A Informatica galega celebrou a súa gran 'noite'

Adrián Pérez Diéguez, gañador do Premio Proxecto Fin de Carreira do CPEIG © CPEIG

250 persoas participaron este venres en Compostela na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A gran cita do sector TIC galego, na que se reúnen colexiadas e colexiados, empresariado e responsables das distintas administracións contou co monologuista Rober Bodegas como mestre de cerimonias. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, salientou que o sector das tecnoloxías da información galego está “á cabeza do Estado”. O número de empresas do sector en Galicia superou as dúas mil, cun crecemento superior ao 15% desde 2010 e, na actualidade, emprega a máis de quince mil traballadores.

O pontevedrés Adrián Pérez Diéguez gañou o Premio Proxecto Fin de Carreira polo seu traballo Programación de Algoritmos de Redución nunha GPU

O pontevedrés Adrián Pérez Diéguez gañou o Premio Proxecto Fin de Carreira polo seu traballo Programación de Algoritmos de Redución nunha GPU. En palabras do propio gañador, o traballo premiado responde a que "as tarxetas gráficas conseguiron na actualidade un gran poder computacional, e estanse utilizando para facer complexos cálculos científicos a moita máis velocidade que a dun procesador. Neste proxecto desenvolvemos unha libraría matemática, moi utilizada por exemplo en simulacións de ciencias físicas e bolsistas, obtendo un rendemento moito maior que as librarías comerciais xa existentes para este tipo de hardware".

Entre os restantes galardóns, o Premio Iniciativa da Administración recoñeceu o labor da Axencia Galega de Innovación, polo fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico. Dentro das iniciativas postas en marcha pola axencia, destaca a elaboración da estratexia RIS3 en Galicia. O Premio Iniciativa Emprendedora foi para Torusware. Torus Software Solutions (Torusware) é unha spin-off  da Universidade da Coruña. Naceu para a comercialización dun conxunto de tecnoloxías desenvolvidas polo Grupo de Investigación de Arquitectura de Informática nos últimos 10 anos.

O Premio Ada Byron foi Bertha Guijarro Berdiñas

O Premio Ada Byron foi Bertha Guijarro Berdiñas, vicecoordinadora-responsable científica do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Premio Iniciativa Empresarial foi para Igalia. Igalia naceu da man de dez enxeñeiros en Informática co obxectivo de crear unha empresa baseada na cooperación, a innovación, a responsabilidade compartida e o software libre. Na actualidade, a empresa ten un equipo de 40 persoas que traballan desde oficinas de diversas cidades de España e doutros países, como os Estados Unidos, Corea, Finlandia e Suíza, ofrecéndolle os seus servizos a clientes de todo o mundo.

O Premio Iniciativa Empresarial foi para Igalia

O Premio Traxectoria Profesional foi para Francisco García Morán. Na actualidade é conselleiro xefe en TIC e foi director xeral de Informática da Comisión Europea. Despois de traballar durante varios anos no departamento de Informática do Ministerio de Educación e Ciencia e como responsable de diversos servizos informáticos na Xunta de Andalucía, incorporouse á Comisión Europea en 1986.Premio e-Inclusión foi para TADEGa, unha asociación sen ánimo de lucro constituída por profesionais da educación galega que se centran na atención á diversidade: diversidade funcional, terceira idade, multiculturalidade, o rural, altas capacidades, marxinalidade social, etc. O CPEIG recoñece mediante este premio o traballo desenvolvido por TADEGa a prol da eliminación da fenda dixital que frea o desenvolvemento das persoas con diversidade funcional.

Finalmente, entregouse unha mención especial para o CESGA polos seus 20 anos de traxectoria e nomeáronse Colexiados de Honra a Domingo Molina Moscoso e Jacinto Canales de Caso.

 

Nova edición de MexilOnseTuits

MexilOnseTuits, o Festival Social Media de Galicia, vén de abrir o prazo de candidaturas aos seus premios anuais, que se entregaráno vindeiro 18 de outubro no Auditorio Municipal de Cangas. Hai oito categorías: Mellor Blog de Moda, Mellor Blog Informativo/Cultural, Mellor Blog Turístico, Mellor Blog Gastronómico, Mellor Campaña Social, Mellor Campaña Comercial, Mellor Vídeo Viral e Mellor Integración E-commerce. 

Adrián Pérez Diéguez, gañador do Premio Proxecto Fin de Carreira do CPEIG © CPEIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.