A porcentaxe de mulleres nas carreiras científicas no sistema universitario galego acada case o 50%. É certo que proporción é moi inferior que a que se rexistra nas humanidades ou nas ciencias sociais, e que en determinados campos, coma a informática ou algunhas enxeñarías, a súa presenza é aínda moito máis reducida do que sería desexable, ficando aínda lonxe da porcentaxe de homes. Porén, o seu número non deixa de crecer, tamén nos terceiros ciclos e nas carreiras investigadoras, tamén entre as doutoras e entre as docentes. Por ese motivo chama a atención sobremaneira que certos eidos académicos e institucionais, coma a Real Academia Galega de Ciencia, sigan sendo exclusivamente masculinos (ou case).
A RAGC foi creada en 1977 grazas ao impulso de Enrique Vidal Abascal, Isidro Parga Pondal, Luis Iglesias Iglesias, Domingo García Sabell, Antonio Fraguas e Eugenio Torre Enciso, membros da RAG. A catedrática de Farmacia María del Pilar Fernández Otero foi a primeira e única muller na RAGC, ingresando en 1978, pero o seu traslado fóra de Galicia en 1990 obrigouna a abandonar o seu posto. Dende entón, durante os últimos 24 anos a institución foi exclusivamente masculina, e non foi até o mes pasado que se aprobou a incorporación de dúas mulleres, Mª José Alonso e Alicia Estévez, que xunto a Ángel Carracedo e Fernando Pérez acceden á entidade. Alicia C. Estévez, experta en acuicultura, aseguraba daquela que “xa era hora de que entrasen mulleres”. E engadía que "a muller ten que estar representada en todos os ámbitos. De feito, hai moitas científicas que terían que estar antes na Academia. Pero a institución debe abrirse tamén aos mozos e mozas. Non fai falta culminar a vida científica”.
Durante os últimos 24 anos a institución foi exclusivamente masculina, e non foi até o mes pasado que se aprobou a incorporación de dúas mulleres, Mª José Alonso e Alicia Estévez
Este 23 de abril a RAGC celebra o Día do Científico Galego. Con motivo desta conmemoración a Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña lanza a campaña Día d@ Científic@ Galeg@, "escrito desta maneira, con arrobas que leven á reflexión sobre a necesidade de incluír as mulleres cando se fala de ciencia e tecnoloxía". A UDC lembra que o pasado ano as unidades de igualdade das tres universidades galegas lle remitiron ao presidente da RAGC unha carta "que non tivo resposta".
O pasado mes de decembro produciuse un relevo á fronte da Academia. Miguel Ángel Ríos Fernández tomou posesión como novo presidente da RAGC e xa nese momento prometeu que "haberá mulleres na Academia. En Galicia temos moi boas científicas”. A Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña "celebra" o nomeamento da primeira muller académica, pero lémbralle á institución a "invisibilización" á que someteu as mulleres científicas durante décadas.
A UDC pide recoñecer "as numerosas científicas galegas, ás que compre visibilizar para fomentar deste xeito modelos de mulleres lonxe dos estereotipos creados"
A campaña lanzada pola UDC está encabezada por un cartel composto por unha escolma das fotos que se presentaron ao I Concurso fotográfico Rosalind Franklin “As mulleres na ciencia e na tecnoloxía”, promovido pola Oficina de Igualdade de Xénero para visibilizar o papel das mulleres neses ámbitos. Con este cartel buscan "suxerirlle á Real Academia Galega da Ciencia que modifique o nome da efeméride, de xeito que se recoñeza ás numerosas científicas galegas, que sen dúbida tamén serán premiadas algún día e ás que compre visibilizar para fomentar deste xeito modelos de mulleres lonxe dos estereotipos creados".
