Unha sentenza xudicial pon freo aos cobros xeneralizados que as compañías telefónicas levan a cabo por liberar o teléfono móbil no caso de que quixese ser utilizado cun contrato dunha empresa diferente á que se adquiriu. O ditame do Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña estimou a demanda interposta pola Fiscalía, Adicae e particulares contra Vodafone e declarou nula por ser abusiva esa cláusula, tan habitual, relativa ao desbloqueo dos aparellos.
O xulgado estimou a demanda interposta por Fiscalía, Adicae e particulares contra Vodafone por cobrar por liberar os terminais
A demanda colectiva contra Vodafone centrábase no cobro de case 10 euros por desbloquear e liberar os móbiles logo de finalizar o período de permanencia na compañía. É a cláusula 8 dos seus contratos, onde a empresa aclaraba que "en caso de que o cliente adquira un terminal asociado ao servizo de Vodafone, o seu uso estará limitado ao devandito servizo" e na que engadía tamén que "no suposto de que o cliente estivese interesado en desbloquear o terminal, deberá seguir o procedemento de desbloqueo vixente en cada momento" e que establecía na súa web.
A sentenza do xuíz, do pasado mes de novembro, considera nula esa condición xeral da cláusula 8 dos contratos por liberalizar os móbiles e establece que "unha vez finalizado o período de permanencia, ou con anterioridade de terse abonado a cláusula penal ou se están cumprindo as obrigas derivadas do contrato, o cliente debe ter a posibilidade de utilizar libremente o terminal”.
O xuíz establece que o cliente debe ter a posibilidade de utilizar libremente o terminal unha vez finalizado o período de permanencia
O ditame do maxistrado, ademais, establece que a sentenza debe aplicarse a todos os clientes que xa tivesen contratado o servizo móbil con Vodafone, así como aos futuros contratos, e condena a compañía a devolver as cantidades cobradas, incluídos os impostos. Ao tempo, o xuíz acordou unha multa coercitiva á compañía de 5.000 euros por cada día por cada día que, pasados dous meses desde a sentenza, non puxese fin ás condicións da cláusula declaradas nulas.
O ditame senta un precedente importante nun sector, o da telefonía, moitas veces denunciado por condicións que se consideran abusivas para os clientes. Na súa demanda, a Fiscalía acusaba a Vodafone de impoñer unha limitación técnica aos seus terminais "que impide empregalos con outras compañías operadoras e restrinxe a posibilidade de destinalos a outros fins".