación e de investigación. Este é o primeiro ano que a USC participa neste concurso que apoia a capacidade dos doutorandos e doutorandas para explicar eficazmente a súa investigación en tres minutos, nunha linguaxe adecuada para un público non especializado.

Na final concursaron un total de doce vídeos, cuxos creadores e creadoras tamén tiveron que desenvolver a presentación da súa investigación en persoa. A exposición realizárona diante dun xurado e do público presente na Nave de Vidán. Finalmente, outorgáronse cinco Premios de Excelencia de Divulgación Científica, un por cada área.

Finalmente, outorgáronse cinco Premios de Excelencia de Divulgación Científica, un por cada área

As cinco gañadoras e gañadores foron Irene Ortiz Leal do Doutoramento en Investigación Básica e Aplicada en Ciencias Veterinarias, Fernando Estévez Casado do Doutoramento en Investigación en Tecnoloxías da Información, Sara Calvete Lorenzo do programa en Comunicación e Información Contemporánea, María Moreno Pérez do Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Química, e Jamila Farajova do programa en Lingüística.

A EDIUS premiou aos doutorandos e doutorandas vencedores cun cheque por valor de 250 euros. Ademais, as persoas autoras dos doce vídeos recibiron uns auriculares sen fíos. O xurado, composto polos subdirectores e subdirectoras da EDIUS e por profesorado da USC, tivo en conta aspectos do contido das presentacións e a capacidade comunicativa dos candidatos e candidatas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.