A UNED da Coruña anula, tralas protestas, un curso de astroloxía

O curso ía comezar este 23 de febreiro © UNED

"Iniciar os asistentes no descubrimento dos elementos principais da Astroloxía para que poidan chegar a saber de que trata o entramado astral, xa que constitúe un dos compoñentes esenciais de toda personalidade humana". Este era o obxectivo do curso Iniciación á Astroloxía: que é e que papel xoga nas nosas vidasque a UNED da Coruña ía acoller este mes e que a insitución universitaria vén de anular, despois das críticas recibidas nos últimos días. 

O curso buscaba "iniciar os asistentes no descubrimento dos elementos principais da Astroloxía para que poidan chegar a saber de que trata o entramado astral, xa que constitúe un dos compoñentes esenciais de toda personalidade humana"

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío publicara unha carta aberta (coa adhesión doutras catro entidades: Círculo Escéptico, Red de Prevención Sectaria y del Abuso de Debilidad, Sociedad para el Avance del Pensamiento Crítico e Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica) criticando que esta universidade a distancia acollese "actividades contrarias á razón e a ciencia". 

O curso íase desenvolver en catro sesións presenciais ata o vindeiro 3 de marzo, buscando "abordar a ausencia observada na sociedade que nos rodea dun coñecemento solvente, aínda que sexa mínimo, sobre a materia" e tiña un prezo de 30 euros. Ía ser impartido por Gonzalo de la Huerga Fidalgo, que foi maxistrado do TSXG, con relatorios como "O sistema astrolóxico e os seus subsistemas: a banda zodiacal" ou "O subsistema dos ambientes ou climas: os signos".

"Promover a astroloxía é promover o escurantismo e iso é o contrario do que se espera dunha universidade. As universidades son centros de saber, non espazos para a difusión de calotes e estafas"

Na súa carta, a Agrupación Astronómica Ío destacaba que "a astroloxía non é unha ciencia. Nunca o foi, por máis que no pasado algunhas figuras ilustres a tivesen como unha forma de coñecemento respectábel. A astroloxía é unha superstición e como tal carece de elementos racionais que xustifiquen as súas caprichosas e sempre equivocadas afirmacións". E subliñaba que "ao acoller un curso de astroloxía a UNED está dándolle credibilidade a algo que non o ten. Promover a astroloxía é promover o escurantismo e iso é o contrario do que se espera dunha universidade. As universidades son centros de saber, non espazos para a difusión de calotes e estafas. E deben ter moi presente que o prestixio dunha institución tarda moitos anos en conseguirse, mais para perdelo basta un instante".

 

O curso ía comezar este 23 de febreiro © UNED

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.