A investigación reclama o seu lugar na sociedade

Concentración de investigadores na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

"Salvemos a investigación", "Con I+D+i hai futuro", "O investigador predoutoral non é un estudante é un traballador", estas e outras faixas e consignas centraron a mensaxe que neste 14 de xuño milleiros de investigadoras e investigadores quixeron lanzarlle á sociedade. A ciencia importa e o seu desenvolvemento en España está en grave risco por mor dos recortes que leva anos sufrindo. A convocatoria, lanzada polo colectivo Carta por la Ciencia, chegou seis meses despois das primeiras mobilización de científicos e constatou que no último ano os feitos só "agravaron o penoso escenario que denunciábamos".

Así o recolle o propio texto lido en todas as concentracións e actos que se repetiron en case todos os centros universitarios de España e que en Galicia tiveron na compostelá praza do Obradoiro o seu acto central. Máis de 300 persoas reuníronse para denunciar, por exemplo, que o orzamento total para investigación este ano é de 5.932 millóns de euros, mentres que os cartos públicos destinados a Bankia ascenden a 22.424 millóns de euros. Ou as enormes dificultades para desenvolver en España unha carreira investigadora, cos sucesivos recortes dos programas FPU/FPI ou dos contratos Ramón y Cajal y Juan de la Cierva (reducidos nun 30% na última convocatoria), ou coa prohibición de realizar novos contratos nas universidades.

"O sector da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico debe ser a base sobre a que asentar a economía se de verdade queremos ter futuro"

“Esperemos que isto sirva para algo, que os políticos escoiten as nosas reivindicacións e traten de rectificar as súas políticas nefastas en materia de investigación", di Blanca, investigadora na área de Bioloxía Celular. "Nun momento de crise entendemos que pode non haber cartos para todo, pero cremos que o sector da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico debe ser a base sobre a que asentar a economía se de verdade queremos ter futuro. Non nos podemos permitir ter unha economía baseada no ladrillo, e que a tecnoloxía se desenvolva noutros países para ter que comprarlla nós. Invístense moitos cartos na formación dos científicos, porque temos unhas carreiras moi longas. E non se pode perder todo iso", di.

"Non é que non haxa cartos. É un problema ideolóxico. Non hai vontade de que España sexa unha potencia científica, tense unha visión curtopracista"

Julio, investigador na área de saúde, sinala a este respecto que "non é que non haxa cartos. O máis importante é que os políticos crean na ciencia e na súa importancia. Non hai vontade de que España sexa unha potencia científica, tense unha visión curtopracista. E a ciencia é algo que dá resultados a longo prazo, e aínda por riba os beneficios máis importantes non son económicos, senón que se centran en melloras do nivel de vida da xente ou da súa saúde. É un problema ideolóxico", conclúe e engade que a clave está na falta de conciencia que existe na sociedade sobre a importancia da ciencia e da investigación: "É fácil recortar nisto, porque somos poucos e a sociedade non é consciente da importancia da investigación. O investigador postdoutoral non é un estudante, é un traballador. Eu estiven traballando no Reino Unido e a conciencia que ten a sociedade é moitisimo maior, respecta moito máis o que facemos".

"En ciencia non se gasta, invístese. E o importante é que os Gobernos teñan claro iso"

Pedro, físico experimental, pon o énfase nos acordos políticos para chegar a un consenso sobre a importancia da I+D+i: "Sería fundamental que todos os partidos políticos sentasen a debater e asinar unha Lei de Ciencia ou un plan co que se quere facer de aquí a 20 anos, para que non cambie o modelo con cada cambio de goberno. Acaban de aprobar unha Lei de innovación que é un desastre, e ademais apróbase sen consenso político". Para Pedro a clave está en que "en ciencia non se gasta, invístese. E o importante é que os Gobernos teñan claro iso". Sinala que "é importante investir en investigación básica, porque a medio e longo prazo é a que vai ir posibilitando avances no coñecemento e na técnica. Por exemplo o proxecto do LHC comezou hai máis de 20 anos e é agora cando está dando os seus froitos en múltiples aplicacións na tecnoloxía e noutras áreas".

 

Concentración de investigadores na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública
Concentración de investigadores na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.