Son axustes mínimos, case cosméticos. O Goberno aprobou a Lei de Mellora da Educación con pequenos retoques e unha velada declaración de guerra á Generalitat catalá e, de paso, ás linguas cooficiais. A polémica disposición da Lomce que obrigaba as comunidades con lingua propia a pagar colexios privados a aqueles alumnos que quixesen estudar co castelán como lingua vehicular mantense, pero con máis polémica aínda. Os pais deberán acudir ao ministerio, que será quen se encargue dos trámites e de soltar os cartos. Despois arranxará contas co goberno da comunidade, seguramente descontando o importe das asignacións autonómicas. E ao parecer non serán importes menores. O ministerio reserva un 10% do total do orzamento para a aplicación da lei durante o primeiro ano, cinco millóns de euros, para mandar a clase a uns 1.000 nenos, segundo os seus propios cálculos.
O Goberno adiantará o diñeiro para escolarizar nenos en español e logo pasaralle a 'factura' á comunidade autónoma
A sétima lei orgánica de Educación da democracia saíu do Consello de Ministros unha semana máis tarde do previsto para atender ás "observacións" do Consello de Estado, cuxo ditame sorprendeu ao criticar algúns dos puntos destacados da norma, como o da obriga das autonomías de garantir a escolarización en castelán, a eliminación de Educación para a Cidadanía ou o financiamento dos colexios que segregan os nenos por sexo. Todo, malia que o Consello de Estado está presidido polo galego José Manuel Romay Beccaría, home da máxima confianza de Mariano Rajoy e valedor de Núñez Feijóo na súau chegada á Xunta e como alternativa no PP estatal.
"O Consello de Ministros aproba unha lei que financia con cartos públicos a ignorancia do noso idioma; non llo consentiremos", di Queremos Galego
“Fálannos de harmonía e de bilingüismo e hoxe, Día das Letras Galegas, o Consello de Ministros aproba unha lei que financia con cartos públicos a ignorancia do noso idioma; non llo consentiremos”, asegurou Carlos Callón, voceiro de Queremos Galego, que advertiu do ataque que a lei Wert supón para o galego e para o resto de linguas cooficiais no Estado. Ademais, Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, destacou que "a única razón do PP para atacar a educación pública, laica, igualitaria e diversa linguísticamente é por criterios ideolóxicos cimentados na doutrina da ultra dereita”. “A teima por implantar un novo sistema educativo débese a cuestións ideolóxicas”, di, tras anunciar que o Bloque rexeitará con rotundidade a reforma educativa.
O Goberno elimina Educación para a Cidadanía malia a negativa do Consello de Estado
Pero ministerio teimou nas súas medidas máis polémicas. Tamén en canto á eliminación da materia de Educación para a Cidadanía, aínda que o Consello de Estado considerara que a nova Valores culturais e sociais non é suficiente para substituíla porque se estudaría como alternativa a Relixión. Aquí tamén hai unha pequena trampa para solucionar esta obxección. Relixión e a súa alternativa pasan a formar parte do currículo como dúas materias optativas pero independentes, de modo que un alumno podería elixir cursar ambas as dúas. Cidadanía, que o Consello de Estado considerou que "debería ser obrigatoria nalgún momento" non será unha materia en si mesma. O Goberno mantén que os seus contidos están integrados xa noutras partes do currículo.
O financiamento de colexios que separen os nenos por sexo era outra das disposicións polémicas e tamén un dos puntos sinalados polo Consello de Estado. A blindaxe aos centros vinculados á Igrexa nos que nenos e nenas estudan por separado estará recollidos na lei "o que deixaría sen efecto medidas como a de Andalucía de non financiar os seus concertos por esa razón", aínda que incluirá un pequeno apuntamento: que deben garantir que a educación non é diferenciada no contido, senón que as clases que se imparten son iguais para os dous sexos.
O Consello de Estado pedira que se esixise "unha xustificación obxectiva e razoable da excepción xeral da coeducación", ou sexa que se explique cales son os beneficios da segregación, e se fixen medidas académicas a favor da igualdade". Aínda que o das medidas podería estar recollido no apuntamento, a primeira parte, a da xustificación, parece non ser atendida polo Goberno.
O texto aprobado mantén os itinerarios, as reválildas e blinda a subvención de centros que segregan por sexo
O texto aprobado polo Consello de Ministros deixa intactas algunhas das disposicións máis polémicas do proxecto. Por exemplo, a modificación dos itinerarios que adianta a elección de vías distintas da ESO, o novo deseño da Formación Profesional (cunha modalidade básica) e outra dual, na que os alumnos estudarán boa parte do tempo en empresas.
Tamén quedan tal cal as reválidas, os exames externos aos que se someterá aos estudantes ao final de cada etapa educativa. O Consello de Estado aconsellara que esas probas as realizasen "funcionarios públicos e en ningún caso profesores contratados ou empresas privadas". Tamén criticara a reválida de Bacharelato, que substitúe á Selectividade, e que pon en mans das universidades as probas de ingreso, algo que non convencía ao Consello de Estado.