A Universidade da Coruña, terceira en España en difusión de software libre

Mapa do Índice de Difusión do Software Libre Dominio Público Praza Pública

A Universidade da Coruña situouse no terceiro posto entre as 72 universidades españolas na utilización do software libre, segundo o Índice de Difusión do Software Libre (IDSL). Trátase dun indicador que mide o compromiso das institucións académicas neste eido e que se calcula a partir de 67 indicadores que analizan todos os ámbitos da Universidade, desde docencia ata criterios tecnolóxicos, divulgación, produción, apoio institucional ou investigación. No caso da UDC, os criterios máis valorados foron os vencellados á divulgación e a investigación, tanto na cantidade de eventos celebrados e proxectos de investigación desenvolvidos sobre software libre nos que participou xunto con outras entidades como as colaboracións internacionais neste eido.

Estas puntuacións deixan o sistema universitario galego en segunda posición no Estado en canto a difusión de software libre, só por detrás de Canarias

Tamén se fai especial mención a este compromiso da UDC coa cultura do software libre no portal Mancomún, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia, que destaca a segunda posición de Galicia neste ranking, mencionando como punto forte o criterio de axuda, no que as universidades galegas ocupan completamente o podium. Ademais, destaca o segundo posto da UDC nos criterios de divulgación e apoio institucional. Tamén indica que aínda que os resultados son positivos e mellores respecto do ano pasado, aínda queda camiño por percorrer. Así, atendendo ao IDSL das universidades galegas, que é un valor que indica o esforzo de cada universidade por difundir o software libre, sitúase en primeiro lugar a UDC cunha puntuación de 60,63.

A Universidade de Santiago situouse na sexta posición nesta clasificación, con 47,09 puntos, e a Universidade de Vigo foi novena, con 31.99 puntos. Estas puntuacións deixan o sistema universitario galego en segunda posición no Estado en canto a difusión de software libre, só por detrás de Canarias. 

Mapa do Índice de Difusión do Software Libre Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.