A I+D+i militar evita a crise nos orzamentos de Rajoy

Rajoy, durante unha visita á Brilat en Figueirido © Goberno de España

Ano 2013. O Estado español está inmerso nunha profunda crise económica e, aínda que os gobernos teiman en anunciar a proverbial "luz ao final do túnel", os orzamentos públicos caen sen cesar, con especial incidencia en todas as partidas destinadas á investigación científica. Todas? Todas, non. Como en todo océano, no dos recortes hai tamén unha illa que resiste o temporal e que non só fica libre das tesoiradas, senón que medra con vigor: a investigación militar. Aínda que, ao contrario do que veu acontecendo en anos anteriores, a política de gasto 46 dos Orzamentos Xerais do Estado, a dedicada a I+D+i, medra levemente, este crecemento é residual no ámbito civil e moi vigoroso no militar.

A Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE) vén de emitir un "informe de urxencia" sobre o documento orzamentario do gabinete de Mariano Rajoy e nel fica claro o "aumento considerable" dos fondos para investigación militar, dun 39,4%, fronte ao "modesto incremento" da investigación civil, que aumenta nun 1,27%. Traducido a euros isto quere dicir que a I+D+i civil, a que desenvolven, por exemplo, as universidades públicas, disporá no vindeiro exercicio económico de 5.639 millóns de euros, 213 máis que hai un ano. Esta leve mellora "nin sequera compensa a caída de 461 millóns que sufriu o orzamento de 2013", subliña a COSCE, que ademais chama a atención sobre dous factores máis: "o incremento dos prezos" e o "importantísimo descenso dos orzamentos dende 2010" fan que esta mellora sexa "moi pouco significativa".

A lixeira suba dos fondos de I+D+i "nin sequera compensa a caída que sufriu o orzamento de 2013"

O informe, redactado polo catedrático de Economía Aplicada da Complutense José Molero e polo investigador do CISC José de Nó, non observa motivo ningún para a euforia por un cambio na tendencia investidora do Goberno central. Os 6.146 millóns que suma o orzamento de I+D+i no seu conxunto supoñen un acumento do 3,61% a respecto do ano anterior, se ben, "ao tratarse de euros correntes, se se desconta a inflación o incremento en valores constantes situarase nun intervalo entre o 1,5% e o 2%". Ademais, a xuízo dos autores, "destaca o feito" de que "os fondos que máis aumentan en porcentaxe son as operacións financeiras para a investigación militar", que experimentan un incremento do 57,42%. Os seguintes programas beneficiados polas subas son as operacións non financeiras para investigación militar (12,42%) e as non financeiras para investigación civil (6,07%). Mentres, as operacións financeiras para investigación civil descenden un 1,69%.

"O que finalmente importa é a execución dos programas", na que cómpre unha "forte corrección"

Ademais da diferenza de tratamento entre a investigación militar e civil, a análise de Molero e De Nó subliña que, con independencia das "cifras orzamentadas, o que finalmente importa é a execución dos diferentes programas" e, neste punto, o gabinete de Rajoy destaca por ineficiente. "Nos últimos anos os datos de non execución foron tan elevados -en 2012, preto da metade- que rematan por poñer en cuestión boa parte do expresado nos Orzamentos", resumen. Así, para a a COSCE cómpre "unha forte corrección deste problema" que evite a "mingua" da "credibilidade das cifras" oficiais. Isto, advirten, non significa só "gastar os créditos dispoñibles", senón "facelo de maneira eficiente en tempo e forma, o que esixe a posta en marcha de melloras na xestión, a comezar pola non nata Axencia Estatal de Financiamento".

Un bo exemplo da non execución de fondos para I+D+i atópase, sen ir máis lonxe, no Boletín Oficial do Estado do pasado mércores. Nel figura a convocatoria de dous programas de axudas do Plan Estatal de Investigación Cientifica e Técnica e de Innovación 2013-2016, dedicados ao "fomento da investigación científica e técnica de excelencia" e mais á "innovación orientada aos retos da sociedade". A data de publicación das convocatorias e as súas normas convértenas en "axudas imposibles de tramitar, conceder e xustificar", resumen dirixentes universitarios galegos consultados por este diario.

Rajoy, durante unha visita á Brilat en Figueirido © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.