A UDC decide entre Julio Abalde e Fernando Martínez Abella o seu novo reitor

Julio Abalde e Fernando Martínez Abella, candidatos a reitor da UDC © UDC/MUNCYT

Hemeroteca

A votación, exclusivamente electrónica, levarase a cabo este mércores

A Universidade da Coruña celebra este mércores eleccións ao Reitorado. O actual reitor, Julio Abalde, representante dos sectores progresistas e nacionalistas da candidatura Nova Luce, enfróntase a Fernando Martínez Abella, que foi vicerreitor durante o mandato de José Luis Meilán. A votación realizarase exclusivamente de xeito electrónico ou telemático a través da web da UDC entre as 10 e as 19 horas deste 4 de decembro.

Julio Abalde, reitor dende o ano 2015 cando derrotou a Daniel Pena por unha ampla marxe (69,06% fronte a 30,94%), opta a un novo mandato de catro anos defendendo a xestión realizada e destacando o mantemento do cadro de persoal, a apertura da residencia universitaria coruñesa, o incremento nas bolsas e axudas ao estudantado ou os avances na transferencia de investigación e a internacionalización da UDC.

Julio Abalde © UDC

Julio Abalde sitúa a posta en marcha da cidade das TIC na Coruña como o principal obxectivo para os vindeiros catro anos

No seu programa, o catedrático de Microbioloxía sitúa a posta en marcha da cidade das TIC na Coruña como o principal obxectivo para os vindeiros catro anos, un proxecto "que fará da UDC un referente potenciando a investigación, internacionalización e transferencia dos nosos investigadores" e que vai máis aló da propia universidade, cualificándoo como "un proxecto de cidade e de país". Aposta igualmente por melloras no financiamento da universidade e por incrementar a relación coa empresa privada.

Tamén promete a expansión do Campus de Ferrol, coa construción do Centro de Investigación en Industria Intelixente e as novas dependencias universitarias coa Residencia de Batallóns. E a creación de tres campus de especialización: o Campus Industrial, o Campus Sustentabilidade e o Campus Innova. Así mesmo, prevé a implantación do Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía no curso 2020-2021.

Ademais, chama a continuar co 'Programa de Democratización do Coñecemento da Universidade Sénior' nas comarcas de Costa da Morte, Betanzos e As Pontes e estudar a súa implantación en novas áreas territoriais, establecendo unha sede permanente no Concello das Pontes de García Rodríguez cun programa formativo para maiores de 50 anos. 

Fernando Martínez Abella

Martínez Abella critica a "excesiva burocratización" que percibe nos actuais xestores da Universidade e denuncia que "a vida institucional está un pouco aletargada"

Pola súa banda, Fernando Martínez Abella, catedrático de Enxeñaría da Construción na Escola de Enxeñeiros de Camiños, preséntase en solitario, sen máis nomes na súa candidatura, destacando que con isto busca "reivindicar a eliminación dos bandos" na universidade e apostar por un cambio na estrutura e o sistema de reparto de vicerreitorados por centro. Así mesmo, defende "a desprofesionalización dos vicerreitorados" e evitar "a politización dos/as vicerreitores/as e a súa perpetuación, incompatible co desenrolo da súa carreira académica".

Critica a "excesiva burocratización" que percibe nos actuais xestores da Universidade e denuncia que "a vida institucional está un pouco aletargada". "O barco de gran tonelaxe que representa a Universidade da Coruña segue en marcha, obviamente, como o fai un gran buque cando se debilitan e apagan os seus motores: por inercia. A nosa nave móvese, pero a menor velocidade, e a súa singradura constata a escasa potencia do motor que a impulsa e da luz faro que a guía", sinala na presentación da súa candidatura.

No seu programa, Martínez Abella aposta por incrementar a relación da UDC coa Iberoamérica, establecendo alianzas con universidades latinoamericanas "para atraer novos estudantes e fomentar o intercambio de profesores". Defende tamén impulsar a Cidade das TIC, pero sinala que se debe buscar a súa "especialización" para "asegurar o seu éxito".

Fernando Martínez Abella © Muncyt

As últimas eleccións

Hai catro anos a votación do estudantado foi decisiva para asegurar a vitoria de Abalde

As eleccións ao Reitorado da UDC celebradas no outono de 2015 foron as primeiras nas que a votación foi totalmente electrónica. Aínda que Abalde gañou de forma clara, entre o profesorado doutor con vinculación permanente, Daniel Pena obtivo un 51,5% dos apoios, fronte a un 48,5% de Julio Abalde. No resto de categorías de persoal docente e investigador, o resultado foi semellante: 51,59 de Pena e 48,41 de Abalde. Porén, os votos dos e das estudantes decidiron o resultado, grazas ao apoio esmagador que lle deron a Abalde: 69,06% fronte a 30,94%. O candidato de Nova Luce tamén gañou con claridade entre o PAS: 58,19% fronte a 41,81%. 

Cómpre salientar que a participación creceu con respecto a anteriores eleccións, sobre todo entre o estudantado. O 26,86% exerceron o seu dereito ao voto, unha porcentaxe reducida, pero moi superior ao 19% de 2011. Tamén entre o PAS creceu a participación (88% fronte a 84% de 2011) e o mesmo sucedeu nas dúas categorías electorais do profesorado (94% e 76% fronte aos precedentes 91% e 67%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.