A patronal do transporte leva hoxe a xuízo a BlaBlaCar, usada por 125 mil persoas en Galicia

A patronal do transporte por estrada pide a suspensión da actividade de BlaBlaCar CC-BY-SA Septem Trionis

O futuro de BlaBlaCar en España ponse en xogo este xoves no xulgado do mercantil número 2 de Madrid, que estuda a demanda presentada pola patronal do transporte por estrada Confebús por competencia desleal. O xuíz Andrés Sánchez Magro, o mesmo que o pasado ano ditaminou que Uber deixase de prestar servizo no país, escoitará as partes e decidirá en primeiro lugar se atende a petición de Confebús, que demanda unha suspensión cautelar da actividade desta iniciativa de economía colaborativa. BlaBlacar, plataforma que pon en contacto persoas que queren compartir automóbil, ten máis de 125 mil usuarios e usuarias en Galicia e 2,5 millóns en todo o Estado.

Confebús pedirá este xoves unha suspensión cautelar da actividade de BlaBlaCar

Confebús sostén que a plataforma ten ánimo de lucro, cobrando unha comisión do 10% en cada viaxe, e que incumpre as normas reguladoras e de xestión dos servizos de transporte entre particulares. Porén, dende BlaBlaCar respóndese que actúa simplemente como “unha rede social que conecta persoas particulares que viaxan cara a un mesmo lugar compartindo os gastos da viaxe” e que polo tanto os usuarios e usuarias non teñen ánimo de lucro ningún. BlaBlaCar está presente en 19 países e os seus responsables aseguran que España é o único lugar onde están atopando este tipo de problemas.

A patronal do transporte sostén que a plataforma ten ánimo de lucro e que incumpre as normas reguladoras e de xestión dos servizos de transporte entre particulares

De igual xeito, a organización de consumidores OCU saíu esta semana en defensa da plataforma, salientando que a súa actividade é completamente legal e que as acusacións de Confebús "non teñen ningunha xustificación". En opinión da OCU, "Confebus erra o tiro e non comprende o alcance do consumo colaborativo. Os tempos están cambiando". O director de BlaBlaCar en España, Jaime Rodríguez de Santiago, salienta a este respecto que o crecemento exponencial experimentado pola compañía -que opera no país dende hai cinco anos- demostra "que BlaBlacar e o consumo colaborativo non son una moda, senón que forman parte dun cambio de mentalidade que acepta de maneira natural a coexistencia de distintas formas de viaxar e dun cambio de actitude global que xa existe en España".

En opinión da OCU, "Confebus erra o tiro e non comprende o alcance do consumo colaborativo. Os tempos están cambiando"

A Lei de Ordenación do Transporte Terrestre permite, no seu artigo 101, compartir os gastos da viaxe, sinalando que "o transporte particular non pode dar lugar a remuneración agás no suposto de gastos de desprazamento para o seu titular". Segundo a OCU, "resulta difícil enriquecerse como condutor de BlaBlaCar" pois "para cubrir a gasolina, as hipotéticas peaxes, o desgaste dos pneumáticos, a depreciación do coche, o seguro, os impostos... faría falla que o condutor levase 6 pasaxeiros. Só a partir de aí comezaría a gañar diñeiro. Algo imposible, xa que BlaBlaCar establece un máximo de 4 pasaxeiros".

A OCU lembra que a propia BlaBlaCar "toma medidas" para evitar que algún condutor ou condutora obteña lucro por este servizo, fixando un prezo máximo para cada traxecto. Ademais, inclúen un seguro que cobre tanto o condutor coma os pasaxeiros e persegue as posibles fraudes mediante a trazabilidade electrónica dos pagamentos. E conclúe que "lonxe de perseguir a ruína doutros colectivos, este tipo de iniciativas amplían o abano de opcións a disposición do consumidor" e ao mesmo tiempo promoven "un uso eficiente dos recursos". "Mellor un coche cheo circulando que catro facendo ese mesmo traxecto no mesmo momento", engade.

 

125 mil usuarios e usuarias en Galicia

A pasada semana BlaBlaCar anunciou que superara a cifra dos 125 mil usuarios e usuarias en Galicia, acadando os 2,5 millóns en toda España nos seus cinco anos de actividade

A pasada semana BlaBlaCar anunciou, coincidindo coa Semana da Mobilidade Sustentable, que superara a cifra dos 125 mil usuarios e usuarias en Galicia, acadando os 2,5 millóns en toda España nos seus cinco anos de actividade. Aseguraba ademais que os membros galegos da comunidade compartiran neste tempo máis de 62 millóns de quilómetros. Galicia sitúase como a sétima counidade autónoma por número total de usuarios e usuarias, por detrás de Andalucía, Madrid, Comunidade Valenciana, Castela-León, Cataluña e Estremadura.

A idade media dos usuarios e usuarias de BlaBlaCar é de 31 anos, experimentando un crecemento dende o 2010, que era de tan só 24. o 26% dos usuarios e usuarias ten entre 25 e 29 anos e outro 26% ten entre 30 e 39. O 71% ten traballo, o 13% estuda, outro 13% está no paro e o 3% está xubilado. 

 

Exemplos da oferta

En BlaBlaCar os usuarios e usuarias poden atopar prezos máis baratos que os que ofrecen o tren e as compañías de autobús

Se quixésemos viaxar este venres dende A Coruña a Vigo, en BlaBlaCar atoparíamos 7 persoas dispostas a compartir o seu coche, unha pola mañá e seis pola tarde, con prezos entre os 8 e os 10 euros por pasaxeiro. Á inversa, entre Vigo e A Coruña, hai 12 coches que se ofrecen a compartir gastos, con prezos semellantes. Esta mesma viaxe en autobús ten un custe de 16,70 euros e en tren entre 15,30 e 18,10.

Entre Vigo e Ourense ese mesmo día hai ata 40 ofertas, entre os 4 e os 6 euros, e 31 ofertas máis no sentido inverso (Ourense-Vigo). Este mesmo traxecto en autobús ten un custe de 11,20 euros, e en tren entre 12,45 e 20.

Entre Ourense e Lugo a oferta de BlaBlaCar para este venres é de 8 coches que ofrecen compartir gastos, cun prezo de entre 5 e 7 euros, e 5 automóbiles máis de Lugo a Ourense. Entre a cidade das Burgas e a cidade da murallas hai ese día unicamente un tren, cun prezo entre 11,35 euros e 19,30. E catro posibles autobuses ao longo do día, a 9,40 euros.

Entre Lugo e Ferrol a oferta que podemos atopar en BlaBlaCar para este venres é só de tres coches (e dous máis de Ferrol a Lugo), con prezos entre os 6 e os 9 euros. En tren (con dúas opcións dispoñibles) os prezos van dende os 12,45 aos 20,30 euros. En autobús hai sete servizos, a 12,50 euros.

Entre Ferrol e Compostela hai 11 viaxes en BlaBlaCar (e 7 á inversa), con prezos que van dos 5 aos 7 euros. En autobús a oferta é igualmente ampla (7 viaxes) cun custe de 10,35 euros. O billete para os dous únicos trens dispoñibles (facendo transbordo na Coruña) sitúase ao redor dos 13,50 euros.

Web de BlaBlaCar Dominio Público Praza Pública
BlaBlaCar leva cinco anos operando en España CC-BY motorblog
A patronal do transporte por estrada pide a suspensión da actividade de BlaBlaCar CC-BY-SA Septem Trionis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.